En Becerreá (Lugo), igual que noutros concellos do interior galego, as terras van quedando a monte a medida que desaparecen explotacións gandeiras. Miguel Cordero e Yolanda Gómez, unha parella de enxeñeiros forestais, querían evitar que lles sucedera iso coas fincas da familia, así que no 2013 mercaron un par de cabras para manter limpa a parcela da casa e, ao ano seguinte, fixéronse cun rabaño de 20 para rozar as fincas familiares.
Os bos resultados e o doado manexo do rabaño animáronos a aumentar o número de animais e a ampliar a súa base territorial. Chegaron a acordos con veciños, que en moitos casos tiñan as fincas abandonadas, e tamén alugaron terreos a través do Banco de Terras. Así, o que comezou como un pasatempo foise transformando nunha explotación a tempo parcial.
A gandería, que leva por nome Granxa Teixeiro e Pistón, conta na actualidade cun rabaño de arredor de 140 cabezas de cabra galega e de negra serrana. Traballan nela a tempo parcial tanto Miguel como Yolanda, que complementan a atención ó gando con outros traballos.
“Cando creamos a granxa, a idea que tiñamos era facer algo que non dese moito traballo e que fose compatible coas nosas ocupacións, por iso nos decidimos por unha gandería extensiva de cabrún”, lembra Miguel.
“Os grandes problemas cos que nos atopamos son a dispersión da base territorial e a comercialización” (Miguel Cordero)
“A intención era que fose para nós como un hobby, unha actividade coa que disfrutar fins de semana e festivos, e que non dese perdas, aínda que tampouco beneficios. Co rabaño que temos agora, xa podemos considerar a actividade como un complemento da renda familiar -valora-, pero atopámonos con problemas graves, como o da base territorial, que dificultan a viabilidade da granxa”.
Dispersión territorial
Se nun comezo, xestionar un rabaño de 20 cabras era tarefa que semellaba sinxela, a medida que a granxa foi medrando, as dificultades pola dispersión das terras disparáronse. “Resulta complicado agrupar parcelas en conxuntos de máis de 1,5-2 hectáreas continuas, así que temos arredor dunha trintena de terreos con peches nos que imos rotando o gando”, explica Miguel Cordero.
O traslado do gando entre parcelas e o mantemento dos peches ocupan máis do 60% do tempo de traballo da granxa”
O minifundio, unido á dispersión das terras, obriga a constantes transportes de animais no remolque e a traballos periódicos de roza e mantemento dos peches, a fin de que non queden inutilizados polo crecemento do mato exterior. “Entre o transporte e o mantemento dos peches, podemos estar falando de máis dun 60% do traballo total que require a granxa”, recoñece Miguel.
A explotación conta con arredor de 20-30 hectáreas no entorno de Becerreá e tamén alugou, por medio do Banco de Terras, parcelas en Lugo, Castroverde e nun monte veciñal de Cervantes. O monte de Cervantes, que supera as 40 hectáreas, é unha das súas principais expectativas de cara ó futuro, pois podería reducir o nomadismo dos animais. “É un monte que habería que habilitar a través de queimas controladas, pero polo de agora non se puideron acometer”, contan.
Sobreesforzo polo lobo
As parcelas utilizadas para o gando péchanse con catro fíos de pastor eléctrico separados por uns 25 céntimetros. O obxectivo é evitar que as cabras saian, pero tamén que os lobos entren. A granxa sufriu a perda duns cinco animais hai un par de anos. Dous anos despois, veñen de cobrar a indemnización polos dous animais que apareceron mortos polo lobo. O resto, que non se atoparon, non son indemnizables.
“O lobo provoca un subrecusto económico e un traballo diario a maiores que ninguén compensa”
“Estamos nunha zona na que convivimos co lobo, o que nos obriga a un esforzo extra que ninguén compensa. Claramente, o lobo provoca un sobrecusto económico e no traballo diario. Temos sete mastíns, que tivemos que criar e adestrar, e ós que temos que alimentar. E nas zonas que consideramos máis problemáticas, poñemos tamén dous fíos extra de pastor eléctrico”, detalla Miguel.
As axudas á prevención de danos de lobo, que convocou o pasado ano Medio Ambiente, son vistas pola granxa como unha vía para fomentar o investimento en medidas preventivas, pero botan en falta que non haxa apoios para o seu mantemento. “As explotacións temos ano a ano unha carga extra polo lobo que non se compensa”, conclúen.
“O futuro da comercialización tende a marcas de calidade que prestixien o produto”
A granxa Teixeiro e Pistón comezou a comercializar o gando a través da venda a particulares do seu entorno. “Atopámonos con que era o que funcionaba mellor. Esíxeche ter unha rede de clientes coñecidos que valoren o produto, pero polo de agora é a mellor vía”, sinala Miguel. O outro pilar das vendas da explotación radica na comercialización de recría para vida.
A venda de animais para vida constitúe unha das súas principais vías de ingresos na actualidade
De cara ó futuro, a venda da carne a través de supermercados é o reto ao que se enfrontan as explotacións galegas de cabrún e de ovino. Teixeiro e Pistón xa fixo probas con supermercados locais, logo de sacrificar, despezar e envasar os animais nun matadoiro. “É un proceso que dispara moito os custos e que a día de hoxe non é viable. De todos os xeitos, pensamos que o futuro debe ir por ese camiño, por dar a coñecer o produto entre os consumidores e por ir chegando á xente máis nova a través das cadeas de distribución”, valoran.
Marcas de calidade
A gandería está implicada na marca de calidade ‘Pastores de Galicia’, que comercializa cabritos e años criados co leite das nais e cos pastos galegos. “Ese é un camiño para prestixiar a produción e que se lle recoñeza a súa calidade. Pola nosa parte, estamos tamén en conversión á agricultura ecolóxica, que é outra vía complementaria que vemos positiva, e producimos ademais cabra galega, que pode usar a marca ‘100% Raza Autóctona Galega”.
Razas
Desde un comezo, a granxa apostou por traballar dúas razas, a cabra galega, unha raza autóctona que estivo en perigo de extinción e que se está a recuperar nos últimos anos, e a negra serrana, unha raza andaluza empregada en áreas de montaña. “A intención inicial era comparar o funcionamento das dúas razas e decantarnos pola que funcionase mellor, pero vimos que son complementarias, así que continuamos traballando coas dúas”, indica Miguel.
A negra serrana resultou adaptarse ben ás condicións de frío e choiva de Galicia, ofrecendo canais cunha maior uniformidade e peso, pero trátase dun animal que prefire pastos herbáceos, en tanto o punto forte da cabra galega é a súa rusticidade e a súa capacidade para aproveitar o mato no monte.
Recría para vida
Ao traballar con dúas razas puras, que a explotación vai seleccionando, outro mercado que está a demostrarse importante para a granxa é o da recría para vida, tanto o de machos, para sementais, como o de femias reprodutoras. “A día de hoxe é o máis viable e proporciónanos unha parte importante dos ingresos”, conclúen.
Outra vía que era tradicional no sector, como a venda a intermediarios, é descartada pola granxa, xa que non interesa, din, nin a nivel económico nin no relativo a prestixiar a produción galega.