‘Sure’: unha nova certificación para a biomasa

As empresas galegas do sector comezan a implantar o selo europeo, que garante a sostibilidade en toda a cadea de xestión do produto

‘Sure’: unha nova certificación para a biomasa

Empacado de biomasa en monte. / Arquivo.

‘Sure’ é un novo selo de certificación de biomasa europeo xestionado por ‘Sustainable Resources Verification Scheme GmbH’. Polo momento, “é de cumprimento voluntario, pero adiántase ós requisitos obrigatorios de sostibilidade que esixirá en breve a directiva europea de enerxías renovables, coñecida como RED II”, explica Raquel González, técnica da empresa de certificación forestal Asefor. “O Sure trátase dun certificado moi recente, que leva en activo a penas dous meses, pero algunhas empresas galegas xa o están aplicando”, detalla González.

Os obxectivos deste certificado céntranse en integrar ós mercados e usuarios de biomasa nun sistema de xestión da sostibilidade. “Aínda que xa existen outros selos internacionais de certificación de orixe forestal sostible, como PEFC ou FSC, ‘Sure’ é máis amplo porque non só certifica a orixe da biomasa forestal, senón que pode acreditar biomasa de orixe agrícola ou certos residuos de madeira”, explica Raquel González.


Garantías, diferencias e utilidades


Ata o momento, esta certificación “actúa coma unha ferramenta que permite garantir a sostibilidade da biomasa desde o punto de recollida, ou ‘collecting point’, ata o consumidor final; cómpre poñer en contexto que anteriormente moitas empresas importaban biomasa, e aínda que estivera certificada, ese selo non incluía as emisións de co2 do seu transporte”, especifica Francisco Álvarez, presidente do Clúster da Biomasa de Galicia e xestor da empresa de pellets Ecowarm.

Álvarez destaca que en Ecowarm foron “a primeira fábrica de pellets de España, e sempre intentaron ser pioneiros na obtención de certificados, polo que fomos os primeiros en obter o ‘Sure’ para pellet doméstico”.

“A nós a implantación do ‘Sure’ non nos supuxo introducir moita información de trazabilidade do produto e documentación porque nas fábricas temos un proceso totalmente dixitalizado”, comenta Francisco Álvarez. Desde Ecowarm consideran que “sexa ou non ‘Sure’, unha certificación deste tipo vai ser requisito indispensable para un aproveitamento térmico ou eléctrico da biomasa”.

“Sexa ou non ‘Sure’, unha certificación deste tipo vai ser indispensable para un aproveitamento térmico ou eléctrico da biomasa” (Francisco Álvarez)

Este certificado europeo conta co apoio da Asociación Española de Valorización Enerxética da Biomasa. Está concibido para certificar a calquera operador do sector da bioenerxía en Europa, desde produtores de biomasa agrícola e forestal, a fabricantes de pellets, operadores loxísticos ou plantas de producción de electricidade con biomasa.

Unha das dificultades está en torno á novidade. “Ao ser un selo moi novo, a información aínda non está perfectamente integrada nas empresas nin nos equipos auditores”, comenta Álvarez. A isto agrégase que o ‘Sure’ ten que “estar na mochila do ciclo produtivo, o que implica ter a contribución da pegada de carbono desde a orixe da materia, ao cliente”, explica o presidente do Clúster. Con esta certificación precisase un trato moi próximo cos provedores e unha trazabilidade da materia prima na que se teña en conta constantemente a pegada de carbono.


Greenalia obtén o ‘Sure’


Greenalia completou o proceso de auditoría para obter esta nova certificación europea. Desta maneira, garante a sostibilidade da biomasa que a compañía utiliza para producir enerxía na súa primeira planta de biomasa en España, localizada en Teixeiro-Curtis, A Coruña. No caso desta instalación, a materia prima consumida procede de restos xerados por empresas forestais no proceso de corta de madeira na comunidade galega.

A multinacional adiantouse ao cumprimento dos requisitos de sostibilidade marcados pola normativa europea, que establece diversos criterios que deben cumprir todas as biomasas empregadas no sector da bioenerxía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información