Suprimen as penalizacións na solicitude da PAC polos temporais e incendios

Medio Rural indica que non se aplicará ás peticións de achega da actual campaña da PAC presentadas a redución do 1 % dos importes das axudas por cada día hábil de atraso na súa presentación ou na documentación que a acompaña

Suprimen as penalizacións na solicitude da PAC polos temporais e incendios

A Consellería do Medio Rural publica a resolución pola que se adapta en Galicia a aplicación das penalizacións sobre a presentación da solicitude única Política Agraria Común (PAC) aos afectados polos temporais e os incendios do pasado verán.

Neste sentido, recoñécense como circunstancias excepcionais, aos efectos da aplicación da normativa reguladora da solicitude única da PAC, as condicións agroclimáticas adversas derivadas das sucesivas borrascas acontecidas entre novembro de 2025 e febreiro de 2026, así como os efectos dos incendios forestais do pasado verán en Galicia. Así mesmo, a delimitación exacta das superficies queimadas retrasou a dispoñibilidade de información precisa para a correcta tramitación das solicitudes das axudas.

Polo tanto, acórdase non aplicar ás peticións de achega da campaña da PAC 2026 presentadas ata a finalización do período de modificación da solicitude única -31 de maio-, a redución do 1 % dos importes das axudas por cada día hábil de atraso na súa presentación ou na documentación que a acompaña.

Este mesmo mes tamén se publicou outra resolución que flexibilizaba os requisitos para os beneficiarios das campañas 2025 e 2026 da PAC afectados polos incendios forestais do pasado verán, ante a dificultade de cumprir cos compromisos que deben asumir os agricultores e gandeiros beneficiarios.

Por esta razón, recoñeceuse de oficio a situación de forza maior para as explotacións situadas nas zonas afectadas delimitadas conforme aos perímetros dos incendios nos que se declarara a situación operativa 1 e 2. Así mesmo, establecéronse como admisibles as superficies agrarias localizadas nestas zonas para os efectos de percepción das axudas directas e das de desenvolvemento rural.

No caso concreto da apicultura, naquelas alvarizas situadas en zonas afectadas non se aplicarán penalizacións por incumprimento do mantemento de compromiso, considerándose determinadas as colmeas solicitadas ata o máximo das comprometidas, mesmo no caso de perda das alvarizas como consecuencia dos incendios. Tamén se reducirá o limiar mínimo de movementos no caso da axuda asociada para persoas gandeiras extensivas e semiextensivas de ovino e caprino de carne.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información