Subas nos becerros de recría en Silleda

Incrementos nos prezos dos tenreiros de recría na Central Agropecuaria de Galicia, tanto nos frisóns coma nos cruces industriais. Aumento na cotización do vacún maior de calidades superiores. As mesas de porcino acordan novas subas para o porco cebado e os leitóns

Subas nos becerros de recría en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

Este martes os becerros de recría rexistraron novas subas na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra). Tamén houbo aumentos na cotización dalgunhas das categorías dos tenreiros carniceiros. No vacún maior apreciáronse incrementos do prezo do gando de máis calidade. Continúan as subas no porcino, tanto no porco cebado coma nos leitóns, que encadean unha semana de novos aumentos. O mercado do ovo continúa á alza con subas en tódalas seccións.

Na recría de raza Frisoa apreciáronse novas subas en boa parte das categorías. Os animais con menos de 20 días sumaron 15 euros ata acadar os 93 euros. Nos exemplares de entre 20 e 50 días, o prezo incrementouse en 5 euros para situarse en 100 euros. Nas femias desta sección, a única categoría na que houbo tenreiras adxudicadas, logrouse un prezo medio de 88 euros, o que supuxo un incremento de 21 euros. A excepción nos frisóns veu cos animais de máis de 50 días, que descontaron 17 euros e quedan nos 110 euros.

Os becerros de cruces industriais para a recría tamén experimentaron subas en boa parte das categorías. Os exemplares máis novos, de menos de 20 días, sumaron 8 euros e chegan ata os 192 euros. As femias desta sección, foron a excepción ó descontar 13 euros e quedar en 141 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, apreciouse unha suba de 22 euros para os machos e de 11 para as femias, de xeito que se cotizan a 265 e 178 euros respectivamente. O incremento máis destacado produciuse nos animais de máis de 50 días. Os machos tiveron unha suba de 40 euros e acadan os 420 euros e as femias incrementaron 94 euros o seu prezo, polo que conseguen un prezo medio de 321 euros.

No caso dos tenreiros carniceiros, os animais de cruces industriais reduciron os seu valor medio en 14 euros e quedan en 788 euros. Pola contra, as femias incrementaron o seu prezo en 28 euros e sitúanse en 755 euros. Tamén aumentaron a súa cotización os exemplares de Rubia Galega. Nos machos a suba foi de 14 euros e sitúanse agora en 880 euros, e para as femias o incremento foi de 57 euros e consiguen os 826 euros. Só se adxudicou un becerro frisón, que marcou un prezo de 543 euros, o que supuxo unha baixada de 20 euros con respecto da semana pasada. A única becerra desta raza acadou os 714 euros. O prezo dos animais co selo Ternera Gallega incrementouse en 112 euros e sitúase nun valor medio de 908 euros.

As categorías de máis calidade do vacún maior obtiveron esta semana novas subas da cotización. Nas vacas extra o incremento foi de 120 euros, de xeito que agora teñen un prezo medio de 1.840 euros. Nos animais de primeira o incremento fixouse en 47 euros e acadan os 1.144 euros. Pola contra, as vacas de segunda rebaixan o seu prezo medio en 17 euros e quedan en 707 euros. O mesmo aconteceu nos animais de desfeito, que reduciron o seu valor en 19 euros e sitúanse en 428 euros.

 

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacuno-02_03_2021-2

Subas no porcino e os ovos

O porco cebado e os leitóns experimentaron esta semana novas subas en tódalas seccións. En concreto, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,06 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,285 e 1,260 euros o quilo, respectivamente. Nos exemplares de Canal II a suba foi de 0,078 euros, e acadan así un valor medio de 1,636 euros. Nos porcos de desfeito o incremento foi de 0,06 euros e pasan a cotizarse entre os 0,59 e os 0,65 euros o quilo.

A mesa de prezos acordou unha suba de 5 euros para os leitóns. Así, os animais procedentes dunha única gandería acadan os 68 euros, cun prezo de 3,4 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 3,15 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 63 euros.

No mercado do ovo tódalas seccións incrementaron o seu valor en 0,02 euros. Deste xeito, os ovos da categoría XL cotízanse a 1,56 euros a ducia, os da L están a 1,13 euros, os da M sitúanse en 1,02 euros e os da S quedan en 0,82 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, tamén experimentaron a mesma suba, polo que quedan cun prezo de entre os 0,10 e os 0,17 euros por quilo.

O prezo do coello continúa esta semana a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

 

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino-02_03_2021-1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información