“As subas nos contratos deben facerse no prezo base para beneficiar a todas as granxas”, defende Agromuralla

A asociación de gandeiros e gandeiras asegura que a mellora real dos novos contratos que entraron en vigor o 1 de abril é "moi limitada", de menos dun céntimo no conxunto das explotacións pois só entre un 10 e un 20% das ganderías, as que máis leite producen, viron incrementado de xeito substancial o seu prezo por cantidade

José Luis Pérez Barreiro, portavoz de Agromuralla. Foto: Arquivo

José Luis Pérez Barreiro, portavoz de Agromuralla. Foto: Arquivo

A Executiva da asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla analizou esta semana as consecuencias dos novos contratos asinados pola industria láctea para a recollida do leite ás granxas en Galicia que entraron en vigor o 1 de abril.

“Unha vez que entraron en vigor os novos contratos, constátase que as subas foron moi limitadas, centradas unicamente nunha pequena minoría de explotacións, sen que a mellora dos prezos do leite estea a chegar de xeito xeralizado ao conxunto do sector productor”, denuncian.

Agromuralla califica de “conxelación encuberta do prezo do leite” a estratexia das empresas que optaron por incrementar vía primas por volume o prezo tan só a entre o 10 e o 20% das explotacións (dependendo da industria), as que máis leite producen, sen facer extensiva a mellora ao conxunto das granxas.

Por iso, a asociación de gandeiros e gandeiras esixe que, de cara á vindeira renovación de contratos no mes de agosto (a vixencia da maioría dos contratos asinados é de catro meses, 1 de abril-31 de xullo), as subas se trasladen ao prezo base para que cheguen a todas as explotacións. “A finalidade de Agromuralla é defender ao conxunto do sector, sexan grandes ou pequenos produtores”, aclaran.

Diferenzas inxustificadas entre granxas grandes e pequenas

Para Agromuralla, a decisión das empresas que máis leite recollen en Galicia (caso de Lactalis e Larsa) de “conxelar” o prezo base e incrementar as bonificacións por volume de entregas, unha tendencia que se está a trasladar tamén a outras industrias, como o Grupo Lence (Leite Río e Leyma), Leche Celta ou Reny Picot, o que supón “un xeito de disfrazar unha mellora limitada no prezo xeral da totalidade do leite que compran”, afirma.

Segundo a análise realizada en base aos contratos asinados, e a falta de coñecer os datos oficiais que publica o Ministerio de Agricultura en relación á evolución mensual do prezo do leite, Agromuralla estima que “a suba real para o conxunto das explotacións cos novos contratos será de entre medio céntimo e un céntimo, incrementándose de maneira notable a diferenza entre as granxas máis grandes e as pequenas e medianas”, o que supón “un castigo inxustificado para a maior parte das ganderías galegas, que moxen entre 50 e 100 vacas”, pois para beneficiarse realmente dos incrementos de prezo vía volume fixados polas industrias no contrato que entrou en vigor o 1 de abril hai que entregar mensualmente máis de 200.000 litros de leite, o que equivale a muxir unhas 200 vacas.

Imposicións das industrias

A asociación de gandeiras e gandeiros pide á Administración galega “que non permita prácticas abusivas no seu territorio” e que controle o diferencial de prezo que teñen as granxas galegas a respecto do resto do Estado e tamén entre si, “non permitindo que se castigue ás granxas pequenas polo mero feito de selo”.

O diferencial de prezos segundo o tamaño da explotación incrementouse coa actual renovación de contratos até acadar os 7 céntimos de diferenza. “As industrias acaban impoñendo as súas condicións debido á falta de capacidade que segue tendo o produtor”, asegura Agromuralla.

“Resulta inxustificado que dúas granxas veciñas da mesma parroquia, que entregan o leite á mesma empresa, unha cobre o leite a 50 céntimos e a outra a 43 cando o camión que lles recolle o leite é o mesmo”, argumenta. “A nivel loxístico, as pequenas granxas tamén son útiles ás industrias para completar os camións de recollida”, di Agromuralla, polo que considera “unha falacia o argumento do incremento de custos de transporte para penalizar ás granxas pequenas”.

Escenario proclive á suba de prezos do leite

O escenario actual e de cara aos vindeiros meses é favorable á suba de prezos do leite, debido ao mantemento do consumo e das cotizacións dos produtos industriais nos mercados internacionais e debido á caída da produción nos principais países produtores europeos, con prezos elevados en Alemaña, Holanda ou Irlanda e ameazas importantes de cara aos vindeiros meses por enfermidades como a da febre aftosa na UE ou a influenza aviar en EEUU.

Por iso, Agromuralla esixe “que esas boas perspectivas se trasladen ao campo beneficiando ao conxunto de produtores sen que as industrias aumenten as súas marxes a costa dos gandeiros e gandeiras”.

Pago por calidade e non por cantidade

Para iso, Agromuralla reitera que “as subas no prezo do leite teñen que facerse no prezo base para que cheguen por igual a todas as explotacións”. “As primas por volume estanse a converter nunha meneira de castigar ás granxas pequenas e medianas. Para que se note no peto do produtor, a suba do leite ten que ser no prezo base e para todos”, insiste.

Agromuralla defende “un prezo base igual para todos”, cunha unificación das actuais disparidades na conformación de prezos nos contratos establecidos polas distintas empresas e primas en base á calidade do leite entregado e non polo volume de entregas realizado.

“Os incentivos deben establecerse pola calidade hixiénico-sanitaria (graxa e bacterioloxía) e as porcentaxes de graxa e proteína contidas no leite. O esforzo do gandeiro en mellorar en cuestións como instalacións, manexo do gando ou alimentación ten que ser valorado”, defende Agromuralla, algo que é independente do volume de entregas ou o tamaño da explotación.

Consecuencias sociais e económicas da desaparición de granxas

A estratexia macroeconómica das industrias lácteas, incentivando explotacións cada vez máis grandes, marxina ás máis pequenas e acelera a súa desaparición, asegura Agromuralla, un problema que se ve agravado polas novas esixencias das industrias leiteiras en cuestións como o certificado de benestar animal.

“É unha cuestión de imaxe das industrias que se está a utilizar para condenar á desaparición a moitas granxas pequenas que se quedan sen opcións de entrega para o leite que producen e vense abocadas a ter que pechar”, denuncia Agromuralla, que alerta sobre as consecuencias e os problemas asociados ao peche das pequenas explotacións: “Estes xogos perniciosos das industrias, pensando só no seu propio beneficio, van en perxuízo do propio territorio e a economía rural, acelerando o despoboamento, porque as granxas familiares son as que manteñen realmente o tecido socioeconómico. Non é o mesmo a nivel poboacional e de emprego que nunha aldea se manteñan 5 explotacións de 100 vacas que quede só unha con 500”, conclúe Agromuralla.

Por último, a asociación de gandeiras e gandeiros fai un chamamento á reflexión por parte do consumidor. “En Galicia segue pechando unha explotación leiteira cada día e ao ritmo actual acabaremos este ano 2025 con menos de 5.000 ganderías de leite. Se desaparece o tecido produtivo, dependeremos de terceiros países para abastecernos e a cesta da compra seguirá subindo”, advirte Agromuralla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información