A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada semana en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas nos prezos da recría, en especial nos tenreiros de raza frisoa. Mentres, no vacún maior a tendencia foi á baixa, pese a superarse o prezo histórico pola venda dun boi que case acadou os 10.000 euros. Nos becerros carniceiros houbo lixeiras subas nos valores de referencia nos cruces industriais e os machos de Rubia Galega.
As mesas de cotización do porcino acordaron esta semana novas subas dos prezos para o porco cebado, así como para os leitóns. No mercado do ovo rexístranse incrementos en tódalas categorías. O prezo do coello mantense sen cambios.
Facemos un repaso pormenorizado polas distintas categorías, para comparar os prezos medios desta semana cos da última sesión. A comparativa busca ser unha ferramenta de utilidade para o sector, aínda que cómpre ter presente que nos prezos inflúen outros factores como a calidade media que poidan ter os animais (canais, quilos, etc).
Na recría, a tendencia foi á alza, en especial nos animais frisóns. Os becerros máis novos desta raza vendéronse a un prezo medio de 103 euros, o que supón unha suba de 20 euros con respecto da semana pasada. Nos animais de entre 20 e 50 días, o prezo medio situouse nos 125 euros, logo de sumar 21 euros. Os tenreiros de máis de 50 días experimentaron a suba máis destacada, de 56 euros, e cotízanse a 163 euros.
No caso dos becerros de cruzamentos industriais houbo categorías nas que os prezos medios foron máis baixos que na última feira. Os animais de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia, experimentou unha baixada de 7 euros e cotízase de media a 270 euros. Nas femias, a redución foi de 2 euros con respecto da última feira e teñen un prezo medio de 216 euros. Nos animais de máis de 50 días, a baixada foi de 22 euros e o prezo medio é de 343 euros. Nas femias desta categoría logrouse unha suba de 68 euros e acadan os 319 euros. Tamén os animais máis novos, os de menos de 20 días foron dos que lograron unha suba. Neste caso foi de 3 euros e o prezo medio foi de 213 euros. Pola contra, as femias desta sección tamén cotizaron á baixa, cun valor medio de 180 euros, o que supón 13 menos que na última feira.
Os becerros carniceiros de cruces industriais lograron unha suba de 21 euros con respecto do prezo de referencia da semana anterior e teñen un prezo medio de 910 euros. As femias cotízanse a 747 euros, o que tamén deixa un incremento de 13 euros. Nos exemplares de Rubia Galega o valor medio foi de 940 euros, que deixa unha suba de 6 euros con respecto do prezo de referencia da semana anterior. Nas femias produciuse unha baixada de 88 euros nos prezos medios, e quedan en 775 euros. Os becerros frisóns tiveron un valor medio de 581 euros, o que supón 310 euros menos en comparación cos prezos medios da última feira. Os animais co selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 927 euros, o que deixa unha suba de 48 euros.
O vacún maior experimentou unha baixada xeral dos prezos. Os animais da categoría extra están 152 euros por debaixo do prezo medio da semana anterior. Cotízanse a 2.022 euros. Nas vacas de primeira o prezo medio é de 1.152 euros, só 5 euros por debaixo. As vacas de desfeito están a 435 euros, 22 euros menos. A única excepción foron os animais de segunda, que tiveron unha suba de 29 euros e acadan un valor medio de 779 euros. Os exemplares que contan co selo da IXP Vaca e Boi de Galicia tiveron un prezo medio de 1.880 euros, o que supón 1.093 euros menos que o valor medio da semana pasada, cando ademais se acadou un récord de facturación no vacún maior.
Subas no porcino
Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,03 euros e pasan a cotizarse a 1,115 e 1,090 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que a semana pasada, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,39 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,416 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que se mantiveron sen cambios e cotízanse entre os 0,32 e os 0,38 euros o quilo.
Nos leitóns, produciuse unha suba de 1 euro. Deste xeito, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 48 euros (cun prezo de 2,4 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 43 euros e teñen un prezo por quilo de 2,15 euros.
No mercado do ovo houbo subas en tódalas categorías. Os ovos da XL e os da S experimentaron un incremento de 0,02 euros e acadan os 1,72 e os 1,03 euros a ducia respectivamente. No resto de categorías houbo unha suba de 0,03 euros, de xeito que os ovos da L teñen un prezo de 1,43 euros e os da M están 1,25 euros a ducia. As galiñas de descarte seguen a cotizarse entre os 0,22 e os 0,29 euros por quilo.
O coello está en 1,95 euros o quilo na Lonxa de Madrid.