Subas nos prezos medios dos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra altibaixos no vacún maior e caída nos becerros carniceiros. Seguen á baixa as cotizacións do porco cebado e o mercado do ovo cotiza á alza

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha suba xeral dos prezos dos becerros de recría, en contraste coa baixada dos becerros carniceiros, e os altibaixos no vacún maior.

Mentres, nas mesas de prezos, o porco cebado segue experimentando unha baixada dos prezos e o mercado do ovo cotiza á alza, con subas en tódalas categorías.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Prezos no vacún

Na recría frisoa o prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 129 euros, o que supuxo unha caída de 20 euros. Porén, na categoría máis máis numerosa e representativa, a dos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio situouse 2 euros por riba da semana pasada, quedando nos 180 euros. Os becerros de máis de 50 días experimentaron unha suba máis salientable do seu valor, en 49 euros, e quedan nos 229 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 419 euros, tras unha suba de 21 euros con respecto do valor medio da semana pasada. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a categoría máis numerosa, o prezo medio foi de 480 euros nos machos, logo de revalorizarse 21 euros con respecto da semana pasada. Nos animais de máis de 50 días, houbo unha baixada de 64 euros e acadan os 607 euros.

Os tenreiros carniceiros experimentaron esta semana unha baixada xeral dos prezos na categoría dos becerros de cruces industriais, a máis numerosa. Así, os machos tiveron un valor medio de 1.209 euros, o que supón un descenso de 6 euros con respecto da feira anterior. Nas femias a caída foi de 72 euros ata situarse nun prezo de referencia de 1.048 euros.

No vacún maior os animais da categoría extra cotizaron a un prezo medio de 2.168 euros, o que supón 63 euros menos que a semana anterior. Pola conra, as vacas de primeira tiveron unha suba de 30 euros e sitúanse nos 1.186 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio está nos 801 euros, logo dunha suba de 6 euros.

prezos silleda vacun

Baixa o porco cebado

Nas mesas de cotizacións do porcino houbo baixadas nos prezos do porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,685 e 1,660 euros o quilo, respectivamente logo dunha baixada en ambas seccións de 0,04 euros. Os porcos de Canal II descontaron 0,052 euros e están a 2,156 euros. Os animais de descarte mantéñense sen cambios esta semana, polo que continúan entre os 0,76 e 0,82 euros o quilo.

Tampouco houbo variacións dos prezos dos leitóns. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.

No mercado do ovo esta semana rexistrouse unha suba xeral de 0,02 euros nas categorías XL e L e de 0,04 euros a ducia nas categorías M e S. Deste xeito, os ovos da XL acadan os 2,96 euros a ducia, os da L están a 2,36 euros, os ovos da M a 2,03 euros e os da S a 1,74 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas baixaron 0,03 euros e cotízanse entre os 0,22 e os 0,30 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun) tras unha suba de 10 céntimos.

prezos silleda porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información