A superficie queimada nos montes veciñais en Galicia é o dobre que nos de propiedade privada

Medio Rural prevé investir 13,7 m€ ata 2026 para a mellora das infraestruturas anti incendios forestais

Publicidade

20250430ConseConselloForestalA superficie queimada nos montes veciñais en Galicia foi o dobre na última década se se compara coa superficie afectada de montes de propiedade particular. É unha das conclusións que se extrae da actualización do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais da Xunta, Pladiga 2025 que se presentou este mércores na reunión do Consello Forestal de Galicia, celebrada en Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, e que estivo presidida pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

En concreto, unha das novidades que incorpora o PLADIGA 2025 é a do risco de incendio por tipo de propiedade do monte. Neste sentido, o documento advirte de que “da análise dos datos xeográficos dos lumes da última década (2105-2024) en relación co réxime de propiedade, despréndese que existe unha correlación proporcional entre a cantidade de superficie afectada respecto de cadansúa total no caso dos montes públicos e dos montes veciñais en man común (15,01 % e 14,72 % respectivamente), pero que dista bastante dese mesmo dato no caso das propiedades particulares (6,16 %), onde arderon 17.055,40 ha menos que nos montes veciñais, dispoñendo a primeira de practicamente o dobre de superficie ca segunda no territorio galego”. Así se reflicte na seguinte táboa:

Captura de pantalla 2025-05-02 100058

Igualmente, o informe destaca que respecto da superficie total afectada na década, “cabe destacar que máis da metade (52,42 %) correspondeu a terreos de montes veciñais en man común”. “Estes datos xerais tan dispares en canto á afectación por lume en función do réxime de propiedade, focalizan a atención sobre a posible influenza das diferenzas que poida haber na xestión da superficie forestal, se ben, as circunstancias que rodean a casuística dos incendios forestais resultan moi complexas, influíndo moitos destes aspectos a nivel local (existencia de explotacións gandeiras, explotación forestal, ordenación do monte, existencia de tecor, veciñanza…), polo que sería necesaria unha análise pormenorizada que complementase un estudo xeral sobre este aspecto concreto”, conclúe o informe.

Mellora dos medios de loita contra os incendios

Polo demáis, dende Medio Rural poñen o énfase na mellora dos medios de vixianza e extinción recollidos no PLADIGO, un documento que está previsto que sexa aprobado polo Consello da Xunta na súa xuntanza do vindeiro luns, día 5 de maio.

Neste sentido, salientan a mellora das infraestruturas da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, cun investimento previsto de 13,7 millóns de euros no período 2025-2026 para a construción e reforma de ata sete diferentes instalacións repartidas por toda Galicia. Así, as actuacións centraranse en Lalín, Valga (con dúas intervencións), Portas e Tui, na provincia de Pontevedra, e nos concellos ourensáns de Sandiás e Bande.

Bases aéreas e de unidades operativas

En concreto, planifícase a construción dunha nova base de medios aéreos en Lalín, así como a adecuación das instalacións da base aérea de Antela, no concello ourensán de Sandiás, e a construción doutra no municipio pontevedrés de Valga. Neste mesmo termo municipal de Valga está contemplada tamén unha nova base de unidades operativas (BUO), que será idéntica á do veciño concello de Portas. Así, ambas estarán conformadas por edificacións de dous andares e unha superficie total de algo máis de 414 m². No que atinxe á BUO de Bande, esta infraestrutura acollerá tamén a sede do distrito forestal XV-A Limia. Cómpre mencionar ademais a BUO de Tui, que se levará a cabo mediante a recuperación e posta en valor do Viveiro de Areas.

Estas actuacións dan continuidade ás realizadas no 2024, entre as que destacan a execución das BUO de Muíños, Rianxo e Mondoñedo e a construción da base de medios aéreos transfronteiriza de Támega, nos concellos ourensáns de Verín e Oímbra. Hai que citar, asemade, a construción e adecuación das instalacións da base de medios aéreos de San Xoán de Río, en Ourense.

Actualización do Pladiga

Tal e como se trasladou hoxe no Consello Forestal, o principal obxectivo do Pladiga é o de reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais. Estrutúrase en catro plans diferentes, de prevención; de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; de extinción e de formación. No que atinxe aos obxectivos de control, mantense a liña de campañas anteriores, e así establécense, entre outros, os de que a superficie queimada total, a arborada queimada, a total por lume e a queimada por lume se manteñan por baixo da media da última década.

O operativo de loita contra incendios forestais en Galicia na tempada de alto risco, que coincide co verán, estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Esta cifra é tamén semellante á das últimas campañas. En medios materiais, Galicia contará de novo cunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta e os que aporta o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Administración autonómica como as municipais.

Hai que salientar, no apartado de persoal, que continúa o proceso de estabilización dos profesionais fixos-descontinuos, de forma que este ano traballarán xa ao longo de oito meses e no vindeiro 2026 acadarán os nove meses de actividade, completándose así esta medida que consolida un operativo público, estable e versátil.

No eido da prevención, refórzaranse os traballos de creación de áreas cortalumes e faixas auxiliares de pista, así como de mellora de pistas forestais, tratamentos silvícolas preventivos e queimas prescritas. Ademais, levarase a cabo a revisión e mantemento dos máis de 5.000 puntos de auga repartidos polo territorio galego. Con respecto ás parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), o número total neste 2025 é de 26, e 24 delas repiten respecto ao listado do ano pasado. A cifra de PAAI redúcese sensiblemente en relación co 2024, xa que o ano pasado contabilizábanse ata 40 destas parroquias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información