Tecnocun: A estratexia para minimizar o uso de antibióticos en cunicultura

Este proxecto de investigación, impulsado pola cooperativa Cogal, pon o foco no desenvolvemento de vacinas e en melloras na nutrición dos animais para minimizar o uso de antibióticos. Coñecemos en que aspectos traballan

Tecnocun: A estratexia para minimizar o uso de antibióticos en cunicultura

Reducir o uso de antibióticos é un reto que está presente en todos os sectores gandeiros e no que se está traballando desde hai anos. España é aínda o segundo país no que máis se utilizan os antibióticos, nun momento en que Europa fomenta a produción case sen empregar estes fármacos. Unha destas iniciativas para minimizar o emprego de antibióticos é o proxecto Tecnocun, centrado na produción de coellos, impulsado pola cooperativa galega Cogal.

Este estudo centrouse tanto en traballar pola obtención de vacinas como en deseñar solucións tecnolóxicas para os pensos co fin de reducir o uso dos antibióticos. Coñecemos os detalles destas investigacións presentadas, en días pasados, nas xornadas de cunicultura celebradas na Feira Cimag Gandagro.

Vacinas para reprodutoras e gazapos

Un dos apartados nos que se centrou este proxecto é en controlar as enfermidades provocadas por bacterias coliformes, como E-Coli, e coccidios, que afectan directamente ao sistema dixestivo dos coellos e que provocan que sexa necesario un tratamento a base de antibióticos. Neste sentido, desenvolveron vacinas tanto para reprodutoras como para gazapos. Trátase de vacinas bivalentes que buscan facer fronte a estes procesos dixestivos que, en boa parte dos casos, son provocados por varios patóxenos.

Desenvolveron vacinas bivalentes para afrontar enfermidades provocadas por bacterias como E-Coli

Ademais, o seu traballo de desenvolvemento de vacinas tamén lles serviu para analizar a transmisión da inmunidade das nais aos gazapos e comprender mellor como utilizar as vacinas e obter mellores resultados na granxa. “Esta investigación valeunos moito para coñecer como actúan as autovacinas e mellorar tamén na súa aplicación”, especifica o veterinario de Cogal, Julián Gullón Álvarez.

Cogal xa traballara antes sobre o control de patoloxías dixestivas no proxecto Conecun, que serviu agora de base para esta investigación.

Mellorar as dietas

Para reducir o uso de antibióticos, este estudo tamén incidiu na dieta dos coellos e, en concreto, no consumo destes fármacos xa nos pensos. Así, estudaron como evolucionan as patoloxías debidas ao E. Coli despois de realizar controis de diagnóstico na granxa e estudos para determinar a susceptibilidade destas bacterias.

Outra das patoloxías intestinais á que prestaron especial interese foi á Coccidiose. De maneira que realizaron varios traballos para evitar que os coccidios se transmitans da nai á súa camada a través do niño.

Realizaron estudos para reducir a incidencia de coccidios a base de incluír produtos naturais na dieta dos coellos

Tamén introduciron distintos produtos naturais fronte aos coccidios en coellos en fase de cebo. “Estamos a ter resultados realmente interesantes que nos convidan a seguir profundizando nestes produtos naturais”, indica Julián Gullón.

Estes traballos de investigación tamén incluíron unha fase de monitorización na que comprobaron a evolución dos coellos que foron alimentados con pensos con tratamentos para enfermidades intestinais fronte a aqueles que foron alimentados con pensos sen ningún tipo de tratamento. Este seguimento permitiulles analizar as diferenzas entre uns animais e outros e apreciar as transformacións da flora intestinal dos coellos tras incluír na dieta os pensos con tratamentos.

Coñecer os microorganismos

Tamén co obxectivo de reducir o uso de antibióticos, neste proxecto levouse a cabo un estudo a nivel metaxenómico, é dicir, unha investigación de todos os microorganismos do aparello dixestivo dos coellos, mediante a extracción e análise do ADN dos animais. “Isto permítenos coñecer o estado do aparello dixestivo, mesmo en coellos sans, de maneira que poidamos anticiparnos, nalgúns casos co aporte de probióticos ou prebióticos, antes de que os animais enfermen”, concreta o veterinario.

Combinar prevención e melloras en alimentación

Tal e como explicaban desde o departamento de veterinaria de Cogal, o proxecto conta tamén cunha fase na que se aposta por combinar tanto as medidas desenvolvidas no campo da alimentación como en materia de prevención coas vacinas. Esta fase, na que aínda se atopan traballando, comprende tamén un contacto directo coas granxas cunícolas “ás que iremos trasladando todas as novidades que xurdan co traballo”, aseguran.

No proxecto liderado por Cogal tamén participaron as empresas Cooperativa Ourensás Coren, que contribuíu sobre todo coa súa experiencia na produción de pensos para coellos, e a firma CZ Vaccines, centrada no desenvolvemento das vacinas. De feito, estas tres empresas formaron un consorcio para poder asumir o investimento en I+D+I de máis dun millón de euros que supuxo o proxecto.

Xunto con estas firmas empresariais, no proxecto tamén participou o grupo Invesaga, da Facultade de Veterinaria de Lugo, así como o Centro Tecnolóxico de Acuicultura (Cetga) ou a empresa Geneaqua, encargada da investigación en metaxenómica, entre outros colaboradores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información