Subas nos prezos medios da recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un incremento das cotizacións dos tenreiros para recría e en boa parte das seccións dos becerros carniceiros. Baixan os prezos do vacún maior. Novas subas no porco cebado e mantéñense sen cambios os leitóns e o mercado do ovo

Subas nos prezos medios da recría en Silleda

Recría nas instalacións da Central Agropecuaria. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca recupera as cifras de afluencia habituais logo de que a ponte festiva da pasada semana provocase unha mínima presenza de gando e unha caída xeral dos prezos. Este martes recuperáronse as cotizacións, con subas na recría, tanto de raza Frisoa coma nos animais de cruzamentos industriais. A tendencia tamén foi á alza nos tenreiros carniceiros, aínda que con algunhas excepcións. Mentres, o vacún maior cotiza á baixa.

As mesas de cotización do porcino acordaron subas nas distintas categorías do porco cebado e mantéñense sen variacións esta semana os leitóns. O mercado do ovo continúa estable e cos prezos da semana pasada.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Gando vacún

Na recría de raza frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, experimentaron unha suba de 43 euros e o prezo medio é agora de 87 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio incrementouse en 44 euros e sitúase nos 110 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha suba de 61 euros do valor medio e o prezo medio foi de 163 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais a tendencia tamén foi á alza en tódalas seccións. Os becerros máis novos, os de menos 20 días, tiveron un prezo medio de 221 euros, o que deixa unha suba de 28 euros. Nas femias desa categoría, o prezo medio foi de 155 euros, cun incremento de 33 euros. Os tenreiros de entre 20 a 50 días incrementaron o seu valor en 63 euros e o prezo medio acada os 279 euros. Nas femias, a cotización media está nos 199 euros, tras unha suba de 78 euros. Os tenreiros de máis de 50 días aumentaron o seu valor en 84 euros con respecto da semana pasada e sitúanse nos 441 euros de media. As femias desa categoría tiveron unha suba de 29 euros e o prezo medio acada os 293 euros.

En canto ós prezos dos becerros carniceiros, houbo subas en boa parte das seccións aínda que tamén se rexistraron algunhas excepcións. Nos tenreiros frisóns, o valor medio quedou nos 683 euros, o que amosa unha baixada de 108 euros fronte á semana pasada. As femias frisoas vendidas nesta sesión marcaron un prezo medio de 363 euros, lonxe dos 569 euros que acadaran como prezo medio as últimas becerras desta raza vendidas na feira. Este prezo medio marcouse o 9 de agosto, xa que a semana pasada non se venderon femias desta raza. Os becerros de cruzamentos industriais cotizáronse de media a 951 euros, tras unha baixada de 39 euros. As femias tiveron un incremento de 2 euros con respecto da feira anterior e o valor medio está nos 922 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos están nos 1.149 euros, o que supón unha suba de 143 euros. Nas femias, o valor medio está nos 1.044 euros, é dicir 144 euros máis que a semana anterior. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema tiveron un valor medio de 1.070 euros, o que supón 118 euros máis que a media da última feira.

No vacún maior a tendencia foi á baixa. As vacas da extra experimentaron unha baixada de 197 euros e o valor medio foi de 1.943 euros. Os animais de primeira foron das excepcións e incrementaron o seu valor medio en 5 euros, de xeito que pasan a situarse nos 1.135 euros. As vacas de segunda tiveron unha baixada de 22 euros e o prezo medio é de 757 euros. Os animais de desfeito reduciron o seu valor en 42 euros e pasan a cotizarse de media a 473 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 1.677 euros, o que amosa unha redución de 289 euros con respecto da semana anterior.

Central agropecuaria 23_08_2022

Subas no porco cebado

Este martes, a mesa de cotizacións do porcino acordou incrementar os prezos do porco cebado e manter as cotizacións da semana pasada nos leitóns. O porco selecto e o normal tiveron unha suba de 0,010 euros e o prezo por quilo é de 1,735 e 1,71 euros, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,221 euros, logo dunha suba de 0,013. Os animais de descarte experimentaron a suba máis destacada, cun incremento de 0,060 euros cotízanse agora entre os 0,64 e os 0,7 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 55 euros (cun prezo de 2,75 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 50 euros e cun prezo por quilo de 2,5 euros.

O mercado do ovo tamén se mantén sen cambios esta semana. Os ovos da XL cotízanse a 2,45 euros a ducia. Mentres, os da L están nos 2,15 euros, os ovos da M atópanse a 1,76 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Central Agropecuaria porcino 23_08_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información