Subida nos becerros de recría de Frisoa e nos de cruce en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia contou este martes só con becerros de recría e a tendencia foi a alza en boa parte das categorías tanto de Frisoa como nos de cruce. Tamén sobe o porco cebado e mantense sen cambios os leitóns e o coello

Subida nos becerros de recría de Frisoa e nos de cruce en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca contou só con becerros de recría debido á celebración da Semana Verde na fin de semana. Logo de suspenderse o mercado do pasado martes, polo mesmo motivo, a central vai recuperando a actividade cunha sesión onde os prezos foron á alza en boa parte das categorías dos becerros de recría, tanto de raza Frisoa como nos de cruce, con algunhas excepcións.

Tamén houbo subidas no prezo do porco cebado, mentres que os leitóns  mantéñense sen cambios, ó igual co prezo do coello. Os ovos experimentaron unha lixeira baixada nunha das categorías, mentres que as demais seguen sen variacións.

En canto ó gando vacún, nos becerros de recría de raza Frisoa subiron os prezos nos animais de 20 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, e situáronse nos 148 euros, 7 euros máis ca na última feira celebrada con este gando, o pasado 28 de maio. Ó igual ca nos machos, os prezos das femias desta categoría tamén se incrementaron, neste caso 34 euros, ata situarse nos 112 euros de media.

En cambio, nos becerros de menos de 20 días, o prezo baixou ata os 121 euros, 3 menos que na última sesión. Nesta sección, as femias tamén rexistraron unha baixada, que foi máis acusada, de 20 euros, para situarse nos 33 euros de media. Tamén houbo unha baixada do prezo nos machos de máis de 50 días ata os 160 euros, 5 menos que o martes 28. Mentres, nas femias desta categoría o prezo incrementouse en 54 euros ata acadar os 129 euros.

Nos becerros de cruce a tendencia foi á alza en tódalas categorías, tanto en machos como en femias. A excepción produciuse nos machos de entre 20 e 50 días, onde o prezo baixou ata os 319 euros, 18 menos ca na última feira. Porén, nas femias desa mesma categoría houbo unha suba de 2 euros ata os 219 euros.

Tamén subiu o prezo dos becerros de cruces industriais con menos de 20 días ata acadar os 342 euros, 36 máis. Mentres, nas femias a subida foi de 123 euros, para situarse nos 297 euros. Pola súa parte, os xatos de máis de 50 días rexistraron un incremento de 13 euros ata os 457 e as becerras desta sección acadaron os 329 euros logo dunha subida de 74 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacun-11_06_2019-1

Sobe o porco cebado

En canto ó porco cebado, a mesa de prezos acordou unha subida en boa parte das categorías. Así, o selecto e o normal subiron 0,02 euros, quedando nos 1,485 e 1,460 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II a suba acordada foi de 0,026 euros ata quedar nos 1,896 euros o quilo. Mentres, a categoría de desvelle é a única na que non se produciron cambios e mantense nun intervalo de entre 0,72 e 0,78 euros o quilo ó igual que a semana pasada.

Polo que respecta ao leitón, tampouco houbo cambios esta semana e o prezo do bacoriño medio de 20 quilos queda nos 70,50 euros para os animais procedentes dunha única granxa e nos 65,50 euros para os de varias ganderías. O prezo por quilo sitúase en 3,525 e 3,275 euros respectivamente.

No referido ós ovos, os únicos cambios rexistráronse na categoría XL, cunha baixada de 0,02 euros ata os 1,31 euros a ducia. Para as demais categorías, L, M e S, mantivéronse os prezos quedando nos 0,99, 0,96 e 0,81 euros a ducia, respectivamente.

Na galiña de desvelle non se rexistraron tampouco cambios e o prezo do quilo continúa entre os 0,09 e os 0,17 euros.

Tamén o coello se mantén sen variacións e o prezo na Lonxa de Madrid segue a ser de 1,95 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-11_06_2019-2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información