
Falta información e non están claros os obxectivos. Así valoraron propietarios forestais do interior de Lugo a prórroga da moratoria do eucalipto que se vai estender ata 2030. Queren saber exactamente como se van xestionar os dereitos de plantación e cal vai ser a situación dos piñeirais afectados polas bandas marrón e vermella. Algo máis dun cento de propietarios reuníronse en Castroverde a pasada semana e decidiron crear unha asociación, que en poucos días xa suma máis de 250 socios.
Manuel Marey, presidente da comunidade de montes de Tórdea (Castroverde) e catedrático de produción forestal establece un paralelismo co que sucedeu coas cotas lácteas, que estiveron vixentes dende a entrada de España na Comunidade Económica Europea en 1986 ata o ano 2015.
“Daquela impediuse mediante as cotas que se puidera desenvolver todo o potencial produtivo do sector leiteiro galego. Preferiuse deixar os dereitos de produción en mans de quen tiña excedentes lácteos en lugar de permitir medrar a quen non tiña cota. Tememos que con esta moratoria suceda o mesmo: que só nos lugares onde xa hai eucalipto se concedan dereitos de plantación para levalos a outras zonas.”, di Marey.
A prórroga da moratoria pode ter uns efectos tan negativos nestas comarcas como tivo no seu día a imposición das cotas lácteas. (Manuel Marey, Comunidade de Montes de Tórdea)
O catedrático e propietario forestal teme que se poida producir unha “colonización” dos distritos X (Terra Chá), IX (Lugo – Sarria) e VII (A Fonsagrada – Ancares) por parte de propietarios e empresas das zonas de costa, onde prolifera o eucalipto. “Alí xa teñen a árbore e non lles queda máis espazo. Un reparto que os dote de máis dereitos pode levar a que desembarquen aquí e se fagan novas plantacións nas que os veciños desta parte non teriamos ningunha participación.”

Os propietarios dos distritos forestais IX, X e VII queren poder acceder a dereitos de plantación de eucalipto en igualdade de condicións
Marey lembra que nos concellos de Castroverde, Baleira e A Fonsagrada o eucalipto só representa o 15% da superficie forestal. “Non queremos un monocultivo de eucalipto como o que se ve na Mariña. Pero queremos ter o dereito a producir todo o que nos sexa posible. E, con esta moratoria, non semella que vaia ser así. Reclamamos claridade e respecto para os propietarios destes distritos.”
Para Marey, a excepción da moratoria que se quere aplicar nos piñeirais afectados por bandas de fungos tamén presenta eivas. Os propietarios non temos información sobre como se vai proceder cos piñeirais afectados. “Non hai ningún elemento que nos permita saber como se vai aplicar a excepción. Como se mide o grao de afectación? Quen o determina.”
Manuel Fernández, presidente da Cooperativa Forestal Chorima tamén participa na asociación que se está a constituír. “Esta moratoria cáusanos máis perxuizos ca a anterior. Tememos que os propietarios de zonas de costa veñan plantar aquí para aproveitar os seus dereitos e que a nós non se nos permita facelo ou non se nos cedan dereitos.”

Entre os asistentes houbo propietarios forestais, comunidades de montes e técnicos do sector
Fernández pon o foco nos piñeirais afectados polas bandas de fungos. “Habería que ter un rexistro claro de cales son os concellos e as parcelas afectadas e a que nivel. E permitir un aproveitamento efectivo. Agora só nos autorizarían a plantar un 50% de eucalipto na parcela e o resto a frondosa ou conífera. E cunha única corta de eucalipto autorizada. Eso non resolve nada e desanima o produtor.”
A solución que se da para os piñeirais afectados por bandas non só non é útil senón que desanima o produtor. (Manuel Fernández, Cooperativa Chorima)
Por outro lado, no distrito VII -parte da montaña luguesa- hai terreos a altitudes moi elevadas nas que non é posible o cultivo de frondosas. “Dese xeito, hai moitas familias e comunidades que só poden plantar uns piñeiros que estarán indefensos ante as bandas. Todo fai pensar nun abandono masivo e xa sabemos o que pasa no monte cando se abandona.”
O presidente de Chorima sinala que a media de idade dos produtores forestais é moi elevada. “A xente nova non ve futuro neste sector. Todo son atrancos. E traballamos con orazos nunca inferiores a 20 ou 25 anos. Esta moratoria e o resto de normativas forestais deberían buscar a maneira de atraer xente o sector e non alonxala.”
Fernández sinalou que a asociación xa está en proceso de constituírse e fai un chamamento os propietarios forestais de toda a provincia de Lugo para facer oír a súa voz e defender en común os seus intereses. “Xa hai constancia da venda de terreos nesta zona que se van destinar á produción de eucalipto nintens por parte de operadores da Mariña. Se nos unimos, defenderémonos mellor.”
Raúl García, propietario e enxeñeiro forestal da Fonsagrada está convencido da necesidade de crear a asociación. “Preocúpame especialmente o que vai pasar cos piñeirais afectados por bandas. Non hai ferramentas para medir a afectación e, en canto as desenvolven, pasa o tempo. Non é só que só poidas aproveitar eficazmente o 50% da parcela senón que ademais ata podes estar incurrindo nunha ilegalidade sen sabelo.”
Tal como está concibida a prórroga, fai pensar nun desembarco nestes concellos de operadores foráneos con dereitos de plantación que nós non temos. (Raúl García, propietario forestal)
García considera que, de momento, o cultivo do piñeiro radiata non é viable na súa comarca. “Non hai tratamentos efectivos para combater as bandas e o pouco que hai é inasumible. Non hai recursos económicos nin técnicos para sulfatar dúas veces ao ano. Así que, sendo conscientes de que nestas zonas altas as frondosas non dan rendemento, o único que nos queda é o eucalipto.”
O propietario cre altamente probable que empresas das zonas de costa se fagan con terreos e masas arboradas en base aos dereitos de plantación para plantar nos distritos X (Terra Chá), IX (Lugo – Sarria) e VII (A Fonsagrada – Ancares). “O que sabemos do texto da prórroga da moratoria lévanos a pensar que se pode producir unha certa colonización das nosas comarcas por operadores forestais doutras zonas de Galicia.”
García dixo que a nova asociación podería chamarse Asociación Forestal do Interior de Lugo e que se fala de crear unha xunta directiva na que estean representadas todas as comarcas afectadas e os diferentes perfís profesionais do sector forestal lugués.
Medio Rural destaca o apoio aos afectados polas bandas do piñeiro para evitar o abandono dos terreos
A Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recordou que a ampliación da moratoria do eucalipto inclúe a flexibilización orientada a dar unha alternativa aos propietarios ante a situación excepcional que vive o piñeiro radiata.
A flexibilización consiste na posibilidade que se ofrece para as “plantacións gravemente afectadas pola banda marrón, nas que se poderá substituír ata un máximo do 50% da superficie por eucalipto durante unha única quenda de corta. Iso si, a metade restante deberá reforestarse con coníferas ou frondosas.”

María José Gómez, visitou a comunidade de montes veciñais en man común de Acebreiro, no concello lucense da Pastoriza
Gómez sinalou que “esta medida súmase a unha segunda flexibilización que consiste en permitir novas plantacións de eucalipto para substituír aquelas xa existentes, sempre e cando a parcela inicial se transforme a coníferas e frondosas e a superficie da nova repoboación non supere, con carácter xeral, o 75% do eucalipto que había na inicial.”
A responsable de Medio Rural afirma que a ampliación da moratoria do eucalipto ata 2030 procura que “os propietarios forestais poidan producir máis e mellor, pero en menor superficie. O obcxectivo é conseguir o máximo aproveitamento do recurso ao mesmo tempo que se segue protexendo e diversificando o territorio e se loita contra o abandono dos terreos.”
A conselleira subliñou tamén a aposta da Xunta pola sanidade forestal, “que se pon de manifesto mediante traballos -en coordinación co sector- para a recuperación das masas afectadas de piñeiro pola banda marrón con tratamentos fitosanitarios e por medio da selección xenética de árbores candidatas por resistencia, entre outras medidas.”
María José Gómez, visitou a comunidade de montes veciñais en man común de Acebreiro, no concello lucense da Pastoriza, que están afectados pola doenza da banda marrón do piñeiro. Alí explicou os diferentes apoios postos en marcha pola Xunta de Galicia para paliar esta situación co obxectivo de evitar o abandono do rural e garantir a sustentabilidade forestal.
Galego








Control OJD