Sulfatadoras contra o coronavirus: A Galicia rural organízase para frear o Covid-19

Agricultores, viticultores e gandeiros poñen a disposición dos Concellos tractores e sulfatadoras para colaborar nas tarefas de desinfección das poboacións e reducir o risco de contaxio do Covid19

Publicidade
Sulfatadoras contra o coronavirus: A Galicia rural organízase para frear o Covid-19

Tarefas de desinfección realizadas por produtores en Xinzo de Limia.

Nestes tempos de confinamento por mor do coronavirus, agricultores, viticultores e gandeiros volveron sacar os seus tractores á rúa. Desta volta non foi para reclamar un prezo xusto para os seus produtos, senón para colaborar nas tarefas de desinfección contra o Covid19. Sulfatadoras, cubas e tractores que habitualmente se empregan para os tratamentos fitosanitarios da viña, as patacas ou o millo empréganse estes días para a limpeza de rúas en aldeas e vilas.

En distintas zonas de Galicia déronse nos últimos días exemplos desta colaboración cidadá que xurdiu dos propios produtores, que se brindaron tanto ás Administracións locais como á Xunta para encargarse destas tarefas. Así, proporcionan coñecementos no manexo destes apeiros e súa maquinaria para a loita contra o coronavirus.

Os produtores brindáronse tanto ás Administracións locais como á Xunta para encargarse destas tarefas de desinfección

Javier García, un viticultor e adegueiro de Petín (Ourense) foi un dos que se ofreceu para estas tarefas. “Vin que noutros países se estaban facendo desinfeccións nas rúas con equipos similares ós que empregamos no viñedo e ofrecinlle á Xunta e ó Concello da Rúa poder colaborar nestas tarefas cos nosos equipos nas zonas rurais, para así liberar dese traballo a outros profesionais”, explica o viticultor.

A súa proposta tivo unha moi boa acollida entre os viticultores da zona e en pouco tempo tiñan moitos voluntarios para participar nestas tarefas. “Resultaba sinxelo coordinarnos porque xa temos un grupo no que estamos en contacto”, apunta. O primeiro que fixeron foi avaliar os recursos cos que contaban para realizar a desinfección e decidir cales se adaptaban mellor para cada zona.

Coordinados con Protección Civil e o Concello organizáronse para afrontar a desinfección do municipio. O punto de encontro para comezar coas tarefas foi a explanada próxima á gasolineira do pobo onde cargaron o desinfectante que lle proporcionou a Administración e dende alí repartíronse en 8 áreas de actuación para cubrir tanto as aldeas como o núcleo urbano. “En pouco máis de 3 horas tiñamos todo o municipio desinfectado”, concreta.

Desinfeccion-coronavirus-A-Rua-_

Na Rúa, produtores e Protección Civil coordináronse para realizar unha desinfección. // Foto: David López Nogueira.

Agora agardan que o Concello lles volva solicitar colaboración para facer outra limpeza cando o estimen preciso. “Hai zonas polas que case non pasa ninguén, polo que tampouco é preciso estar desinfectando constantemente, pero nós seguimos dispoñibles para afrontar outra limpeza cando se precise”, recorda Javier.

No Concello veciño de O Bolo, os viticultores tamén se brindaron para levar a cabo tarefas de limpeza das rúas e daqueles lugares de maior risco de contaxio, onde se concentra maior cantidade de persoas. De novo a gasolineira foi o punto de encontro e onde cargaron os seus equipos con desinfectante que logo repartiron polas rúas.

O-Bolo--traballos-desinfeccion-coronavirus-

Produtores do Bolo tamén se organizaron para realizar unha desinfección.

No Ribeiro, en municipios como Beade, os viticultores tamén se ofreceron a colaborar coas tarefas de desinfección das que se estaban encargando as brigadas de extinción de incendios da Consellería de Medio Rural. As desinfeccións estaban realizándose sobre todo naqueles puntos con maior risco, como as farmacias ou os comercios de alimentación así como os centros públicos.

“Este tipo de accións teñen que facernos ver o papel fundamental que o mundo rural ten”: Juan Casares, presidente do Consello Regulador do Ribeiro

“Este tipo de accións teñen que facernos reflexionar sobre o papel fundamental que o mundo rural ten para a nosa sociedade”, reflexiona o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Casares. Recorda que esta crise do coronavirus “estanos permitindo ver que o rural é o gran abastecedor de produtos de primeira necesidade pero tamén o papel de coidadores do medio ambiente que teñen, así como a calidade de vida que ofrece o rural e a solidariedade que existe e que se demostra con xestos como a colaboración dos produtores nestas limpezas”, reivindica Casares.

En Xinzo, os produtores de patacas puxeron os seus equipos de sulfatado e os tractores a disposición. “En canto se propuxo colaborar con estas tarefas de prevención de contaxios, agricultores e gandeiros ofrecéronse a botar unha man”, explican dende a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

Tractor-ruas-Xinzo-aldeas-Covid19_

Labores de desinfección realizadas por produtores en Xinzo.

Dende o Concello estaban desinfectándose tódolos días aqueles puntos críticos e con maior concorrencia como os supermercados, as residencias ou a Praza da Abastos, pero ó mesmo tempo querían levar a cabo unha desinfección xeral en todo o municipio. Amador Díaz Penín, produtor de pataca e concelleiro de Rural foi o encargado de coordinar a colaboración dos agricultores.

“Todos aqueles produtores ós que lles servía o equipo para realizar as desinfeccións mostráronse dispoñibles a colaborar”, explica Díaz, que é tamén o presidente da Asociación de Produtores de Pataca de A Limia, o que lle permite estar en contacto coa maioría dos produtores.

“Están poñendo a disposición os seus tractores, os equipos de sulfatar, o gasóleo e o seu tempo”: Amador Díaz, presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia

“Eles están poñendo á disposición dos veciños tanto os seus tractores, como os equipos de sulfatar, así como o gasóleo e o seu tempo, que estes días é moi valioso, posto que no campo non se para”, concreta Díaz. De feito, están comezando xa cos traballos propios desta época do ano como a preparación das terras para as patacas ou naquelas zonas nas que xa se pode, están realizando a sementeira.

Xa fixeron unha primeira desinfección na que 8 tractores se encargaron de desinfectar as 32 aldeas e a vila. Nestes días están volvendo a repetir as limpezas regularmente. “Agora, como xa temos un pouco de experiencia, en 2 ou 3 horas deixamos a vila desinfectada”, indica. Están indo rúa por rúa para desinfectar todas as zonas. “Creo que se está facendo unha desinfección completa, queda todo empapado para a ver se así conseguimos frear esta pandemia”, apunta.

Ademais do labor de desinfección dos núcleos fronte o coronavirus, os coordinadores destas tarefas coinciden en sinalar a importancia que estas accións teñen no rural, xa que axudan a visibilizar que hai un esforzo activo por evitar a expansión do Covid19 tamén nas aldeas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información