Subas nos becerros carniceiros noutra semana de prezos récord en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas nos tenreiros de cebo e novos máximos nos prezos medios desa categoría e na recría. Sen cambios nos prezos do porcino e no mercado do ovo

Subas nos becerros carniceiros noutra semana de prezos récord en Silleda

Becerros de cebo nas instalacións da Central Agropecuaria. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistra este martes unha nova xornada de récords despois de que na última feira tamén se contabilizaran varios prezos destacados. Esta semana houbo prezos máximos para 3 becerros cebados, establecendo novas marcas. Ademais, tamén se sobrepasaron as cotizacións medias de referencia na recría e nos becerros de cebo.

Os tenreiros carniceiros experimentaron ademais esta semana subas en boa parte das seccións. Nos prezos da recría non houbo unha tendencia clara, con subas e baixadas dos prezos de referencia nas distintas categorías. O mesmo aconteceu no vacún maior.

Nas mesas de cotizacións do porcino, esta semana mantéñense estables os prezos tanto no porco cebado coma nos leitóns. Tampouco o mercado do ovo rexistrou variacións.

Prezos de referencia por categorías

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Esta semana os becerros de cebo cotizaron á alza. De feito, o prezo medio acadou a mellor cifra da historia da Central, 1.073,25 euros. Ata o momento o máximo acadado foran os 1.072,60 euros do pasado 3 de xaneiro. Tres animais foron ademais os mellor pagados na historia da central.

Prezo de récord por partida triple en Silleda

En canto ós prezos de referencia das distintas categorías, os becerros frisóns tiveron un valor medio de 821 euros, o que supón unha suba de 10 euros con respecto da semana pasada. Nos becerros de cruces industriais o prezo medio de cotización acadou os 1.138 euros, é dicir 100 máis que na sesión anterior. As femias desta categoría lograron un incremento de 89 euros e están a 986 euros. Nos exemplares de Rubia Galega, os machos tiveron un prezo medio de 1.264 euros (148 euros máis) e as femias descontaron 28 euros ata quedar nos 1.017 euros. Os animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor de referencia foi de 1.053 euros, o que supón unha redución de 22 euros con respecto da semana pasada.

Este martes na recría non se aprecia unha tendencia predominante. Nos becerros frisóns, os machos máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un valor de 128 euros (23 euros máis). Nos animais de entre 20 e 50 días houbo unha suba de 14 euros, ata situarse nos 169 euros. Nos becerros de máis de 50 días, o prezo medio estivo nos 179 euros, o que amosa unha baixada de 21 euros.

A tendencia foi semellante na recría de cruces industriais, os becerros máis novos tiveron un prezo de referencia de 356 euros, logo dunha suba de 3 euros. As femias desta idade tiveron unha suba de 10 euros e chegan ós 275 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días produciuse unha baixada de 29 euros con respecto da semana pasada e quedan nos 394 euros. Nas femias houbo un incremento de 14 euros e teñen un valor de referencia de 322 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos cotízanse a 631 euros, logo dunha baixada de 20 euros. Nas femias incrementouse o seu valor en 9 euros ata os 447 euros.

Ademais, esta semana acadouse un novo prezo medio máximo na historia da Central para a recría, situándose nos 339,45 euros, de maneira que se superan os 316,87 euros da semana pasada. Ademais, supuxo que o volume de transaccións fora o segundo maior desta categoría na Central (222.339 euros), tralos 227.100 euros rexistrados o 31 de xullo de 2018.

Tampouco no vacún maior houbo unha tendencia clara. Os animais da categoría extra teñen un valor medio de 2.347 euros, o que amosa unha baixada de 19 euros. Mentres, as vacas de primeira sitúanse nos 1.165 euros, logo dun aumento de 31 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio incrementouse en 3 euros e acada os 786 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 356 euros, o que evidencia unha baixada de 116 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, esta semana reduciuse en 1.691 euros, e quedan de media nos 1.954 euros.

Central Agropecuaria Vacuno 18_04_2023

Sen cambios no porcino

As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 107 euros (cun prezo de 5,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 102 euros e cun prezo por quilo de 5,1 euros.

O mercado do ovo continúa esta semana sen cambios. Deste xeito, os ovos da XL están a 2,98 euros a ducia, os da L a 2,77 euros, os ovos da M a 2,41 euros e os da S páganse a 2,16 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas tamén se manteñen sen variacións e cotízanse entre os 0,33 e os 0,41 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central Agropecuaria Porcino 18_04_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información