Subas nos becerros de recría e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes un incremento xeral dos prezos dos tenreiros de recría e do vacún maior. Nos carniceiros a tendencia foi á baixa. Subas no porco cebado e os leitóns repiten cotizacións

Subas nos becerros de recría e no vacún maior en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

O gando de recría experimentou un incremento dos prezos en tódalas categorías esta mañá na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra). O vacún maior tamén rexistrou subas en tódalas seccións. Mentres, nos becerros carniceiros os prezos baixaron tanto nos frisóns coma nos cruces industriais. Nas mesas de negociación do porcino, o porco cebado segue á alza e o leitón mantense sen variacións. Tampouco houbo cambios nos prezos dos ovos e do coello.

Nos becerros de recría de raza Frisoa as subas apreciáronse en tódalas categorías. Os animais de menos de 20 días acadaron un prezo medio de 104 euros, 12 euros máis que a semana pasada. A suba máis destacada produciuse nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, cuxo prezo se incrementou en 27 euros ata acadar un valor medio de 134 euros. Nos becerros de máis de 50 días o prezo situouse nos 139 euros, logo dunha suba de 3 euros.

A tendencia tamén foi á alza nos becerros de cruces industriais. Nos tenreiros de menos de 20 días o incremento foi de 34 euros e o prezo medio situouse nos 202 euros. Os animais de entre 20 e 50 días rexistraron unha suba de 35 euros e pasan a cotizarse a 283 euros de media. Nos animais máis adultos, os de máis de 50 días, o prezo medio foi de 361 euros, tras sumar 27 euros.

Pese ás subas, os prezos mantéñense aínda por debaixo dos acadados nestas categorías a comezos de marzo, antes de que se paralizase a actividade por mor do coronavirus. Os animais máis novos son os que acusan as maiores diferenzas situándose o seu prezo en valores un 40% máis baixos, mentres que a partir dos 20 días acúrtase esa distancia e, aínda que máis baixos, a diferenza sitúase entre un 12 e un 17 % con respecto ó que se cotizaba en marzo. No gando de recría de raza Frisoa, aínda que nos animais de máis de 50 días o prezo é inferior, nas outras categorías os prezos son xa mesmo superiores ós que se acadaban antes da crise do coronavirus.

Nesta xornada os becerros carniceiros rexistraron unha baixada xeral dos prezos. Os animais de raza Frisoa cotizáronse a 461 euros, 9 euros menos que na pasada sesión. Nos becerros de cruces industriais houbo unha redución de 10 euros e pasaron a situarse nun prezo medio de 790 euros. Mentres, as femias desta sección rexistraron a baixada máis destacada, cun recorte de 68 euros para pasar a cotizarse a un prezo medio de 749 euros.

Os prezo do vacún maior experimentaron unha suba nas categorías con maior afluencia. As vacas de primeira pasaron a cotizarse a un prezo medio de 1.110 euros, logo dun incremento de 57 euros. No caso das vacas de segunda a suba foi de 29 euros ata acadar un valor de 731 euros. Nos animais de desvelle o prezo situouse nos 460 euros, logo dunha suba de 7 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacuno-23_06_2020

Subas no porcino

Nas mesas de negociación do porcino mantense a tendencia á alza para o porco cebado, mentres que nos leitóns o prezo continúa sen variacións con respecto da semana pasada.

No porco cebado houbo subas en case tódalas categorías. Así, o valor do porco selecto e o normal incrementouse en 0,020 euros e sitúanse a un prezo medio de 1,335 e 1,310 euros respectivamente. Nos animais de Canal II a suba foi de 0,026 euros ata acadar 1,701 euros por quilo. A única excepción produciuse nos porcos de desvelle onde o prezo se reduciu en 0,010 euros ata situarse entre 0,49 e os 0,55 euros por quilo.

Os leitóns manteñen os prezos por terceira semana consecutiva, de modo que os animais procedentes dunha única granxa sitúanse nos 52 euros, mentres que os chegados de diferentes ganderías teñen un valor de 47 euros. O prezo por quilo é de 2,6 e 2,35 euros respectivamente.

No mercado do ovo produciuse unha regularización dos prezos de xeito que as distintas categorías cotízanse do seguinte modo: Os ovos do tamaño XL sitúanse nos 1,56 euros a ducia, os do L acadan o 1,17 euros, os do M cotízanse a 1,07 euros e os de menor tamaños, os da S, a 0,92 euros a ducia. As galiñas de desvelle acadan un prezo medio de entre 0,04 e 0,12 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, esta semana o prezo do coello mantense tamén sen variacións e cotízase a 1,75 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino-23_06_2020-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información