As organizacións de axentes forestais e colectivos do ámbito xurídico mobilizáronse nas últimas semanas en contra da modificación da Lei de Montes por entender que recortaría as funcións dos axentes forestais. A ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, interveu onte na polémica para negar a maior. Tejerina asegurou na sesión de control ao Goberno no Senado que a modificación de Lei de Montes non altera as competencias legalmente atribuídas aos axentes forestais e medioambientais.
Na súa comparecencia, García Tejerina recalcou que este proxecto de lei “reforza a necesaria coordinación no ámbito forestal entre as competencias legalmente asignadas ás forzas e corpos de seguridade e aos axentes forestais”. Tejerina subliñou que os axentes forestais non perden ningunha competencia, xa que “poderán seguir investigando e denunciando cantas condutas entendan procedente, do mesmo xeito que facían antes”, segundo recolle unha nota de prensa do Ministerio de Agricultura.
A ministra defende que o único que perfila o proxecto de lei é o modo de coordinarse coas forzas e corpos de seguridade, “cando estas concorren cos axentes forestales nun mesmo acto e para un mesmo feito, o que ocorre tan só nun 2% dos casos”. Trátase, engadiu, “de garantir a máxima eficacia e axilidade na persecución das infracciones administrativas ou delitos cometidos contra o medio ambiente”.
En definitiva, o proxecto de lei “non altera nin restrinxe en absoluto as potestades e facultades que teñen atribuídas os axentes forestais”, reiterou. “De feito, estas competencias mantéñense nos mesmos términos que recolle a lexislación vixente, tanto na súa condición de policía xudicial como na de axentes da autoridade”, conclúe o Ministerio.