Subas nos prezos medios da recría e os becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha recuperación dos prezos dos becerros de recría e dos carniceiros. O vacún maior experimenta baixada dos prezos nas categorías intermedias. Subas nos leitóns e no mercado do ovo

Subas nos prezos medios da recría e os becerros carniceiros en Silleda

Becerros nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra no recinto feiral de Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas nos prezos da recría, tanto frisoa coma de cruzamentos industriais. Tamén houbo incrementos nas cotizacións de referencia de boa parte das categorías dos tenreiros carniceiros. No vacún maior apréciase unha baixada do valor das seccións intermedias.

Nas mesas de cotización do porcino, os leitóns experimentaron unha suba do prezo, mentres que o porco cebado se estabiliza despois de reiteradas baixadas do seu valor nas últimas semanas. O mercado do ovo logrou esta semana de novo subas en tódalas categorías.

Co repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún coñecemos a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría de raza frisoa, o prezo de referencia dos becerros máis novos, os de menos de 20 días, incrementouse en 5 euros e sitúase nos 81 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio atópase nos 109 euros, logo dunha suba de 8 euros. Os animais de máis de 50 días experimentaron a suba máis destacada, de 26 euros, e acadan un valor medio de 145 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais a tendencia foi semellante. A única excepción apreciouse nos machos máis novos, con menos de 20 días, que reduciron o seu valor en 7 euros con respecto da semana pasada e cotízanse de media a 260 euros. As femias desta categoría xa experimentaron unha suba de 2 euros e teñen un valor medio de 225 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio situouse nos 340 euros, o que amosa unha suba de 45 euros. As femias incrementaron o seu valor en 11 euros e cotízanse a un prezo medio de 262 euros. Os tenreiros de máis de 50 días rexistraron unha suba de 38 euros e quedan cun prezo medio de 435 euros. As femias tiveron unha suba de 1 euro e están nos 276 euros de media.

Tamén nos tenreiros carniceiros houbo subas en boa parte das categorías. Unha das excepcións foron os becerros de cruces industriais, que tiveron un prezo medio de 1.008 euros, o que amosa unha baixada de 29 euros con respecto da semana pasada. As femias desta sección tiveron unha suba de 252 euros e pasan a situarse nos 930 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega o valor medio situouse nos 1.221 euros, é dicir 160 euros máis. Nas femias seguiuse a tendencia e cotizáronse a 971 euros, o que supón unha suba de 195 euros. Os becerros frisóns tiveron un prezo medio de 658 euros, é dicir 6 euros máis que hai unha semana. Nos animais comercializados baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema o prezo de referencia atópase nos 1.045 euros, o que supón unha suba de 229 euros con respecto da lonxa pasada.

No vacún maior houbo baixadas dos prezos medios nas categorías intermedias. Así, as vacas da categoría extra tiveron un valor medio de 2.051 euros, é dicir, 60 euros máis que a semana pasada. Tamén os animais de descarte incrementaron o seu prezo ata acadar os 446 euros, o que supón 10 euros por encima. Mentres, nas vacas de primeira o prezo medio estivo nos 1.143 euros, o que supón 14 euros menos. As vacas de segunda tiveron unha baixada de 17 euros e sitúanse nos 764 euros. Os animais vendidos baixo o selo Vaca e Boi de Galicia marcaron un prezo medio de 2.093 euros, é dicir 399 euros máis que o logrado a semana anterior nesta sección.

Central Agropecuaria Galicia Vacun 22_11_2022

Subas nos leitóns

Na mesa de cotizacións do porcino, esta semana estabilizouse o prezo do porco cebado, logo de varias xornadas cotizando á baixa. Tamén se produciu unha suba nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal teñen un valor de 1,66 e 1,635 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,123 euros. A única modificación produciuse nos animais de descarte, que tiveron unha suba de 0,03 euros e sitúanse entre os 0,71 e os 0,77 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha suba de 1 euro. Deste xeito, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 62 euros (cun prezo de 3,1 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 57 euros e cun prezo por quilo de 2,85 euros.

O mercado do ovo experimentou esta semana subas de 0,02 euros en tódalas categorías. Tras este incremento, os ovos da XL están a 2,79 euros a ducia, os da L a 2,58 euros, os ovos da M a 2,22 e os da S a 1,97 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense entre os 0,30 e os 0,37 euros.

Central Agropecuaria porcino 22_11_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información