Subas nos becerros de recría e carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes subas no gando de recría e nos becerros carniceiros. No vacún maior a tendencia foi á baixa. Houbo subas dos leitóns e mantéñense sen cambios o porco cebado e os ovos

Subas nos becerros de recría e carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou este martes unha xornada con subas nos becerros de recría, sobre todo nos de raza frisoa, así como nos tenreiros carniceiros. Mentres, a tendencia no vacún maior foi á baixa. Nas mesas de cotización do porcino houbo tamén subas nos leitóns e mantívose sen cambios nos prezos o porco cebado. Tampouco se deron variacións no prezo dos ovos nin do coello.

En canto ó gando de recría, nos becerros de raza Frisona houbo subas en tódalas categorías. Así, nos animais máis novos, os de menos de 20 días produciuse un incremento de 16 euros ata situarse nos 80 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, o prezo medio chegou ós 96 euros, 11 euros máis que na feira anterior. Tamén nas femias desta categoría houbo unha suba de 37 euros, ata acadar os 49 euros, fronte ós 12 euros de media rexistrados hai unha semana. Nos animais de máis de 50 días, o prezo incrementouse en 25 euros e situouse nos 106 euros. Nas femias desta sección, o aumento foi de 115 euros ata os 158 euros de prezo medio.

A única suba nos becerros de cruces industriais rexistrouse nos animais de entre 20 e 50 días, que tamén é a sección máis representativa. Neste caso, o incremento foi de 46 euros para acadar os 363 euros. Mentres, no resto de categorías, a tendencia foi á baixa. Nos animais máis novos, de menos de 20 días, o prezo quedou en 261 euros, 16 menos que a semana pasada. En canto ós becerros de máis de 50 días, a caída foi de 56 euros para situarse en 402 euros.

Nos becerros carniceiros houbo subas en tódalas categorías. Nos tenreiros de raza frisoa acadáronse os 615 euros, 73 máis que na feira anterior. Mentres, nos machos de cruces industriais a suba foi de 80 euros e acadaron os 897 euros e nas femias desta sección o prezo incrementouse en 60 euros ata os 804 euros.

No referido ó vacún maior, a tendencia foi á baixa, a excepción das vacas de desvelle, onde o prezo se incrementou en 18 euros, ata os 433 euros. Nas vacas de primeira houbo unha baixada de 5 euros e o prezo medio quedou nos 1.075 euros e nas de segunda produciuse unha redución de 9 euros e pasaron a cotizarse a 716 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacuno-22_10_2019

Subas nos leitóns

Nesta xornada, as mesas de cotizacións do porcino acordaron manter os prezos do porco cebado logo de varias semanas cunha tendencia á baixa. O porco cebado selecto e normal cotízase a 1,465 e 1,440 euros o quilo respectivamente. A categoría de Canle II está en 1,870 euros o quilo. Nos animais de desvelle o prezo está entre os 0,73 e os 0,79 euros.

Mentres, nos leitóns decidiron unha suba dun euro por animal en tódalas categorías. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa acada os 59 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 54 euros. O prezo por quilo é de 2,95 e 2,7 euros respectivamente.

Os ovos tamén se mantiveron sen cambios nesta xornada. Así, a ducia da categoría XL quedou nos 1,43 euros; a da L págase a 1,27 euros, a M e a S cotizaron a 1,13 e 0,92 euros a ducia, respectivamente.Tampouco houbo variacións esta semana no prezo da galiña de desvelle, que continúa nun intervalo de 0,08 e 0,16 euros o quilo.

No relativo ó coello, a Lonxa de Madrid mantivo o prezo en 2,30 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-22_10_2019-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información