Subas nos becerros de recría en Silleda

Nova xornada de récord de afluencia e facturación na Central Agropecuaria de Galicia. Incrementos nos prezos de referencia da recría e nalgunhas categorías do vacún maior. Baixadas nos becerros carniceiros. Continúan á alza o porco cebado e os ovos

Subas nos becerros de recría en Silleda

Vacas no recinto feiral de Silleda (Pontevedra) esta mañá. // Foto Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca volveu rexistrar este martes unha nova sesión con récord de afluencia e facturación, en parte debido aínda ós efectos de terse suspendido a actividade durante tres semanas polo paro do transporte. Así, na sesión deste martes rexistráronse un total de 1.454 animais, unha asistencia que supón a maior do ano, pero que tamén é a terceira máis alta na historia da Central, cuxo récord está nos 1.613 animais que se rexistraron o 5 de outubro de 2010. A segunda mellor cifra foi a do 31 de xullo de 2018, cando concurriran 1.476 exemplares. Por categorías, destacou a asistencia en vacún maior, con 396 animais, récord anual e tamén a maior cifra dende o 24 de xuño de 2014, cando acudiran 397 exemplares.

Por outra banda, a Central rexistrou hoxe un volumen total de transaccións de 906.017 euros, acadando por segunda semana consecutiva o seu récord histórico, ao superar os 821.947 euros do pasado martes. Tamén a facturación da categoría de vacún maior foi a máis alta rexistrada na traxectoria deste mercado, ao ascender a 572.226 euros, que superaron os 561.019 euros do pasado 8 de marzo, que supoñían o récord ata a data.

En becerros de recría, a facturación foi de 207.278 euros, a maior do ano e a terceira maior desta categoría na historia da Central, cuxo récord está nos 227.100 euros acadados o 31 de xullo de 2018. O seu prezo medio foi, con 233,16 euros, o máis alto do que levamos deste 2022. Respecto ós becerros carniceiros, tamén houbo récord anual cunhas transaccións de 126.513 euros, que supoñen ademais a maior facturación da categoría dende o 17 de decembro de 2019, cando ascenderan a 142.071 euros.

A deste martes foi a última sesión para a que é preciso formalizar a preinscrición dos animais que vaian ó mercado, unha medida que se activara tras suspenderse as feiras polo paro dos transportes e para poder regular a afluencia de gando, dado o elevado volume de animais que se agardaba para estas semanas. Así, a vindeira semana, xa non será preciso realizar a preinscrición e recupéranse as canles habituais do mercado.

Cotizacións de referencia do vacún

Nesta sesión tamén se apreciou unha suba dos prezos medios das cotizacións da recría de vacún, con respecto da feira da semana pasada. Facemos unha comparativa entre os prezos deste martes e as últimas cotizacións, para coñecer as tendencias dos prezos, pero cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada exemplar.

No caso da recría, case tódalas categorías rexistraron subas. As excepcións producíronse nas sección cunha maior afluencia de animais. No gando de raza frisoa, os animais de menos de 20 días cotizáronse a 96 euros, o que supón un incremento de 18 euros con respecto do prezo medio que se acadou a feira anterior. Porén, nos animais de entre 20 e 50 días, os que maior número de cabezas contabilizan, tiveron un prezo medio de 121 euros, o que supón 4 euros por debaixo da cifra da semana pasada. Nos becerros de máis de 50 días, a cotización subiu ata os 157 euros, é dicir, 9 euros máis.

Nos cruzamentos industriais a tendencia foi semellante. Os tenreiros de menos de 20 días cotizáronse a 257 euros, o que supón 18 euros por encima do prezo medio de referencia da última poxa. Nas femias apreciouse un incremento de 32 euros e acadan os 196 euros. Mentres, nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia de gando desta raza, houbo unha mínima baixada de 2 euros no prezo de referencia con respecto da feira anterior, e sitúanse nos 300 euros. Nas femias descontáronse 10 euros e o prezo medio está nos 242 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, houbo unha suba de 65 euros nos machos e de 50 euros nas femias, de xeito que os prezos medios de referencia quedan nos 391 e nos 321 euros, respectivamente.

Nos becerros carniceiros apréciase unha baixada xeral dos prezos medios con respecto da última feira. Nos tenreiros frisóns reduciuse en 278 euros o prezo medio e queda en 631 esta semana. As femias teñen un valor medio de 704 euros. Nos animais de cruzamentos industriais, os machos atópanse cun prezo medio de 933 euros, o que supón 55 euros menos. Na femias, o prezo medio é de 809 euros, 47 euros menos. A tendencia foi semellante nos exemplares de Rubia Galega. Os machos tiveron un valor medio de 1.039 euros, polo que houbo unha redución de 54 euros no prezo de referencia. Nas femias a diferenza foi de 18 euros á baixa, e quedan nos 898 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica de Ternera Gallega Suprema tiveron unha cotización media de 1.011 euros, só un euro menos que o rexistrado a semana anterior.

O vacún maior experimentou baixadas na categoría con maior calidade ou vendidas baixo selos diferenciados. Nas vacas de extra, o prezo foi 62 euros máis baixo que a semana anterior, de xeito que se cotizan de media a 2.035 euros. Nas vacas de primeira apreciouse unha suba de 16 euros e o prezo medio é de 1.174 euros. Os animais de segunda continúan nos 788 euros e os de descarte lograron unha suba de 32 euros para acadar un prezo medio de 483 euros. A maior diferenza con respecto da semana pasada está nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi, cuxo prezo medio se situou nos 2.467 euros, fronte ós 3.551 euros de media da semana pasada.

Central Agropecuaria de Galicia_Vacuno 12_04_2022

Continúan as subas no porco cebado

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas no porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,565 e 1,540 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que nas últimas semanas, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,78 euros e agora sitúanse nun prezo de 2 euros o quilo. Os animais de descarte rexistraron unha suba de 0,06 euros e cotízanse entre os 0,7 e os 0,76 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 69 euros (cun prezo de 3,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 64 euros e teñen un prezo por quilo de 3,2 euros.

No mercado do ovo houbo de novo subas por valor de 0,02 euros para os ovos das categorías XL e S, de xeito que agora se cotizan a 2,30 e 1,66 euros a ducia, respectivamente. Mentres, os da L tiveron unha suba de 0,05 euros e acadan os 2,09 euros a ducia. No caso dos ovos da M a suba foi de 0,03 euros e cotízanse a 1,89 euros a ducia. As galiñas de descarte continúan entre os 0,31 e os 0,38 euros por quilo.

Central Porcino 12_04_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información