O Centro Técnico de Maquinaria Forestal (Tecmaf) localízase no polígono industrial de Barreiros. Abriu as súas portas no 2005 “destinado exclusivamente á reparación da maquinaria forestal”, rememora Manolo Lombardero, un dos dous socios fundadores. Así mesmo, trátase do principal taller colaborador de Forest Pioneer na Península Ibérica, e un dos referentes en España en adaptación e reparación de maquinaria forestal.
Desde os seus comezos traballaron en colaboración con varias marcas “ata que finalmente nos decidimos por Forest Pioneer, que é co que realmente estamos agora en contacto directo, e o que nos facilita toda a parte que sexa comercial”, amplía Lombardero.
A súa gama de servizos é moi diversa pero sempre vinculada ao sector forestal. “Dedicámonos así á protección de maquinaria, á adaptación de maquinaria en función do cliente, de carrozados de autocargador, cabezais, colocación de cabezais procesadoras en maquinaria de obra pública, protección desa maquinaria, etc.”, enumera Lombardero.
Ao respecto, Manuel Portas, comercial de Forest Pioneer destaca a importancia de Tecmaf para a súa empresa posto que “é primordial pola simple razón de que os carrozados son de primeirísima calidade, atendendo así a petición dos nosos clientes de montaxes case personalizados, adaptados á forma de cargar de cada cliente”. Tamén engade que “as máquinas veñen practicamente desnudas de países como Finlandia, de onde son importadas, e aquí adáptanse totalmente á xeografía galega”.
“A importancia de Tecmaf é primordial pola simple razón de que os carrozados son de primeirísima calidade, atendendo así a petición dos nosos clientes de montaxes case personalizados” (Manuel Portas)
Este centro técnico non só fai produtos e adaptacións, senón que tamén oferta un servizo técnico in situ, dependendo das posibilidades, ou en taller, a través do cal pretenden “darlle servizo ao cliente en función das necesidades que teña nese momento”, aclara Manolo Lombardero. “O servizo técnico que ofrecen é de calidade, eficiente e rápido; de feito é unha das cuestións que máis valora o cliente á hora de adquirir unha máquina”, avanza Manuel Portas.
Por outra banda, Tecmaf, en colaboración de novo con Forest Pioneer, ten un apartado de formación polo cal organiza unha serie de cursos de xeito periódico. “Impartimos cursos a choferes tanto de procesadoras de rodas, como procesadora de obra pública, como autocargador, con simulación, prácticas en taller, etc. para que os propios choferes entren en contacto con material propio do ámbito forestal”, especifica Manolo Lombardero.