Subas nos tenreiros de cruces industriais en Silleda

Os becerros de cruces industriais tanto de recría como os carniceiros incrementan os seus prezos esta semana na Central Agropecuaria de Galicia. Houbo tamén subas no vacún maior. O porcino mantense sen cambios igual que os ovos

Subas nos tenreiros de cruces industriais en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas na recría e nos becerros carniceiros de cruces industriais. Tamén algunhas das categorías de vacún maior experimentaron un incremento dos prezos. Pola súa banda, as mesas de cotización do porcino e o ovo mantivéronse esta sesión sen cambios.

En concreto, na recría de cruce industrial producíronse subas nos machos de tódalas categorías. Así, os animais con menos de 20 días incrementaron o seu valor en 37 euros ata os 264 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, o aumento foi de 12 euros e pasan a cotizarse a 265 euros. A suba máis destacada produciuse nos becerros de máis de 50 días, que acadaron os 409 euros, logo dun incremento de 82 euros.

Pola súa banda, a recría de raza Frisoa tamén experimentou unha suba nos animais de máis de 50 días. Neste caso suman 26 euros e colócanse nun valor medio de 132 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días mantéñense nos 102 euros que xa marcaran a semana pasada. Porén, nos animais máis novos, os de menos de 20 días, o prezo cae ata os 70 euros, tras unha redución de 11 euros.

Nos animais carniceiros, o prezo dos becerros de cruces industriais tamén se incrementou esta semana e sitúase nos 870 euros de media, logo dunha suba de 28 euros. As femias desta sección non correron a mesma sorte, e o seu valor cae en 78 euros e queda nos 602 euros de media. Os becerros frisóns marcaron un prezo medio de 510 euros, logo de que a pasada semana non se adxudicara ningún. Nos becerros de Rubia Galega, o prezo reduciuse en 47 euros e pasan a cotizarse a 909 euros. Os animais co selo de Ternera Gallega Suprema tamén reduciron esta semana o seu valor. Están a cotizarse a 931 euros, 71 euros por debaixo do que acadaron na feira pasada.

O vacún maior experimentou subas nalgunhas das categorías con maior afluencia, como as vacas de segunda, que pasan a cotizarse a 723 euros, despois de un incremento de 8 euros. As vacas de desvelle tamén apreciaron unha suba, neste caso de 3 euros, e sitúanse nos 446 euros.

Pola contra, as vacas das categorías máis altas acusaron sendas baixadas dos prezos. Os animais de primeira quedan nos 1.100 euros, logo de descontar 21 euros. Na categoría extra a baixada foi máis acusada (128 euros) e quedan nun valor medio de 1.804 euros. Para os exemplares co selo Ternera Gallega tamén se reduciu o valor e cotízanse a 1.109 euros, tras descontar 124 euros con respecto da semana anterior.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacuno-06_10_2020-

Sen cambios no porcino

As mesas de negociacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios. Deste xeito, o porco cebado da categoría selecta está a 1,325 euros o quilo, mentres que o normal se atopa a 1,3 euros. Nos Canal II o prezo medio é de 1,688 euros por quilo e os exemplares de desvelle cotízanse entre os 0,47 e os 0,53 euros.

Nos leitóns, os animais procedentes dunha única gandería continúan asentados nos 35 euros, situándose a 1,75 euros por quilo. Nos exemplares procedentes de varias granxas, o prezo por quilo é de 1,5 euros e por animal acada os 30 euros, continuando sen cambios.

O mercado do ovo afronta esta semana sen variacións. Así, os ovos da XL cotízanse a 1,52 euros a ducia, os da L atópanse a 1,12 euros, os da M están a 0,94 euros e os da S véndense 0,78 euros a ducia.

As galiñas de desvelle semipesadas, as situadas entre os 2,1 e 2,2 quilos, están nun valor entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo, igual que a semana pasada.

Na lonxa de Madrid, o coello segue cotizándose a 2 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-06_10_2020-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información