“A Suprema volverase pagar máis que a carne xenérica, a industria galega terá que rectificar”

Falamos con organizacións agrarias, cooperativas e tratantes sobre a espiral de prezos na que entrou a carne de vacún, o que provocou un feito inédito, a entrada de compradores foráneos en Galicia

“A Suprema volverase pagar máis que a carne xenérica, a industria galega terá que rectificar”

O mercado da carne de vacún está a ter unha alta demanda e cotizacións en ascenso. A venda de animais vivos para Marrocos deixou sen xatos o sur de España e os compradores están a desprazarse cara ao norte en busca de subministro. A situación está a provocar incerteza no sector e logo de coñecer a opinión de algúns gandeiros, falamos con cooperativas, organizacións agrarias e tratantes para valorar a situación e coñecer que impacto pode ter esta situación no mercado galego.

José Ramón González. Unións Agrarias

“A culpa principal é das industrias galegas, que non foron capaces de vela vir, e que deixaron que industrias de fóra lles leven os becerros”

Dende Unións Agrarias, José Ramón González indica que a nivel estatal, trátase dun problema “puntual” provocado polo incremento “brutal” da exportación a países árabes. “A escaseza de animais provocou unha suba potente de prezos que, segundo se estima, seguirá ata finais de ano”.

Porén, a nivel autonómico critica que hai un problema estrutural, que levou a que os prezos de fóra superaran aos do mercado da IXP Ternera Gallega. “O primeiro que debemos ter en conta é que temos un problema na Mesa de Prezos de Ternera Gallega que levou á saída de animais para fóra, cando facían falla aquí”, puntualiza. Aclara que no caso da Suprema, dito problema corrixirase só, xa que non hai ningunha razón para sacar animais ao mercado nacional, cando aquí pagaranos máis.

González ten claro que a principal culpa téñena as industrias galegas, “que non foron capaces de ver vir a situación e deixaron que industrias de fóra lles levasen os becerros, cando aquí se presupón que temos que ser conscientes do que temos e deberíamos estar por encima do mercado nacional, xa que somos a IXP de calidade top”, razoa. Destaca que as industrias de fóra cando viron que en Galicia podían comprar, cando de normal non compran, comezaron a demandar produto. “É un problema de todos, no que fallamos todos, pero principalmente as industrias”.

Aínda que apunta á industria, tamén destaca que a IXP ten un problema a corrixir dende a dirección. Considera que na actualidade dábanse situacións “anormais”, como que se pagaba máis un produto xenérico que un amparado pola IXP. “Iso só se produciu por descoido da Mesa de Prezos e porque pensaron que as industrias de fóra nunca chegarían a vir comprar aquí”.

En canto ós prezos, a pesar de que hai inestabilidade, pon de exemplo o que el mesmo cobrou nesta semana: 6,5 euros kg/canal e 3,85 euros kg/vivo, por unha conformación U (entre 320 e 350 kg).

A cuestión de canto se prolongará no tempo, González especula que en xaneiro/febreiro seguramente haberá máis oferta que demanda e caerán algo os prezos. Aínda así, “nestes momentos é complexo vaticinar o que pasará no futuro”.

Olaia Rocha. Xerente de Artesáns Gandeiros

“Sempre defendemos a transparencia: cobrar por Kg. / canal e control de rendementos e clasificación do animal; é o máis xusto para a granxa”

Na cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros, constituída por Clun, Lemos e A Carqueixa) moven unha media de 80 animais á semana durante todo o ano. A pesares da situación do mercado, dende Artesáns gandeiros indican que non incorporaron novos compradores nos últimos meses e seguen a vender a industrias de Galicia. “A nós interésanos que o socio venda ao mellor prezo posible e teña unha estabilidade durante o ano coa que poida planificar a medio-longo prazo, o que pode axudar a profesionalizar e estabilizar o sector”. Pero subliña que a industria tamén ten que poñer en valor a fidelidade e continuidade de comercialización dos gandeiros e repercutilo nos seus prezos de compra.

Desde Artesáns consideran que “o que realmente desequilibra o mercado é o aumento das exportacións a Marrocos de animais vivos. “Nunha situacións de prezos moi volátiles, onde aparecen sempre oportunistas (compras a Kg vivo), as cooperativas optamos pola fórmula de transparencia pagando por Kg/canal e con control sobre rendementos, pesadas e clasificacións. Cremos que é a única forma na que o produtor recibe o prezo xusto, en función do que realmente ten”.

A xerente de Artesáns Gandeiros, Olaia Rocha, subliña que a situación en Galicia provoca uns prezos moi altos nestes intres. Ademais, destaca que cada vez hai menos explotacións de carne e a oferta “diminúe cada ano, polo que tendemos a un mercado con menos oferta de animais”.

Rocha lembra cal era a normalidade de mercado en Galicia, con dúas épocas ben diferenciadas: o verán, onde había unha suba importante porque había pouca oferta, e o inverno, onde baixaban os prezos, xa que a oferta era maior debido á estacionalidade da produción. Agora, sen embargo, cambiou a situación polo menor número de becerros en oferta, por factores de enfermidades como a Hemorráxica ou a Lingua Azul, e as exportacións de animais vivos.

“O consumidor é o último elo da cadea, ao final é quen decide o produto que merca”

En canto á posibilidade de que toda a situación afecte á IXP Ternera Gallega, destacan que se os animais que están certificados se venden fóra, estes perden a marca e haberá menos carne destes animais nos puntos de venda habituais, subindo os prezos do Kg de carne da IXP, que o consumidor terá que asumir ou non. “O consumidor é o último elo da cadea, ao final é quen decide o produto que merca”.[/box]

DATOS 2024

O mercado de vacún de carne na UE

  • A nivel europeo, houbo un aumento dos sacrificios no primeiro semestre do 2024 (+3%), en comparación co mesmo periodo do ano anterior. Pénsase que se debeu ó aumento de demanda de exportacións e ás malas condicións de pastos de Europa central. De tódolos xeitos, o ano rematará cunha baixada da produción no global do ano (-0,5%) pola escaseza de becerros.
  • Hai escaseza de becerros, sobre todo en países como España e Italia, polo que se espera que os bos prezos continúen no 2025.
  • A exportación de vacún de carne aumentou un 17% no primeiro semestre do ano, principalmente cara Turquía e o Magreb, pero tamén a países asiáticos.
  • O consumo interno, sen embargo, caerá preto dun 2% polos altos prezos da carne e as dificultades de suministrar ó mercado.
  • A produción de carne de vacún en Europa está caendo e no 2025 espérase que baixe un 1% anual, segundo valora o informe de perspectivas dos mercados agrícolas da Comisión Europea (Outono 2024).
  • A carne de Sudamérica está atopando na actualidade mercados rendibles en Norteamérica, polo que non está habendo un aumento de importacións a Europa. De feito baixaron un 2% e espérase que baixen un 1,5% adicional no 2025.

Samuel Formoso. Sindicato Labrego

“Mercados de fóra sen ningún tipo de marca, control nin limitación pagan os becerros máis caros cas industrias que temos aquí”

Samuel Formoso, do Sindicato Labrego, analiza a situación de mercado, incidindo non só no aumento da demanda, senón tamén na baixada da oferta por factores como a EHE e a língua azul. “Morreron animais e outros volvéronse infértiles, polo tanto hai menos no mercado”. Todo isto, levou a unha situación moi volátil.

A organización valora que dende a IXP e, sobre todo, dende as industrias que comercializan Ternera Gallega e Suprema terán que “pórse as pilas” e actualizar o mercado, “que é o que os gandeiros levamos reclamando dende hai tempo”. Destaca que mercados de afora, sen ningún tipo de marca, control nin limitación pagan os becerros máis caros cas industrias de Galicia. “Teñen que traballar para actualizar os prezos”.

“Pode que chegue a pasar o que sempre tememos, que entre carne con dubidosos controis de países de fóra”

Formoso insiste ademais en que segue sen haber diferenciación clara entre a Ternera Gallega normal e a Suprema, “que é a que realmente lle dá a fama á carne. A que pastorea e mama. A que vas a comprar e acabas levando normal, moitas veces por descoñecemento, porque se emprega a imaxe da Suprema para vender normal e iso repercute nos prezos”.

En canto a prezos, cuestiona o papel de industrias e supermercados. “Os matadoiros e a distribución, que é a que pon os prezos, sempre van un pouco así, téñennos un pouco agarrados”. Aínda así, considera que a suba actual pode que se quede porque hai pouco gando. Valora que a Ternera Gallega seguirá a subir un pouco máis de cara ao vindeiro ano.

O perigo que observan dende o Sindicato é a posibilidade de que grandes cadeas de distribución merquen noutros mercados internacionais porque aquí “lles resulte complexo”. “Pode que chegue a pasar o que sempre tememos, que entre carne con dubidosos controis de países latinoamericanos porque os prezos se disparan moito”. [/box]

Asociación Galega de Empresarios de Gando

“En Galicia temos bloqueada a saída de numerosas reses por falta da dose da vacina da Lingua Azul”

xato mamando rubia galega CIAM Ternera Gallega Supema

Por parte da Asociación Galega de Empresarios de Gando valoran a situación como “histórica”, xa que consideran que nunca antes se vivira “algo similar”. Consideran que o mercado está a pasar por un momento convulso, no que hai moita incerteza.

Sobre a alta demanda de animais fóra de Galicia, apuntan a un problema: en Galicia hai concellos que teñen bloqueada a saída de animais pola falta da segunda dose da vacina da Lingua Azul. “Mentres fóra están buscando animais, aquí hai concellos que non poden sacalos por falta deste criterio. Podíamos estar a cubrir esa demanda de xeito folgado, pero resulta complexo”.

Sobre a situación de mercado, sinalan que hai varios factores que levaron a esta situación anormal. En canto ao futuro, recoñecen que non se sabe o que pasará, porque “aínda que se conseguiu unha suba dos prezos, non é normal o que está a pasar, porque nos mercados a situación está tensa”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información