Tarta de Riotorto, un produto único nacido da emigración

A Confitería Irma elabora de xeito artesán desde fai 85 anos un doce de améndoa natural seguindo unha receita orixinal traída da Arxentina, un produto único que ten chegado de volta a países como Australia, EEUU ou Venezuela

Teresa Canto, neta dos fundadores, rexenta na actualidade a Confitería xunto ao seu fillo José Manuel

Teresa Canto, neta dos fundadores, rexenta na actualidade a Confitería xunto ao seu fillo José Manuel

Se hai algún produto que identifique a Riotorto son sen dúbida as navallas, coitelos e fouciños que desde fai séculos realizan os ferreiros do municipio e máis a tarta de améndoa que desde hai 85 anos elabora a Confitería Irma. Teresa Canto e o seu fillo José Manuel seguen a tradición dun doce único e que mantén o seu sabor orixinal.

Aló polo ano 1918 saíron do porto de Vigo en barco cara a Arxentina José Gutiérrez e Consuelo García. Son os iniciadores dunha tradición pasteleira que continuou a súa filla Irma, a súa neta Teresa e agora o seu bisneto José Manuel. A tarta de améndoa que eles comezaron a facer segue a ser hoxe o emblema desta pastelería familiar de Riotorto.

José Gutiérrez traballara nunha pastelería en Bos Aires e de volta a Galicia decidiu seguir na profesión xunto á súa muller

Coa receita orixinal dos seus avós, Teresa elabora unha tarta que leva como principal ingrediente un 45% de améndoa natural. “Empezaron os meus avós no ano 1935 neste mesmo emprazamento. Foran emigrantes pero ao tocarlles esta casa en herdanza volveron. Ao principio era confitería e panadería”, conta Teresa Canto, que rexenta na actualidade o establecemento.

José traballara nunha pastelería en Bos Aires e, de volta a Galicia, decidiu seguir na profesión xunto á súa muller. Ese mesmo ano fundaron a Confitería Irma, o nome da súa única filla. Pero o estourido da Guerra Civil no ano 1936 obrigou a mudar os seus plans. “Os anos da posguerra foron moi duros e ao serlles asignada a elaboración do pan da tasa, dado pola cartilla de racionamento, tiveron que centrarse en facer pan”, explica Teresa.

Montaron primeiramente unha confitería asociada a unha panadería pero nos anos da postguerra tiveron que centrarse en facer pan para a cartilla de racionamento

Durante eses anos a adicación do matrimonio era case exclusivamente a da panadería, relegando a elaboración de doces, pero pasada a posguerra o negocio volveu encauzarse de novo cara a confitería, deixando totalmente a panadería e centrándose xa para sempre na pastelería.

Relevo e mellora da receita

A mediados dos anos cincuenta Irma Gutiérrez, a nai de Teresa, pasou a rexentar o establecemento que levaba o seu nome xunto ao seu marido Edelmiro Canto. Entre os dous conseguiron, a base de moito traballo e bo facer, darlle prestixio ao negocio grazas á elaboración artesá de grande variedade de doces, pero especialmente da tarta de Riotorto, que pasou a ser o produto estrela da Confitería até a actualidade. A nai de Teresa quería vender algo diferente e ao final conseguiuno, pero botou meses até dar coa receita definitiva e mesmo tivo que tirar máis dunha tarta, lembra aínda hoxe

Teresa elabora as tartas seguindo a receita orixinal do seu avó, que mellorou despois a súa nai

“A receita é orixinal dos meus avós pero modificada despois polos meus pais, que foron os continuadores do negocio até que o collín eu no ano 1996 ao xubilarse a miña nai”, relata Teresa. “Estudei Empresariais e nada máis acabar caseime e quedei coa confitería. Nunca me arrepentín”, afirma.

Produción artesá

Empregan améndoa natural enteira, que eles mesmos cocen e trituran

Empregan améndoa natural enteira, que eles mesmos cocen e trituran

Nos tempos da dixitalización e a robotización, as únicas máquinas que se poden ver hoxe no obrador desta confitería son unha trituradora para a améndoa, unha amasadora e o forno. O resto é manual. “É unha produción artesá, faise cada tarta de unha en unha, por separado. Non é fabricación en serie, non é un proceso industrial”.

Só teño unha trituradora, é a única maquinaria que uso. Ten máis de 70 anos e xa era de segunda man

Tampouco hai aditivos nin conservantes, só ingredientes naturais. “Merco a améndoa natural enteira en sacos. Logo lávoa, cózoa e tritúroa eu. É un proceso de elaboración laborioso”, explica. Fan tamén outra tarta estilo Mondoñedo con améndoa, biscoito e cabelo de anxo de elaboración propia a partir das cabazas que eles mesmos cultivan que tamén ten moito éxito, así como outro tipo de pastelería por encarga.

Leva un 45% de améndoa e necesita unha coción lenta, bota 2 horas no forno

O hoxaldre que serve de base á tarta é feito á man por Teresa, igual que o recheo de améndoa. É o ingrediente principal nunha porcentaxe de máis do 45%. O resto son ovos, azucre e fariña de trigo. Logo vai ao forno durante dúas horas e cando sae e arrefría, decórase.

De Riotorto a Australia

CONFITERIA IRMA (Riotorto) produtosTeresa e o seu fillo José Manuel, que lle axuda desde o ano pasado, distribúen a súa produción no ámbito local. “Vendemos en Riotorto e nos arredores, en Meira, A Pastoriza, A Pontenova e Muimenta, e levamos tamén a Lugo e á Coruña”, explican. Pero aquela receita orixinal chegada da emigración ten viaxado tamén desde Riotorto a outros continentes da man dos propios emigrantes deste concello de 1.000 veciños. “As nosas tartas teñen chegado a Australia, Estados Unidos ou Venezuela. Persoas de Riotorto que están fóra levábanas cando viñan”, conta.

Non é un proceso industrial nin se fabrican en serie, fago as tartas unha a unha

A tarta de améndoa segue a ser 85 anos despois o produto estrela da Confitería Irma. “É a especialidade da casa porque é un produto único”, destaca Teresa. Aínda que xa pasaron moitos anos desde que se comezou a facer, a tarta de Riotorto mantén o seu sabor porque segue a facerse igual ca sempre, unha elaboración artesá e natural que é a base para o recoñecemento do que é obxecto este produto e que Teresa agarda que manteña o seu fillo José Manuel. “Ten 24 anos e eu espero que siga el cando eu me xubile”, di.

Una idea sobre “Tarta de Riotorto, un produto único nacido da emigración

  1. mandi

    Ola,, eu son de Ferreiravella (Riotorto), berce do travallo de ferro do concello, descendo de unha longa dinastia de ferreiros, e queria correxiros unha cousa: Para nada identificase o meo pobo cas Navallas, eso e en Taramundi (Asturias), o meu pobo o que identificase mais e cos Fouciños, que deron travallo durante moitas xeracions as familias de ali (sobre todo pola sega na Castela), saudos.. so e unha aclaración…

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información