As técnicas de intensificación ecolóxica logran melloras nos viñedos e no viño

A adega Terras Gauda comprobou o éxito de prácticas como a osixenación da terra, o uso de vermicompost como abono ou o emprego de cubertas vexetais nas rúas da plantación. O novo manexo, introducido hai dous anos nunha parcela de ensaio, extenderase nun futuro a todas as súas plantacións

Publicidade
As técnicas de intensificación ecolóxica logran melloras nos viñedos e no viño

Viñedos de Terras Gauda onde se desenvolveron as novas prácticas.

A adega do Rosal Terras Gauda emprendeu fai dous anos o proxecto internacional ‘Bettersoil’ (Mellor solo), en colaboración coa Finca Von Wigstein (Arxentina), con Jorge Domínguez, catedrático do departamento de ecoloxía da Universidade de Vigo, e co INTA de Mendoza (Arxentina). O marco da investigación é a búsqueda da sostibilidade na súa viticultura. Os resultados obtidos no 2020 e 2021 supuxeron un cambio de perspectiva da marca, levándoos a un terceiro ano de proba no estudo. Ata o de agora, entre as conclusións máis rechamantes está a conexión das técnicas de intensificación ecolóxica cunha mellora da biodiversidade do solo e da saúde da planta.

Os retos de desenvolvemento sostible procuran unha maior implicación das empresas no ámbito medioambiental. Neste contexto, ‘Bettersoil’ naceu coa intención de “reactivar e mellorar a biodiversidade do solo e ver os efectos directos que isto ten sobre a planta e o viño”, explica Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico da adega. O seu campo de experimento foi unha parcela de ensaio, que mantiveron en contraste cun terreo de testemuña, no cal se seguía traballando do xeito que era habitual ata o de agora.

En que consisten as técnicas de intensificación ecolóxica?
A procura dun manexo do solo máis sostible é unha das bases sobre as que se asenta esta metodoloxía de traballo experimental. A colaboración de Terras Gauda coa adega arxentina, que practica viticultura biodinámica, levou á adega galega a introducir técnicas de intensificación ecolóxica, como a osixenación do solo, o uso de determinadas cubertas vexetais ou a aplicación de compost naturais a base de bagazo de uva.

Durante o estudo, a osixenación do solo incluíu traballos manuais na liña de cultivo da planta, así como nas rúas, nas que posteriormente sementaron cubertas vexetais cunha mestura de sementes, como leguminosas, alfalfa e especies florais, para incrementar a riqueza microbiolóxica do solo.

Co obxectivo de non usar fertilizantes químicos, o proxecto xerou un ‘vermicompost’ a base de bagazo de uva para abonar a vide. “Sacamos unha materia prima natural a partir da propia uva, polo que as propiedades que pode aportar son interesantes”, comentou Rodríguez Canas. Baixo a mesma concepción ecolóxica do cultivo, reduciron o máximo posible o uso de fitosanitarios , “para impulsar a restauración da diversidade do solo”, detallou Emilio Rodríguez.

Resultados e futuro do proxecto
A resposta conxunta da tecnificación ecolóxica da parcela analizouse a través de diferentes tipos de análises. O resultado observado en todas foi que “o contido de clorofila das follas das vides foi maior que na parcela testemuña, o que se traduciu en plantas máis vigorosas, con mellor saúde, e máis resistentes ás enfermidades”, concretou o director enolóxico de Terras Gauda.

Estes cambios inducidos no sistema das plantas deu lugar a mostras de avances sanitarios con respecto ás viñas de control. “En consecuencia das melloras na vitalidade da planta e da súa resistencia a enfermidades, tamén se incrementou a produción de uvas”, afirma o Rodríguez Canas.

Unha vez realizado o proceso de vinificación das dúas parcelas, experimental e de testemuña, os expertos das fincas realizaron unha serie de catas cegas, no 2020 e no 2021. “A pesar de que non había unha moi marcada diferencia cualitativa, en ambas elixiuse moi maioritariamente o viño tratado coas técnicas de intensificación ecolóxica, debido ao seu perfil aromático, aos matices de sabor e ao equilibrio en boca”, avanzou Emilio Rodríguez. Isto confirmou que unha maior biodiversidade nos solos inflúe positivamente no resultado final do viño, se ben as diferencias cualitativas son escasas.

Terras Gauda encara agora o último ano de ‘Bettersoil’ co obxectivo de dispoñer de resultados de tres campañas, procurando aportar solidez sobre as primeiras conclusións deste proxecto. O maior valor científico virá determinado pola comparativa entre os resultados obtidos pola adega do Rosal, no Hemisferio Norte, fronte á colaboradora situada no Hemisferio Sur. En función dos resultados obtidos, a adega plantexará a aplicación destas técnicas sobre todas as súas viñas, “intentando mecanizar o proceso de tecnificación ecolóxica, pola ampla extensión que temos que cubrir”, adiantou Rodríguez Canas.

“Só con que estas técnicas se demostrasen útiles para mellorar a saúde e vigor das viñas, xa serían positivas e estariamos satisfeitos, pero é que ademais comprobamos que melloran os viños”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información