Subas xerais nos prezos medios do vacún en Silleda

Nova xornada de récord nos prezos medios na Central Agropecuaria de Galicia. Incrementos nos prezos de referencia da recría, dos becerros carniceiros e no vacún maior. Sen cambios no porcino e no mercado do ovo, tras varias semanas á alza

Subas xerais nos prezos medios do vacún en Silleda

Gando de vacún maior este martes nas instalacións de Silleda. // Imaxe. Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca volveu rexistrar este martes unha nova sesión con récord nos prezos medios de tódalas categorías. Houbo subas xerais nas cotizacións tanto na recría, como nos becerros carniceiros ou no vacún maior. Estabilízanse os prezos do porcino e os ovos, tras varias semanas á alza.

Facemos unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da semana pasada rexistradas nas distintas categorías para coñecer as tendencias dos prezos, pero cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

No caso da recría, houbo subas xerais en case tódalas categorías, tanto nos becerros frisóns coma nos de cruzamentos industriais. O prezo medio da recría, que ascendeu a 243,02 euros, foi o maior deste ano, ó superar os 233,16 euros da semana pasada, e tamén o maior dende o 11 de xuño de 2019, cando fora de 244,06 euros. Neste prezo medio inflúe a alta demanda de becerros de recría por parte dos cebadoiros, que contan con prazas libres ante a importante saída de animais cara o Magreb nestas datas, segundo indican dende a Central.

Por seccións, nos becerros frisóns a suba máis destacada produciuse nos tenreiros máis novos, os de menos de 20 días, cuxo prezo medio foi de 107 euros, o que reflicte unha suba de 11 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, houbo unha suba de 8 euros e acadan os 129 euros. Os animais de máis de 50 días cotizáronse a 164 euros de media, o que supón 7 euros máis que a feira anterior.

Nos tenreiros de cruzamentos industriais a tendencia foi semellante. A única excepción rexistrouse nos becerros máis novos, os de menos de 20 días, que experimentaron unha baixada de 33 euros e quedan en 224 euros. Nas femias desta sección o prezo medio foi de 230 euros, é dicir conseguiron unha suba de 34 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, as cotizacións medias situáronse nos 316 euros, 16 euros por encima. No caso das femias, sumaron 7 euros ó prezo medio da semana anterior e acadan os 249 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos cotízanse a 401 euros, o que amosa unha suba na cotización media de 10 euros. Nas femias a suba foi de 32 euros e atópanse nun prezo medio de 353 euros.

En canto aos becerros carniceiros, o seu prezo medio acadou tamén na sesión deste martes o seu récord absoluto con 964,01 euros, que ata o de agora se atopaba nos 954,68 euros do pasado 5 de abril. Tal e como indican dende a Central, a cifra está motiva pola calidade dos exemplares e a elevada demanda destes animais e a súa escaseza nestes momentos. Por razas, os animais frisóns tiveron un prezo medio de 671 euros, o que supón 40 euros máis que na feira anterior. Nos exemplares de cruce industrial, os machos acadaron un prezo medio de 1.010 euros, o que amosa unha suba de 77 euros no prezo de referencia con respecto da semana anterior. Nas femias, a suba foi de 45 euros e logran un valor medio de 854 euros. Nos exemplares de Rubia Galega, os machos están nos 1.045 euros de media, 6 euros máis que a sesión pasada. Nas femias, a suba foi de 97 euros e acadan os 995 euros. Nos animais vendidos baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de Ternera Gallega Suprema, o prezo medio foi de 1.059 euros, o que supón un incremento no valor de referencia de 48 euros con respecto da última feira.

No vacún maior tamén houbo esta semana prezo de récord. Tras superalo en dúas ocasións este ano, este martes volveu acadar o maior prezo medio desta categoría na historia da Central, con 1.629,29 euros (ata agora estaba nos 1.604,44 euros rexistrados o pasado 1 de marzo). “Esta marca reflicte a gran calidade dos exemplares de vacún maior que acoden habitualmente ao mercado e tamén concretamente dos que acudiron esta semana”, explican os responsables da Central.

En canto ós prezos por categorías, houbo subas en case tódalas seccións. Nas vacas extra o prezo medio foi de 2.093 euros, o que amosa unha suba de 58 euros con respecto da semana anterior. Os animais de primeira están a 1.192 euros, 18 euros máis. A única excepción veu nos animais de segunda, que descontaron 34 euros e quedan cun valor medio de referencia de 754 euros. As vacas de descarte tamén lograron un incremento, neste caso de 35 euros, e cotizáronse de media a 518 euros. Os exemplares comercializados baixo o selo da IXP Vaca e Boi de Galicia tiveron un prezo medio de 2.765 euros, 298 euros por encima do valor medio da semana anterior.

Central agropecuaria VAcun 19_04_2022

Sen cambios no porcino

Logo de varias semanas á alza, este martes os prezos do porcino mantivéronse sen cambios tanto no porco cebado coma nos leitóns. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,565 e 1,540 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2 euros o quilo e os animais de descarte cotízanse entre os 0,7 e os 0,76 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 69 euros (cun prezo de 3,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 64 euros e teñen un prezo por quilo de 3,2 euros.

Tamén se estabilizou o mercado do ovo de xeito que os ovos da categoría XL están a 2,30 euros a ducia, os da L páganse a 2,09 euros, os da M sitúanse en 1,89 euros e os da S teñen un valor de 1,66 euros a ducia. As galiñas de descarte continúan a cotizarse entre os 0,31 e os 0,38 euros por quilo.

Central Agropecuaria Porcino 19_04_2022

Visita alcaldes Asturias á Central Agropecuaria de Galicia Abanca

Visita dos alcaldes das localidades asturianas de Salas e Llanera para coñecer as instalacións da Central.

Visita de alcaldes asturianos para coñecer o funcionamento da Central

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca contou este martes coa visita dos alcaldes dos concellos asturianos de Salas e Llanera, Sergio Hidalgo e Gerardo Sanz. Os edís percorreron as súas instalacións acompañados de Ricardo Durán, director da Central e o recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, e de Julio Pérez, coordinador do mercado, que os guiaron tanto polas distintas naves que aloxan ás reses como polas oficinas administrativas.

Durante a súa estancia amosáronlles o proceso informático que se segue na poxa de gando bovino e tamén a nova aplicación posta en marcha polo mercado que permite ós compradores poxar dende o móbil e ós vendedores tanto recibir as cotizacións no terminal en tempo real como rexeitar a venda a distancia.

A Central, un referente

Esta visita dos alcaldes de Salas e Llanera, que contan con mercados de gando nos seus concellos, estivo motivada polo seu interese en coñecer de primeira man o funcionamento da Central, a cal constitúe un referente no ámbito agropecuario por contar coa única poxa de vacún informatizada de España. Isto supón que exclúe ao intermediario, outorga transparencia a un sistema no que se evita o regateo e optimiza os prezos.

“Trátase dun mercado pioneiro que agora volveu a adiantarse coa implantación da aplicación móbil, na cal se segue traballando este ano para incluír aspectos como contas personalizadas orientadas a que os vendedores reciban documentación de interese no móbil, obteñan historiais de venda ou descarguen os recibos da poxa”, destacan dende a Central.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información