A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha suba xeral dos prezos dos becerros carniceiros. Na recría houbo unha caída dos prezos en case tódalas seccións, en especial no gando frisón. O vacún maior de calidade tamén experimentou un aumento do prezo.
Mentres, nas mesas de prezos, o porco cebado rexistra esta semana unha baixada dos prezos e o mercado do ovo cotiza á alza, con subas en tódalas categorías.
Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Prezos no vacún
Na recría frisoa o prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 149 euros, o que supuxo unha suba de 13 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio situouse 15 euros menos que a semana pasada, nos 178 euros. Os becerros de máis de 50 días tamén experimentaron unha baixada do seu valor en 36 euros e quedan nos 180 euros.
Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 398 euros, tras unha suba de 20 euros con respecto do valor medio da semana pasada. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 459 euros, logo de descontar 18 euros con respecto da semana pasada. Nos animais de máis de 50 días, houbo unha suba de 54 euros e acadan os 671 euros.
Os tenreiros carniceiros experimentaron esta semana unha suba xeral dos prezos que se apreciou en case tódalas categorías. Nos becerros de cruces industriais, os machos tiveron un valor medio de 1.215 euros, o que supón un incremento de 121 euros con respecto da feira anterior. Nas femias a suba foi de 174 euros ata situarse nun prezo de referencia de 1.120 euros. Os becerros de Rubia Galega cotizáronse a 1.307 euros, é dicir 76 euros menos, sendo unha das excepcións da xornada. As femias desta raza incrementaron o seu prezo en 295 euros ata os 1.284 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.322 euros, o que os sitúa en 68 euros máis que a semana pasada.
No vacún maior os animais de maior calidade experimentaron tamén subas. Os animais da categoría extra cotizaron a un prezo medio de 2.231 euros, o que supón 47 euros máis que a semana anterior. As vacas de primeira tiveron unha suba de 46 euros e sitúanse nos 1.156 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio está nos 795 euros, logo dunha redución de 16 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 1.630 euros, o que supón 187 euros máis que a semana pasada.
Baixa o porco cebado
Nas mesas de cotizacións do porcino houbo baixadas nos prezos do porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,725 e 1,7 euros o quilo, respectivamente logo dunha baixada en ambas seccións de 0,03 euros. Os porcos de Canal II descontaron 0,039 euros e están a 2,208 euros. Os animais de descarte mantéñense sen cambios esta semana, polo que continúan entre os 0,76 e 0,82 euros o quilo.
Tampouco houbo variacións dos prezos dos leitóns. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.
No mercado do ovo esta semana rexistrouse unha suba xeral de 0,02 euros en tódalas categorías. Deste xeito, os ovos da XL acadan os 2,94 euros a ducia, os da L están a 2,34 euros, os ovos da M a 1,99 euros e os da S a 1,70 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen cambios e cotízanse entre os 0,25 e os 0,33 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,3 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).