As entregas de leite de vaca en España aumentaron en setembro, respecto ao mesmo mes do ano pasado, así como os prezos medios do leite, segundo o último informe do Ministerio de Agricultura que foi feito público este xoves.
En concreto, no conxunto de España a produción de leite en setembro ascendeu a 581.252 toneladas, coa habitual baixada estacional respecto a agosto, pero cunha suba interanual respecto ao mesmo mes do ano pasado, no que se entregaron 575.352 toneladas de leite. En Galicia, as ganderías entregaron á industria 245096 toneladas de leite, cifra superior ao mesmo mes de 2023 (242.138 toneladas). Desta forma, aparentemente non fixo notar na produción o impacto da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Queda por ver como incide nas entregas nos próximos meses a reducción da colleita de millo forraxeiro causada polos temporais.
En canto aos prezos en orixe, situáronse en España nunha media de 0,48 euros o litro, por riba dos 0,473 de xullo, debido ao efecto da entreda en vigor dos novos contratos. En Galicia a media foi de 0,458 euros o litro, medio céntimo máis que en agosto.
Polo que respecta ás calidades, a media española do leite entregado en setembro foi do 3,80% de graxa e do 3,38% de proteína, mentres que en Galicia a porcentaxe de sólidos foi superior non só en materia graxa (3,86%), senón tamén a nivel proteico (3,39%).
Por último, en canto ao leite ecolóxico o prezo medio en setembro tamén subiu e quedou nos 0,611 euros o litro en España e en 0,603 en Galicia.