Subas nos becerros pintos de recría e nos carniceiros en Silleda

A recría frisoa experimenta aumentos das cotizacións e os cruces industriais acusan unha redución dos prezos. Houbo incrementos nos becerros carniceiros e as mesas do porcino e o mercado do ovo continúan unha semana máis á alza

Subas nos becerros pintos de recría e nos carniceiros en Silleda

Gando frisón nas instalacións do mercado de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas na recría de raza frisoa, mentres nos cruzamentos industriais a tendencia foi á baixa. Os becerros carniceiros experimentaron subas. No vacún maior, as seccións con gando de maior calidade acusaron baixadas. As mesas do porcino e o mercado do ovo continúan esta semana con novas subas para tódalas seccións e o coello mantense estable.

En canto á recría, nos becerros frisóns os animais máis novos, con menos de 20 días, foron a excepción e experimentaron unha baixada de 9 euros, polo que quedan en 84 euros. Porén, nos exemplares de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa, o prezo incrementouse en 4 euros, ata acadar os 104 euros. Tamén houbo unha suba nos tenreiros de máis de 50 días, que pasan a cotizarse a 134 euros, tras un incremento de 24 euros.

Porén, nos tenreiros de cruces industriais, a tendencia foi á baixa, coa excepción dos becerros máis novos, que sumaron 2 euros nos machos e 13 nas femias para acadar os 194 e 154 euros respectivamente. Nos exemplares de entre 20 e 50 días, a baixada foi de 11 euros para os machos, polo que se sitúan en 254 euros. Nas femias houbo unha redución de 2 euros, o que deixa o prezo en 176 euros. A baixada máis destacada produciuse nos exemplares de máis de 50 días, que descontaron 74 euros e pasan a cotizarse a 346 euros. Nas femias, a redución foi de 4 euros e quedan en 317 euros.

Nos becerros carniceiros frisóns, o prezo incrementouse en 75 euros, de modo que se cotizan a 618 euros. A única femia desta raza adxudicada marcou un prezo de 663 euros. Nos cruzamentos industriais, os machos cotizáronse a 814 euros, o que supuxo unha suba de 26 euros. Nas femias, o incremento foi de 18 euros, e acadan os 773 euros. Os exemplares de Rubia Galega acusaron unha baixada dos prezos, nos machos resultou de 16 euros, polo que quedan en 864 euros; e as femias descontaron 34 euros, ata os 792 euros. Os animais co selo Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 864 euros, o que marcou unha redución de 66 euros.

A diferenza do acontecido a semana pasada nos prezos do vacún grande, cando as categorías de maior calidade experimentaron subas e as baixadas se centraron no gando das seccións de segunda e de desfeito, este martes a tendencia inverteuse. Deste modo, as vacas da categoría extra acusaron unha redución de 236 euros, ata situarse nun valor medio de 1.604 euros. Tamén os exemplares de primeira tiveron unha baixada, neste caso de 19 euros e quedan en 1.125 euros. Mentres, as vacas de segunda sumaron 5 euros e cotízanse a 712 euros e as vacas de desvelle tiveron un incremento de 39 euros ata os 467 euros. O gando co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega, tiveron un prezo medio de 952 euros, logo de que a semana pasada non se adxudicase ningún animal con esta distinción.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacun-09_03_2021-2

Continúan as subas no porcino e os ovos

O porco cebado e os leitóns experimentaron esta semana novas subas en tódalas seccións. En concreto, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,06 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,345 e 1,320 euros o quilo, respectivamente. Nos exemplares de Canal II a suba foi de 0,078 euros, e acadan así un valor medio de 1,714 euros. Nos porcos de desfeito o incremento foi de 0,1 euros e pasan a cotizarse entre os 0,69 e os 0,75 euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 5 euros. Así, os animais procedentes dunha única gandería acadan os 73 euros, cun prezo de 3,65 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 3,4 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 68 euros.

No mercado do ovo tódalas seccións incrementaron o seu valor en 0,05 euros. Deste xeito, os ovos da categoría XL cotízanse a 1,61 euros a ducia, os da L están a 1,18 euros, os da M sitúanse en 1,07 euros e os da S quedan en 0,87 euros a ducia. As galiñas de desfeito semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, experimentaron unha suba de 0,01 euros, polo que quedan cun prezo de entre os 0,11 e os 0,18 euros por quilo.

O prezo do coello continúa esta semana a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-09_03_2021-porcino-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información