Subas nos becerros de recría frisoa en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un aumento do prezo medio da recría de raza frisoa e baixadas nos tenreiros de cruces industriais. Subas nos leitóns e novos recortes do prezo para o coello

Subas nos becerros de recría frisoa en Silleda

Recría frisoa no recinto feiral de Silleda, en Pontevedra. // Foto de arquivo.

A recría, en especial de raza frisoa, experimentou este martes unha suba xeral na Central Agropecuaria de Galicia- Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra). Con respecto dos prezos medios manexados na semana pasada, apreciouse un incremento en tódalas categorías. Na recría de cruces industriais producíronse baixadas nos prezos medios de boa parte das seccións. No resto do gando, houbo incrementos dos prezos do vacún maior e unha baixada dos prezos medios dos becerros carniceiros.

A comparación dos prezos entre as sucesivas sesións da Lonxa serve como referencia para o sector, se ben na variación dos prezos tamén hai que ter en conta factores como a distinta calidade media que poden ter os animais (canais, quilos, etc.).

A Central rexistrou este martes varios máximos anuais, tanto no volume de transaccións, caso da recría, como no volume de animais rexistrados, caso dos becerros carniceiros.

As mesas de cotización do porcino acordaron unha suba dos prezos dos leitóns, mentres que o porco cebado se mantén sen cambios. Tampouco houbo variacións no mercado do ovo. O coello rexistra unha nova baixada do prezo na Lonxa de Madrid.

Prezos medios da recría

No referido á recría frisoa, os animais de menos de 20 días cotizáronse a un prezo medio de 102 euros, o que supón 14 euros máis que o prezo da pasada feira. Nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa do mercado, na que se venderon un total de 209 becerros; o prezo medio foi de 120 euros, 16 euros por encima do fixado o anterior martes. Os tenreiros de máis de 50 días cotízanse a 137 euros, o que supón unha suba mínima de 1 euro no prezo medio de referencia.

Na recría de cruzamentos industriais, nos becerros de menos de 20 días houbo un prezo medio de 210 euros, 52 euros por debaixo do marcado o martes pasado. Tamén os tenreiros de máis de 50 días cotizaron cun prezo medio inferior que na feira anterior, en concreto 32 euros menos, ó situarse en 357 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días teñen un prezo medio de 286 euros, o que supón unha suba de 4 euros en comparación cos últimos valores de referencia.

Na categoría de becerros de recría rexistrouse o máximo anual en transaccións con 140.771 euros. Ata o momento, a maior cifra do ano foran os 135.192 euros facturados o pasado 7 de setembro.

No vacún maior, as vacas da categoría extra teñen un prezo medio de 1.837 euros, 4 euros menos que o martes pasado. Nos animais de primeira houbo unha suba de 22 euros no prezo medio e sitúanse nos 1.127 euros. As vacas de segunda teñen unha cotización media de 722 euros, o que supón unha redución de 12 euros. Nas vacas de desfeito o prezo medio é de 503 euros, 52 euros máis que a semana anterior. Os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia teñen un prezo medio de 1.788 euros, é dicir, 80 euros menos que o último manexado.

Nos becerros carniceiros de cruces industriais, os 56 machos adxudicados na xornada deste martes fixaron un prezo medio de 787 euros. Mentres, como referencia, a semana pasada o prezo medio desta categoría atopábase 101 euros por encima, nos 888 euros. As femias teñen un prezo medio de 711 euros, o que supón 2 euros máis que o martes anterior. Esta semana, igual que na feira pasada, adxudicáronse 16 becerros de Rubia Galega, porén o prezo medio quedou nos 920 euros, o que supón 69 euros menos. As femias desta raza tiveron un prezo medio de 862 euros, o que implica 133 euros máis que a referencia da última semana. O prezo medio dos frisóns foi de 578 euros e a única femia adxudicada nesta sesión marcou un prezo medio de 677 euros.

Os animais co selo Ternera Gallega Suprema están cun prezo medio de 820 euros, mentres que a referencia da semana pasada situábase nos 893 euros.

Na categoría de becerros carniceiros acadouse a maior asistencia deste ano con 151 animais, fronte ós 139 euros que acudiran o 11 de maio e que se situaban como a cifra máxima. Tamén se logrou o maior número de exemplares adxudicados con 143. O máximo ata este martes eran os 125 adxudicados tanto o 11 de maio como o 14 de setembro. Ademais, as transaccións desta categoría foron as maiores do ano con 110.775 euros. 

Central Agr 14_12_21

Subas nos leitóns

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron manter as cotizacións para o porco cebado mentres que os leitóns experimentaron unha suba de 3 euros en tódalas categorías. Así, o porco selecto e o normal continúan a cotizarse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo e os animais de desvelle están a cotizarse entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Nos leitóns, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 35 euros (cun prezo de 1,75 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 30 euros e teñen un prezo por quilo de 1,5 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. As galiñas de desvelle están a cotizarse entre os 0,23 e os 0,30 euros por quilo.

O coello experimentou esta semana unha nova baixada de 0,10 euros. Así, cotízase a 1,9 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central 14_12_21

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información