A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha suba xeral dos prezos de referencia da recría, tanto de raza frisoa como de cruce e nos tenreiros carniceiros. No vacún maior houbo subas dos prezos medios nas vacas da categoría extra, de segunda e nos animais comercializados baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia.
As mesas de cotización do porcino continúan esta semana con subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. No mercado do ovo produciuse unha nova suba en tódalas categorías.
Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Na recría frisoa o prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 131 euros, o que supuxo unha suba de 31 euros. Volve repetirse o prezo medio de hai 15 días. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio situouse nos 144 euros, é dicir 8 euros máis que a semana pasada. Os becerros de máis de 50 días incrementaron o seu valor en 6 euros e acadan os 193 euros.
Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 256 euros, tras unha baixada de 19 euros con respecto do valor medio da semana pasada. Foron a excepción dentro deste tipo de gando. As femias desta sección incrementaron o seu valor en 30 euros e acadan un prezo medio de 225 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 364 euros, logo dunha suba de 23 euros con respecto da semana pasada. Nas femias, o prezo de referencia sitúase nos 269 euros, tras un incremento de 17 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos tiveron un valor medio de 562 euros, tras unha suba de 115 euros. O valor de referencia das femias foi de 402 euros, 7 euros máis que a semana pasada.
Os tenreiros carniceiros experimentaron esta semana unha suba xeral dos prezos que afectou a case tódalas categorías. A única excepción veu dada nas becerras frisoas, cuxo prezo medio se situou nos 357 euros, o que supón case a metade do prezo da semana pasada, cando o valor de referencia fora 744 euros. Nos becerros de cruces industriais, os machos tiveron un valor medio de 1.081 euros, o que supón unha suba de 33 euros con respecto da feira anterior. As femias sumaron 68 euros e o prezo de referencia acada os 976 euros. Os becerros de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.117 euros, o que deixa unha suba de 55 euros con respecto da feira anterior. Nas becerras desta raza o incremento foi de 68 euros e acadan os 1.002 euros de media. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.052 euros, o que os sitúa en 12 euros máis que a semana pasada.
No vacún maior as vacas da categoría extra cotizaron á alza, cunha suba de 33 euros, de xeito que acadan os 2.107 euros. As vacas de primeira descontaron 4 euros con respecto da semana pasada e sitúanse nos 1.158 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio subiu 1 euro e foi de 756 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 498 euros, tras descontar 4 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 2.922 euros, o que supón 763 euros máis. Esta semana rexistrouse ademais o terceiro maior prezo do ránking histórico da Lonxa por un boi, vendido en 9.340 euros.
Continúan as subas no porcino
Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,975 e 1,95 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,05 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,065 euros e están a 2,532 euros. Os animais de descarte experimentaron unha suba de 0,06 euros, de xeito que agora cotízanse entre 1,13 e 1,19 euros o quilo.
Nos leitóns houbo unha suba de 1 euro. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 104 euros (cun prezo de 5,2 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 99 euros e cun prezo por quilo de 4,95 euros.
O mercado do ovo experimenta unha suba de 0,05 euros en tódalas seccións. Deste xeito os ovos da XL acadan os 2,95 euros a ducia, os da L están a 2,74 euros, os ovos da M a 2,38 euros e os da S a 2,13 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen cambios e cotízanse entre os 0,30 e os 0,37 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).