Subas nos becerros de recría e no vacún maior en Silleda

Tendencia á alza en boa parte das sección de recría frisoa e de cruces industriais na Central Agropecuaria de Galicia. Subas no vacún maior e baixadas nos tenreiros carniceiros. Baixa o porco cebado e soben os leitóns

Subas nos becerros de recría e no vacún maior en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca, en Silleda (Pontevedra), experimentou este martes unha recuperación dos prezos da recría tanto de raza frisoa como nos cruces industriais. Tamén houbo subas no vacún maior, mentres que nos becerros carniceiros rexistráronse baixadas na categoría máis numerosa, os becerros de cruzamentos industriais. Pola súa banda, a mesa de negociación do porcino acordou novas baixadas para o porco cebado, mentres que os leitóns subiron. O ovo continuou esta semana sen cambios.

No caso da recría, os becerros frisóns experimentaron subas na maioría das seccións. Os animais de menos de 20 días pasaron a pagarse a 70 euros, logo dun incremento de 11 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo medio foi de 95 euros ó sumar tamén 11 euros. A excepción veu dada nos becerros de máis de 50 días, que experimentaron unha baixada de 7 euros e quedan en 113 euros.

Nos cruces industriais, a tendencia foi semellante. Os becerros de menos de 20 días acadaron os 238 euros, tras unha suba de 40 euros. Nas femias o valor incrementouse 15 euros e situouse nos 174 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días a suba foi de 13 euros polo que pasan a 285 euros. Nas femias rexistrouse a única baixada, que resultou de 7 euros, de xeito que se cotizan a 198 euros. Os becerros machos de máis de 50 días atópanse a 455 euros, logo dunha suba de 97 euros. Nas femias, o incremento resultou de 105 euros e acadan os 317 euros.

Esta semana os becerros carniceiros de cruces industriais, a categoría máis numerosa, experimentou unha baixada de 47 euros para os machos, de maneira que quedan nun prezo medio de 741 euros. Nas femias a redución foi de 2 euros e sitúanse nos 728 euros. Mentres, os becerros frisóns incrementaron o seu valor en 52 euros e pasan a cotizarse a 376 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega houbo unha suba de 26 euros, polo que agora sitúanse en 873 euros. Para as becerras, o incremento foi de 95 euros e acadan os 860 euros. Nos animais que contaran co selo Ternera Gallega Suprema o prezo medio estableceuse en 803 euros, 45 menos que na feira pasada.

No vacún maior boa parte das seccións volveron experimentar subas esta semana. Na categoría extra o incremento foi de 5 euros e acadan un valor de 1.892 euros. As vacas de primeira suman 16 euros e sitúanse nun valor medio de 1.086 euros. Os animais de segunda experimentaron unha suba de 15 euros e quedan cun prezo medio de 731 euros. As vacas de desvelle foron a excepción, cunha baixada de 2 euros, polo que pasan a cotizarse a 428 euros. Os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia cotizáronse a un prezo medio de 2.181 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia--01_12_2020-Vacuno

Baixada no porco cebado

A mesa de negociacións do porco cebado acordou este martes unha nova baixada dos prezos do porco cebado, que afectan a boa parte das categorías. Mentres, nos leitóns decidiron subas das cotizacións.

No porco cebado selecto e normal a redución foi de 0,040 euros, de tal xeito que quedan cun valor de 1,145 e 1,12 euros respectivamente. Nos porcos de Canal II descontáronse 0,052 euros e pasan a cotizarse a 1,455 euros. Pola súa banda, o prezo para os animais de desvelle mantense sen cambios e cotízanse entre os 0,44 e 0,5 euros.

Os leitóns incrementaron o seu prezo esta semana 1 euro, polo que os animais procedentes dunha única gandería sitúanse a 42 euros e a 2,1 euros o quilo. Nos exemplares procedentes de varias granxas, o prezo por quilo é de 1,85 euros e por animal acada os 37 euros.

No mercado do ovo esta semana mantivéronse os prezos sen cambios. Os ovos da clase XL cotízanse a 1,50 euros a ducia, os da L están a 1,10 euros, os da M sitúanse en 0,96 euros e os da clase S quedan nos 0,78 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, atópanse entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello reduciu o seu valor en 0,10 euros, polo que se cotiza a 2,15 euros o quilo.

central-Agropecuaria-Galicia--01_12_2020-Porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información