Tejerina anuncia unha axuda de 300 euros por vaca para as explotacións con maiores dificultades

A ministra asegura que a medida podería beneficiar a entre 2.500 e 3.000 explotacións, se ben Agricultura non aclarou aínda os criterios para a súa concesión

Tejerina anuncia unha axuda de 300 euros por vaca para as explotacións con maiores dificultades

A ministra de Agricultura anunciou esta mañá a medida.

Agricultura concederá unha axuda directa de 300 euros por vaca para as explotacións que atravesan por maiores problemas de rendibilidade, segundo anunciou a ministra, Isabel García Tejerina, esta mañá. A titular de Agricultura estima que a axuda podería beneficiar a entre 2.500 e 3.000 explotacións.

O Ministerio non aclarou aínda que criterios se seguirán para a concesión da subvención, pero a cifra de explotacións beneficiarias -entre 2.500 e 3.000- coincide coas que están a percibir en Galicia menos de 26 céntimos de media por litro de leite.

A ministra sinalou que a axuda beneficiaría ás explotacións que están vendendo o leite “por debaixo da rendibilidade”, se ben, dado que os custos de produción do leite se sitúan, segundo datos ministeriais, en 34 céntimos litro, e que o prezo medio en orixe en España rolda os 30,3 céntimos por litro, todo apunta a que Agricultura se refire en realidade a que a axuda beneficiará ao grupo de explotacións que menos cobran por litro de leite; non a todas as que cobran por debaixo dos seus custos de produción, que son maioría.

Galicia é a comunidade de España con menor prezo medio en orixe, por debaixo dos 28 céntimos, polo que é de esperar que a maioría destas axudas directas vaian a parar a explotacións galegas. O prezo medio do leite ao gandeiro é en Galicia de 27,9 céntimos polos 30,3 de media en España. Só outra comunidade, Cantabria, ten un prezo medio inferior aos 30 céntimos (29,5).

Demandas do sector
Nas últimas semanas, organizacións agrarias e cooperativas viñan demandando medidas urxentes que contribuísen a recuperar os prezos para o conxunto do sector, pero con especial urxencia para as explotacións que atravesaban por maiores dificultades. Os datos que manexaban as organizacións do agro apuntaban a que unhas 2.500 explotacións -un 25% do total galego- estaban cobrando en Galicia por debaixo dos 26 céntimos e destas, unhas 500 menos de 20 céntimos.

A medida anunciada esta mañá pola ministra no programa Agrocope, e despois confirmada en nota de prensa ministerial, busca paliar as situacións máis urxentes que se están a rexistrar no agro. O Ministerio tamén baralla establecer unha moratoria dun ano no pagamento dos créditos concedidos polo Ministerio aos gandeiros.

De cara ao conxunto das explotacións lácteas, Agricultura recordou que en setembro, tras o Consello de ministros de Agricultura da UE (7 de setembro), está prevista unha reunión do conxunto do sector lácteo en España (10 de setembro) na que se abordarán os compromisos concretos aos que están dispostos a chegar industrias, distribución e gandeiros de cara a que se recupere o prezo en orixe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información