Subas nos becerros de recría de cruces industriais en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas na recría de cruzamentos e baixadas dos prezos dos frisóns. Increméntanse os prezos dos becerros carniceiros. Novas reducións no valor do porco cebado e soben os leitóns

Subas nos becerros de recría de cruces industriais en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca, en Silleda (Pontevedra), experimentou este martes subas na recría de cruzamentos industriais, mentres que nos becerros frisóns a tendencia foi á baixa. Nos tenreiros carniceiros tamén predominaron os incrementos dos prezos en boa parte das categorías, mentres que no vacún maior os prezos foron moi heteroxéneos, producíndose tanto baixadas como subas. A mesa de cotizacións do porcino volveu acordar reducións para o porco cebado e incrementos para os leitóns. O mercado do ovo mantívose esta semana sen cambios e na Lonxa de Madrid, o prezo do coello volveu baixar.

No caso dos becerros de recría, os animais frisóns experimentaron baixadas en tódalas categorías. Os tenreiros de menos de 20 días quedaron en 67 euros, logo dunha redución de 3 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, a baixada foi de 2 euros, e cotízanse a 93 euros. A única femia desta sección adxudicada marcou un prezo mínimo de 20,50 euros. Nos animais de máis de 50 días, o valor medio situouse en 108 euros, 5 euros por debaixo do marcado a feira pasada.

Na recría de cruces industriais, os becerros de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 239 euros, 1 euro máis que a lonxa pasada. As femias desta sección acadaron os 206 euros, tras unha suba de 32 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o incremento foi de 17 euros e conseguen os 302 euros de media, mentres que nas femias o prezo medio foi de 221 euros, logo dunha suba de 23 euros. Os machos de máis de 50 días cotizáronse a 456 euros, 1 euros máis que a semana anterior, mentres que as femias desta categoría acadan os 337 euros, ó sumar 20 euros.

Esta semana, os becerros carniceiros experimentaron subas en boa parte das categorías. Os tenreiros frisóns incrementaron o seu valor en 3 euros, co que se sitúan en 379 euros. Nos animais de cruces industriais a suba resultou de 41 euros para os machos, de modo que acadan os 782 euros; e de 11 euros nas femias que quedan cun valor medio de 739 euros. A única baixada afectou ós becerros de Rubia Galega, que pasaron a cotizarse a 836 euros, tras descontar 37 euros. Mentres, as femias desta raza incrementaron o seu prezo en 8 euros e quedan en 868 euros. Tamén os animais co selo Ternera Gallega Suprema experimentaron unha suba de 84 euros, e sitúanse nos 887 euros.

En canto ó vacún maior, nas vacas da categoría extra houbo unha baixada do prezo de 160 euros, o que as deixa cun valor medio de 1.732 euros. Nos animais de primeira, rexistrouse unha suba de 16 euros e pasan a cotizarse a 1.102 euros. As vacas de segunda experimentaron unha redución de 24 euros e o seu prezo medio foi de 707 euros. A suba máis destacada produciuse nas vacas de desvelle, cun incremento de 31 euros de xeito que acadan os 459 euros. Nos exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio situouse nos 1.399 euros, 782 euros menos do valor que rexistraron a semana pasada.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacun-08_12_2020

Nova baixada no porco cebado

A mesa de negociacións do porcino acordou este martes de novo baixar os prezos do porco cebado. Mentres, nos leitóns seguen as subas.

No porco cebado selecto e normal a redución foi de 0,020 euros, de tal xeito que quedan cun valor de 1,125 e 1,10 euros respectivamente. Nos porcos de Canal II descontáronse 0,026 euros e pasan a cotizarse a 1,429 euros. Pola súa banda, o prezo para os animais de desvelle mantense sen cambios e cotízanse entre os 0,44 e 0,5 euros.

Os leitóns incrementaron o seu prezo esta semana nun euro, polo que os animais procedentes dunha única gandería sitúanse a 43 euros e a 2,15 euros o quilo. Nos exemplares procedentes de varias granxas, o prezo por quilo é de 1,90 euros e por animal acada os 38 euros.

No mercado do ovo mantivéronse os prezos sen cambios esta semana. Os ovos da clase XL cotízanse a 1,50 euros a ducia, os da L están a 1,10 euros, os da M sitúanse en 0,96 euros e os da clase S quedan nos 0,78 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, atópanse entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello reduciu o seu valor en 0,20 euros, polo que se cotiza a 1,95 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino-08_12_2020-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información