Subas nos prezos medios dos becerros carniceiros na primeira feira do ano en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia volve ás cifras habituais de afluencia de gando na primeira sesión do 2023. Os tenreiros carniceiros cotizan á alza. Recupéranse os prezos da recría. Sen cambios no porcino e no mercado do ovo

Subas nos prezos medios dos becerros carniceiros na primeira feira do ano en Silleda

Gando na Central Agropecuaria de Galicia. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca recuperou a súa afluencia de gando habitual durante a primeira sesión do ano, que se celebrou este martes no recinto feiral de Silleda (Pontevedra). En concreto, contabilizáronse 612 becerros de recría, cifras semellantes ás que viña rexistrando e que se afastan dos 191 da semana pasada.

En canto ós prezos, os tenreiros carniceiros cotizaron á alza, con subas en case tódalas cotizacións. Tamén se recuperaron os prezos da recría, aínda que continúan por debaixo das cifras manexadas hai dúas semanas. No vacún maior non se aprecia unha tendencia predominante, xa que houbo baixadas e subidas dos prezos medios en función das categorías.

Nas mesas de cotización do porcino, o porco cebado mantense sen cambios, mentres que os leitóns experimentaron unha subas de 4 euros. O mercado do ovo continúa estable esta semana.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa houbo unha suba xeral dos prezos medios en tódalas seccións. O prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 69 euros, o que supuxo un incremento de 12 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio situouse nos 100 euros, logo dunha suba de 41 euros. Os becerros de máis de 50 días rexistraron un aumento de 35 euros con respecto da semana pasada e o prezo medio queda nos 144 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os tenreiros de 20 días tiveron un prezo medio de 164 euros, o que amosa unha baixada de 95 euros con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección experimentaron un incremento de 46 euros e o prezo de referencia atópase nos 200 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días tiveron unha suba de 61 euros e acadan os 327 euros. As femias desta idade suman 62 euros ata os 230 euros. Os animais de máis de 50 días foron outra das excepcións, xunto cos becerros máis novos, nos que a tendencia foi á baixa. Os machos experimentaron unha redución do seu valor medio de 59 euros e sitúanse nos 428 euros. O valor medio das femias caeu en 131 euros e sitúase nos 299 euros.

A tendencia foi á alza, con algunha excepción nos tenreiros carniceiros. Nos becerros frisóns o valor medio acadou os 802 euros, o que deixa unha suba de 55 euros con respecto á semana pasada. A única becerra frisoa que se vendeu marcou un prezo medio de 905 euros, o que supón unha suba de 282 euros con respecto da semana anterior. Os becerros de cruces industriais tiveron un prezo medio de 1.140 euros, cunha suba de 133 euros. As femias desta sección experimentaron unha suba de 79 euros ata acadar os 977 euros. En canto ós becerros de Rubia Galega, os machos foron a excepción da xornada, ó situarse o prezo medio desta semana 43 euros por debaixo do rexistrado na última feira. Así, estes animais tiveron un prezo medio de 1.171 euros. As femias tiñan un prezo de 988 euros, o que supón unha suba de 82 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema, o valor medio foi de 1.117 euros, o que os sitúa en 39 euros máis.

No vacún maior non hai unha tendencia clara, con subas ou baixadas dos prezos medios en función da categoría. Os animais da categoría extra cotizaron a un prezo medio de 2.047 euros, o que supón 115 euros máis que a semana anterior. As vacas de primeira descontaron 46 euros e o valor de referencia foi de 1.146 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio foi de 784 euros, é dicir 28 euros máis. Os animais de desfeito tiveron unha rebaixa de 89 euros e pasan a situarse nos 395 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 2.303 euros, o que supón 892 euros máis que a semana pasada.

Central Agropecuaria _Vacun 03_01_2023

Sen cambios no porcino e o ovo

Nas mesas de cotizacións do porcino, tanto o porco cebado coma os leitóns mantéñense esta semana sen cambios. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,665 e 1,64 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,13 euros e os animais de desvelle teñen un prezo de entre os 0,78 e os 0,84 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 78 euros (cun prezo de 3,9 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 73 euros e cun prezo por quilo de 3,65 euros.

O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 euros e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense entre os 0,32 e os 0,39 euros.

O prezo do coello está nos 2,6 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central Agropecuaria porcino 03_01_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información