Subas nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra incrementos nos prezos da recría, en especial nos tenreiros de cruzamentos industriais. Subas no vacún maior. Baixan os becerros carniceiros. As mesas do porcino acordan novas baixadas para o porco cebado e os leitóns. Continúa estable o mercado do ovo

Subas nos becerros de recría en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

Este martes, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou unha lixeira suba nos prezos da recría, en especial nos machos de cruzamentos industriais. Mentres, nos becerros carniceiros a tendencia é á baixa, en boa parte das seccións. O vacún maior experimenta subas nas categorías con maior afluencia. Nas mesas de prezos do porcino, o porco cebado e os leitóns acusan novas baixadas das cotizacións. Pola súa banda, o mercado do ovo mantense estable unha semana máis, igual que o prezo do coello.

En concreto, na recría houbo subas, sobre todo nos machos de cruces industriais. Nos becerros frisóns tamén se produciron leves incrementos. A única excepción nos frisóns rexistrouse nos animais máis novos, nos de menos de 20 días, que descontaron 9 euros e cotízanse a 69 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días produciuse unha suba de 2 euros, que deixa un prezo de 96 euros. Tamén os machos de máis de 50 días conseguiron un pequeno incremento do prezo, dun euro, polo que se cotizan a 117 euros.

Nos tenreiros de cruzamentos industriais as subas foron máis importantes. Porén, esta tendencia só afectou ós machos, mentres que nas distintas categorías, as femias rexistraron unha baixada xeral das cotizacións. Os becerros máis novos, os de menos de 20 días, sumaron 26 euros e cotízanse a 238 euros. Nas femias, a baixada foi de 18 euros e quedan en 144 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, produciuse unha suba de 25 euros, mentres as femias descontaron a mesma cantidade. Así, os machos cotízanse a 274 euros e as femias a 177 euros. Nos xatos de máis de 50 días, a suba foi de 20 euros e acadan os 385 euros, e as tenreiras acusan unha baixada de 44 euros e caen ata os 276 euros.

Na recría de Rubia Galega, os animais de máis de 50 días, a categoría con maior afluencia nesta raza, cotízase a 430 euros os machos, o que supón unha baixada de 26 euros con respecto da feira pasada. Nas femias desta sección tamén se rexistrou unha redución (18 euros) e atópanse cun prezo medio de 325 euros.

Pola súa banda, nos becerros carniceiros a categoría con maior afluencia de gando, os tenreiros de cruzamentos industriais, experimentaron unha caída dos prezos. Os machos descontaron 26 euros, e sitúanse en 868 euros, e as femias están nun prezo medio de 785 euros, logo dunha baixada de 66 euros. Mentres, no gando frisón, o único becerro adxudicado fíxoo por un prezo de 167 euros, o que deixa un prezo medio moi afastado dos 583 euros que se fixaron a semana pasada. Nas femias, o prezo medio foi de 408 euros, o que supón un incremento de 124 euros. Nos exemplares de Rubia Galega, produciuse unha suba de 53 euros para os machos e de 75 para as femias, o que deixa uns prezos medios de 984 e 870 euros, respectivamente. No caso dos becerros co selo Ternera Gallega Suprema, a cotización media foi de 958 euros, o que supón unha redución de 65 euros con respecto da feira anterior.

O vacún maior experimentou esta semana novas subas nas categorías con maior afluencia de gando. As vacas de primeira conseguiron un incremento de 14 euros e cotízanse a 1.135 euros. Tamén os animais de segunda experimentaron unha suba, de 29 euros, e acadan os 745 euros. Mentres, as vacas da categoría extra acusaron unha baixada de 33 euros, e quedan en 1.844 euros. Tamén o gando de desfeito reduciu en 20 euros o seu valor, polo que se cotiza a 458 euros. Nesta sesión só se adxudicou un exemplar co selo Vaca e Boi de Galicia e fíxoo por un prezo de 362 euros, lonxe dos 1.939 euros nos que se situaba o prezo medio hai só unha semana.

Lonxa Silleda 10_08_2021

Novas baixadas no porcino

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino acordaron novas baixadas das cotizacións tanto no porco cebado como nos leitóns. No porco selecto e no normal o prezo reduciuse 0,03 euros, polo que se cotizan a 1,275 e 1,250 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,623 euros, logo dunha baixada de 0,039 euros. Os porcos de desfeito arrastraron unha baixada de 0,02 euros, o que provoca que se coticen entre os 0,50 e os 0,56 euros o quilo.

Logo dunha semana de estabilidade, os leitóns volven experimentar unha redución dos prezos, ó descontar un euro en cada categoría. Así os exemplares procedentes dunha única granxa están agora nos 34 euros (cun prezo de 1,7 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías están nos 29 euros e cun prezo por quilo de 1,45 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue unha semana máis en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Lonxa Silleda Porcino 10_08_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información