Subas nos becerros frisóns de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou hoxe un incremento dos prezos dos tenreiros de recría de raza Frisoa. Nos cruces industriais e os animais carniceiros a tendencia foi á baixa. O porco cebado e os leitóns acadaron novas subas

Subas nos becerros frisóns de recría en Silleda

Reses no recinto feiral de Silleda. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), rexistrou na mañá de hoxe un incremento dos prezos nos becerros de raza Frisoa, mentres a tendencia nos de cruces industriais, así como nos tenreiros carniceiros, foi á baixa. O gando maior apuntou lixeiras subas. No caso do porcino, as mesas de negociación acordaron subas no porco cebado e os leitóns mantivéronse sen cambios.

No caso dos becerros de recría de raza Frisoa as subas afectaron a tódalas categorías, aínda que a máis destacada produciuse nos animais máis novos. Os tenreiros de menos de 20 días viron incrementado o seu valor en 36 euros e pasaron a cotizarse a 116 euros, mesmo por encima do que acadaran na última lonxa antes do parón por mor do coronavirus, cando o seu prezo medio se situaba nos 83 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo situouse nos 126 euros, logo dunha suba de 16 euros. Nesta categoría, o valor medio é un 13% superior o que rexistraba a mediados de marzo. A suba máis moderada produciuse nos becerros de máis de 50 días, que aumentaron en 12 euros o seu valor e quedan cun prezo medio de 154 euros.

As razas de cruces industriais continúan á baixa, salvo excepcións nalgunhas categorías. Nos becerros de menos de 20 días o prezo medio situouse nos 133 euros, 47 euros por debaixo do acadado a semana pasada e lonxe dos 334 euros que se cotizaban en marzo. Os animais de entre 21 e 50 días foron a única excepción e incrementaron o seu valor en 24 euros, polo que pasan a situarse nun prezo medio de 258 euros. Aínda así, o prezo dos animais desta categoría é un 20% inferior ó que rexistraban antes da crise do coronavirus. Nos becerros de máis de 50 días produciuse unha baixada de 9 euros e pasan a cotizarse a 328 euros e, ó igual que na categoría anterior, seguen con prezos un 25% por debaixo do que valían a mediados de marzo.

A tendencia á baixa foi a tónica dominante nos becerros carniceiros. Nos frisón o prezo medio situouse nos 456 euros, logo dunha redución de 23 euros. Nos tenreiros de cruces industriais houbo unha baixada de 29 euros no caso dos machos, que os situou nos 779 euros, mentres que nas femias desta categoría o prezo medio foi de 724 euros, tras un descenso de 20 euros.

No vacún maior, as vacas de primeira categoría rexistraron unha suba dun euro ata acadar un prezo medio de 1.092 euros. Tamén os animais de segunda categoría incrementaron o seu valor, neste caso en 23 euros, ata os 710 euros. Nas vacas de desvelle houbo unha baixada de 12 euros, polo que pasan a cotizarse a 446 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-09_06_2020--vacuno-

Subas no porcino

Nas mesas de negociación do porcino acordouse unha suba no porco cebado mentres que nos leitóns se mantén o prezo da semana pasada.

No porco cebado houbo subas en case tódalas categorías. Así, o valor do porco selecto e o normal incrementouse en 0,010 euros e sitúanse a un prezo medio de 1,305 e 1,280 euros respectivamente. Nos animais de Canal II a suba foi de 0,013 euros ata acadar 1,662 euros por quilo. Os porcos de desvelle foron a excepción, e o seu prezo mantívose sen variacións entre os 0,48 e os 0,54 euros por quilo.

Os leitóns manteñen os prezos, de modo que os animais procedentes dunha única granxa sitúanse nos 52 euros, mentres que os chegados de diferentes ganderías teñen un valor de 47 euros. O prezo por quilo é de 2,6 e 2,35 euros respectivamente.

Na lonxa de Madrid, esta semana, o prezo do coello rexistrou unha suba de 0,10 euros e pasa a cotizarse a 1,75 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-09_06_2020--porcino-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información