Subas nos prezos medios dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha suba do valor de referencia dos tenreiros carniceiros. A recría cotiza á baixa en boa parte das seccións. Baixada dos prezos das categorías intermedias do vacún maior. Novas subas no porcino e no mercado do ovo

Subas nos prezos medios dos becerros carniceiros en Silleda

Becerros de cebo nas instalacións da Central Agropecuaria. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha suba xeral dos prezos de referencia dos tenreiros carniceiros, con só unha excepción nas femias de Rubia Galega. Nos becerros de recría, tanto de raza frisoa como de cruzamentos, produciuse unha baixada dos prezos en boa parte das seccións. No vacún maior, as categorías intermedias (vacas de primeira e segunda) cotizaron á baixa.

As mesas de cotización do porcino continúan esta semana con subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. No mercado do ovo produciuse unha nova suba en tódalas categorías.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa o prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 100 euros, o que supuxo unha baixada de 31 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio situouse 10 euros por debaixo da semana pasada, nos 136 euros. Os becerros de máis de 50 días foron unha das excepcións ó incrementar o seu valor en 6 euros e acadar os 187 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 275 euros, tras unha baixada de 4 euros con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección descontaron 48 euros e quedan cun prezo medio de 195 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 341 euros, logo dunha suba de 10 euros con respecto da semana pasada. Nas femias o prezo de referencia sitúase nos 252 euros, tras unha baixada de 27 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos descontaron 28 euros e quedan nos 447 euros. O valor medio das femias foi de 395 euros, 89 euros máis que a semana pasada.

Os tenreiros carniceiros experimentaron esta semana unha suba xeral dos prezos que afectou a case tódalas categorías. A única excepción veu dada nas becerras de Rubia Galega, cuxo prezo medio se situou nos 934 euros, o que supón 8 euros menos que a semana pasada. Os machos desta raza lograron un suba de 21 euros e tiveron un valor de referencia de 1.062 euros. Nos becerros frisóns o prezo medio foi de 896 euros, o que supón 69 euros máis. Nas femias o prezo de referencia foi de 744 euros, o que significa 241 máis. Nos becerros de cruces industriais, os machos tiveron un valor medio de 1.048 euros, o que supón unha suba de 85 euros con respecto da feira anterior. As femias sumaron 40 euros e o prezo de referencia acada os 908 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.040 euros, o que os sitúa en 100 euros máis que a semana pasada.

No vacún maior os animais das categorías intermedias cotizaron á baixa. Así, as vacas de primeira descontaron 8 euros con respecto da semana pasada e sitúanse nos 1.162 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio reduciuse 10 euros ata os 755 euros. Mentres, no resto de categorías incrementouse o prezo de referencia. Os animais da categoría extra cotizaron a un prezo medio de 2.068 euros, o que supón 54 euros máis. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 502 euros, é dicir 55 máis que a semana pasada. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 2.159 euros, o que supón 643 euros máis.

Lonxa vacun 28_02_2023

Continúan as subas no porcino

Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,925 e 1,9 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,05 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,065 euros e están a 2,468 euros. Os animais de descarte experimentaron unha suba de 0,06 euros, de xeito que agora cotízanse entre 1,07 e 1,13 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha suba de 4 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 103 euros (cun prezo de 5,15 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 98 euros e cun prezo por quilo de 4,9 euros.

O mercado do ovo experimenta unha suba de 0,05 euros en tódalas seccións. Deste xeito os ovos da XL acadan os 2,9 euros a ducia, os da L están a 2,69 euros, os ovos da M a 2,33 euros e os da S a 2,08 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen cambios e cotízanse entre os 0,30 e os 0,37 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Lonxa porcino 28_02_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información