Subas nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un incremento dos prezos da recría e dos tenreiros carniceiros de cruces industriais. Mantéñense sen cambios a mesa do porcino e do ovo

Subas nos becerros de recría en Silleda

Animais no mercado de gando de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca experimentou esta semana unha recuperación dos prezos da recría, aínda que houbo excepcións nalgunhas das categorías. Tamén se produciron subas nos becerros carniceiros de cruces industriais. Pola súa banda, as mesas de cotización do porcino mantivéronse sen cambios, ó igual que os prezos dos ovos e do coello.

Na recría de raza Frisoa, a única excepción á mellora de prezos produciuse nos animais de menos de 20 días que pasaron a cotizarse a 61 euros, despois dunha baixada de 4 euros. Porén, nos tenreiros de entre 20 e 50 días houbo xa unha suba de 2 euros e acadaron os 81 euros. A suba máis significativa produciuse nos becerros de máis de 50 días, que incrementaron o seu valor en 27 euros para situarse nos 124 euros.

A tendencia tamén foi á alza nos animais de cruces industriais. Nos becerros de menos de 20 días, o prezo pasou a 210 euros, logo de sumar 6 euros con respecto da semana pasada. Os animais de entre 20 e 50 días incrementaron o seu valor en 18 euros e acadan un prezo medio de 258 euros. A excepción veu marcada polos animais de máis de 50 días, que acusaron unha baixada de 63 euros, polo que o seu valor quedou nos 328 euros.

Nos becerros carniceiros frisóns produciuse unha baixada de 87 euros ata situarse nos 346 euros. Mentres, os animais de cruces industriais, os máis numerosos, experimentaron un incremento de 18 euros e pasaron a cotizarse a 833 euros. Porén, as femias desta sección tamén rexistraron unha baixada, que neste caso foi de 42 euros, ata situarse nos 698 euros. En canto ós becerros co selo de Ternera Gallega Suprema, o seu prezo medio resultou de 866 euros, 24 euros máis.

O vacún maior rexistrou leves variacións nas cotizacións. No caso das vacas de primeira categoría mantiveron o seu valor con respecto da semana pasada nos 1.099 euros, con só unha mínima variación de 0,24 euros. As vacas de segunda reduciron o prezo en 6 euros e sitúanse nos 700 euros. No caso dos animais de desvelle, o prezo medio foi de 443 euros, 4 euros máis que a semana anterior. Nesta sesión só se adxudicou un animal co selo Vaca e Boi de Galicia a un prezo de 751 euros, lonxe dos 1.065 euros polos que se vendeu o único rexistrado na pasada feira.

Central-Agropecuaria-Vacuno-04_08_2020

Sen cambios no porcino

En canto ás mesas de cotización do porcino, esta semana non houbo modificacións nos prezos do porco cebado e os leitóns volveron quedar novamente sen cotización.

Así, os prezos nas categorías selecta e normal sitúanse a 1,325 e 1,30 euros respectivamente, mentres os animais de Canal II atópanse a un valor de 1,688 euros por quilo. Os porcos de desvelle están entre os 0,45 e os 0,51 euros por quilo.

No mercado do ovo tampouco houbo cambios esta semana. Deste xeito, os ovos da categoría XL cotízanse a 1,61 euros a ducia, os da L páganse a 1,20 euros, os ovos da categoría M están a 1,07 euros e os da S a 0,92 euros a ducia. As galiñas de desvelle teñen un prezo medio de entre 0,04 e 0,12 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello continúa cotizándose a 1,75 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Porcino-04_08_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información