Subas nos cruces industriais en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un incremento dos prezos dos becerros de cruzamentos industriais tanto de recría coma dos carniceiros. Tamén houbo subas no vacún maior. As mesas do porcino mantéñense sen cambios

Subas nos cruces industriais en Silleda

Animais no mercado de gando de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca experimentou este martes subas nos becerros de cruces industriais, tanto de recría coma nos carniceiros. A tendencia tamén foi á alza no vacún maior. As mesas de porcino mantivéronse estancadas unha semana máis, mentres no mercado dos ovos houbo baixadas en tódalas categorías.

Na recría, os becerros de cruces industriais experimentaron subas en boa parte das categorías. Nos exemplares de menos de 20 días o incremento foi de 24 euros, ata acadar os 226 euros. Nas femias desta sección, houbo unha suba de 15 euros, polo que se cotizan a 162 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días rexistraron unha suba de 9 euros e quedan nos 263 euros, no caso das femias pasaron a colocarse nun prezo medio de 168 euros, tras sumar 4 euros. A excepción produciuse nos animais de máis idade, os de máis de 50 días, que acusaron unha baixada dos prezos. Os machos quedaron nos 330 euros, tras descontar 7 euros, e nas femias a baixada foi de 62 euros, polo que caen a 205 euros.

Os animais de raza Frisoa mantivéronse case sen variacións esta semana. Os becerros con menos de 20 días cotizáronse a 85 euros, logo dun incremento de 3 euros. Os exemplares de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, acusaron unha baixada de 3 euros e quedan nun prezo medio de 99 euros. Os tenreiros de máis de 50 días mantivéronse nos 121 euros, ó igual que a pasada semana.

No caso dos becerros carniceiros de cruces industriais tamén se mantivo a tendencia á alza. Os machos incrementaron o seu valor en 26 euros e acadan un prezo medio de 810 euros. Nas femias, a suba foi de 64 euros e pasan a venderse a 697 euros. Nesta sección, os exemplares de Rubia Galega incrementaron o seu valor en 30 euros e quedan nos 918 euros. Pola contra, nas femias houbo unha baixada de 49 euros ata os 746 euro. Pola súa banda, os becerros de Ternera Suprema cotizáronse a 809 euros, 29 euros por debaixo do marcado a pasada semana.

O vacún maior experimentou subas en boa parte das categorías. Nas vacas da sección extra o incremento foi de 638 euros para acadar un valor medio de 2.312 euros. As vacas de primeira, pola contra, reduciron o seu valor en 47 euros e quedan nos 1.048 euros. Os animais de segunda, incrementaron o seu prezo en 16 euros, polo que se sitúan en 719 euros. A mesma suba experimentaron as vacas de desvelle, que esta semana están a 460 euros. Nos exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia o valor medio foi de 764 euros, 324 euros menos que o acadado na feira anterior.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacuno--27_10_2020

Sen cambios no porcino

As mesas de negociacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios. Deste xeito, o porco cebado da categoría selecta está a 1,325 euros o quilo, mentres que o normal se atopa a 1,3 euros. Nos Canal II o prezo medio é de 1,688 euros por quilo e os exemplares de desvelle cotízanse entre os 0,47 e os 0,53 euros.

Nos leitóns, os animais procedentes dunha única gandería continúan asentados nos 35 euros, situándose a 1,75 euros por quilo. Nos exemplares procedentes de varias granxas, o prezo por quilo é de 1,5 euros e por animal acada os 30 euros.

No mercado do ovo esta semana houbo unha baixada xeral dos prezos. No caso das categorías XL e L a redución foi de 0,020 euros e a ducia pasa a cotizarse a 1,50 e 1,10 euros respectivamente. Nas categorías de menor tamaño, a M e a S, a baixada foi de 0,010 euros, polo que quedan en 0,93 e 0,77 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, están nun valor entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo, igual que a semana pasada.

Na lonxa de Madrid, o coello mantense sen modificacións e continúa a 2,15 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino---27_10_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información