A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha suba xeral dos prezos medios da recría, en especial nos animais de raza frisoa. Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, con algunha excepción. No vacún maior tamén houbo unha baixada dos prezos en case tódalas categorías.
As mesas de cotización do porcino mantéñense con subas nos leitóns e estabilízase o prezo do porco cebado. O mercado do ovo mantense cos prezos da semana pasada.
Facemos un repaso detallado polos prezos medios das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Gando vacún
Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 125 euros, o que amosa unha suba de 22 euros con respecto da semana pasada. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio incrementouse 7 euros e sitúase nos 148 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha suba de 51 euros do valor medio con respecto da semana pasada. Así, nesta feira o prezo medio foi de 227 euros.
Nos tenreiros de cruzamentos industriais houbo tamén algunhas seccións que cotizaron á alza, aínda que boa parte delas acusaron unha redución do prezo medio. Así, os becerros de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa, tivo un prezo medio de 307 euros, o que amosa unha suba de 19 euros con respecto da semana anterior. Mentres as femias desta categoría descontaron 18 euros e sitúanse nun valor medio de 196 euros. Nos becerros máis novos, os de menos de 20 días, o prezo medio foi de 219 euros, é dicir, 2 euros por debaixo do rexistrado a semana anterior. Nas femias desta sección a diferenza coa pasada feira foi máis acusada. Sitúanse nun valor medio de 136 euros, o que supuxo unha baixada de 66 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, o prezo medio foi de 470 euros, logo dunha redución de 22 euros. Mentres, as femias incrementaron o seu valor en 20 euros e acadan un prezo medio de 402 euros.
En canto ós prezos dos becerros carniceiros, os de cruces industriais cotizáronse a un prezo medio de 1.035 euros, cunha baixada de 37 euros. Nas femias a redución foi de 9 euros e agora o valor medio é de 929 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega, o prezo medio situouse nos 1.133 euros, logo de sumar 89 euros. Nas femias desta raza produciuse unha baixada de 47 euros e o valor medio é de 978 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema, o prezo medio acadou os 1.065 euros, logo dunha suba de 39 euros.
No vacún maior, a tendencia xeral foi á baixa. As vacas da extra tiveron unha redución de 64 euros e o valor medio queda nos 2.047 euros. Os animais de primeira descontaron 44 euros e sitúanse nos 1.121 euros. As vacas de segunda foron a única excepción. Tiveron unha suba de 16 euros e acadan un valor medio de 785 euros. Os animais de desfeito tamén tiveron unha redución do valor medio. Neste caso foi de 69 euros e pasan a cotizarse a 429 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio queda nos 1.475 euros, logo dunha baixada de 663 euros.
Subas nos leitóns
Este martes, a mesa de cotizacións do porcino acordou manter os prezos para o porco cebado. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,715 e 1,690 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,195 euros. Os animais de descarte cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.
Nos leitóns a suba dun euro deixa os exemplares chegados dunha única granxa nos 54 euros (cun prezo de 2,7 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías a 49 euros e cun prezo por quilo de 2,45 euros.
O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da XL cotízanse a 2,45 euros a ducia. Mentres, os da L están nos 2,15 euros, os ovos da M atópanse a 1,76 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.