Subas nos prezos medios dos becerros de recría en Silleda

Cotizan á alza os tenreiros de recría na Central Agropecuaria de Galicia. Novo récord absoluto no prezo medio dos becerros carniceiros. Subas no porco cebado e mantense sen cambios o mercado do ovo

Subas nos prezos medios dos becerros de recría en Silleda

Becerros nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra no recinto feiral de Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas nos prezos medios dos becerros de recría e en boa parte das categorías dos animais carniceiros. No vacún maior tamén houbo subas nos prezos das vacas de primeira e segunda.

Nesta sesión acadouse un novo récord absoluto no prezo medio dos becerros carniceiros, con 1.032,57 euros. Ata o momento a cifra máxima foran os 1.031,74 euros que se rexistraran o pasado 18 de outubro. Como consecuencia disto, tamén se acadou o récord absoluto no volume de transacción de becerros carniceiros, con 155.918 euros, fronte ós 142.385 euros que figuraban de máximo e que se rexistraran o 9 de agosto deste ano.

Nas mesas de cotización do porcino, o porco cebado experimentou subas en tódalas categorías, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. O mercado do ovo tampouco sufriu variacións esta semana.

Co repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún coñecemos a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría de raza frisoa, o prezo de referencia dos becerros máis novos, os de menos de 20 días, tivo unha suba de 2 euros e sitúase nos 61 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio atópase nos 96 euros, logo dun incremento de 4 euros. Os animais de máis de 50 días experimentaron un aumento de 19 euros con respecto da semana pasada e o prezo medio acada os 131 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días acusaron unha baixada de 33 euros e cotízanse de media a 247 euros. As femias desta sección tiveron un aumento de 7 euros e o prezo medio atópase nos 226 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días rexistran un suba de 27 euros e acadan os 321 euros, mentres as femias desta idade descontan 3 euros e quedan cun valor medio de 253 euros. Nos animais de máis de 50 días os machos suman 7 euros e o prezo medio sitúase nos 504 euros. Pola contra, o valor medio das femias cae 82 euros ata os 297 euros.

No caso dos tenreiros carniceiros, á marxe de acadarse un novo récord absoluto no prezo medio (1.032,57 euros), houbo subas destacadas nos animais de cruces industriais. Os machos experimentaron un incremento de 122 euros e o prezo medio sitúase nos 1.048 euros. Nas femias produciuse unha suba de 145 euros e o valor de referencia é de 980 euros. Nos animais de Rubia Galega, as femias tiveron un aumento de 261 euros e o prezo medio acada os 1.105 euros. Nos machos desta raza houbo unha baixada de 119 euros e o prezo de referencia queda nos 1.070 euros. Adxudicáronse só 2 becerros frisóns, que marcaron un prezo medio de 447 euros. Para os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 1.067 euros, logo dunha suba de 83 euros.

No vacún maior producíronse subas só nas categorías intermedias. O valor medio das vacas da categoría extra foi moi semellante ó da semana pasada, só un euro por debaixo, e quedan nos 2.115 euros. Nas vacas de primeira houbo unha suba de 39 euros e o prezo medio é de 1.164 euros. Nas vacas de segunda produciuse un incremento de 14 euros e o prezo medio queda nos 760 euros. Para as vacas de desfeito o prezo de referencia é de 429 euros, o que supón 42 euros menos que a semana pasada. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia tiveron un prezo medio de 2.809 euros, fronte ós 935 euros da semana anterior.

Central agropecuaria 13_12_2022_vacun

Subas no porco cebado

Na mesa de cotizacións do porcino rexistrouse esta semana unha suba en tódalas categorías do porco cebado e só se mantén o mesmo prezo para os leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron unha suba de 0,05 euros e acadan un valor de 1,665 e 1,64 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,130 euros ó experimentar unha suba de 0,07 euros. Nos animais de desvelle houbo un incremento de 0,02 euros e o prezo sitúase entre os 0,78 e os 0,84 euros o quilo.

O prezo mantense sen cambios esta semana nos leitóns. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 69 euros (cun prezo de 3,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 64 euros e cun prezo por quilo de 3,2 euros.

O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas sitúanse entre os 0,31 e os 0,38 euros.

O prezo do coello segue en 2,70 euros o quilo na Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central Agropecuaria 13_12_2022 porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información