Subas nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas dos prezos dos tenreiros carniceiros. Na recría houbo incrementos puntuais nalgunhas categorías. As mesas de porcino e o mercado do ovo mantéñense sen cambios esta semana

Subas nos becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas nos prezos dos tenreiros carniceiros e nalgunhas das seccións da recría. Tamén houbo incrementos no vacún maior de segunda e desfeito. Mentres, as mesas do porcino acordan manter os prezos esta semana ó igual que o mercado do ovo.

En concreto, na recría de raza frisoa a única suba rexistrouse nos animais de entre 20 e 50 días, que é tamén a sección con maior afluencia da feira. O prezo medio destes animais situouse nos 109 euros, o que supón unha suba de 7 euros. Porén, nos becerros de menos de 20 días houbo unha baixada de 2 euros que deixa un prezo medio de 82 euros. Tamén os tenreiros de máis de 50 días acusaron unha redución, neste caso de 24 euros e quedan en 109 euros.

Na recría de cruces industriais, a tendencia foi semellante aínda que a única suba foi para os animais máis novos, con menos de 20 días, que experimentaron un incremento de 34 euros ata situarse nos 233 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días mantivéronse sen cambios con respecto da semana pasada, cotizándose a 298 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, apreciouse unha baixada de 2 euros e teñen un prezo de 431 euros.

Os becerros carniceiros experimentaron esta semana incrementos do prezo na maior parte das seccións. Nos animais de cruces industriais a suba foi de 110 euros nos machos e de 78 para as femias, de modo que se cotizan a 873 e 799 euros, respectivamente. Na Rubia Galega, os machos incrementaron o seu prezo medio en 119 euros e pasan a situarse en 989 euros. A femias desta sección foron a excepción, cunha redución de 72 euros de xeito que quedan en 787 euros. Nos becerros frisóns, o único macho adxudicado fixou un prezo de 700 euros, o que supón un incremento de 19 euros con respecto da semana pasada. As femias situáronse nos 663 euros. Nos animais co selo Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 882 euros, logo dunha suba de 112 euros.

No vacún maior, esta semana os animais das categorías máis destacadas acusaron unha baixada dos prezos. Así, as vacas de primeira reduciron o seu prezo en 17 euros ata situarse nos 1.100 euros. Nas da categoría extra a baixada foi de 237 euros e quedan en 1.710 euros. Mentres, as vacas de segunda cotizaron á alza, logo dunha suba de 23 euros, o que deixa un prezo medio de 722 euros. Nos animais de desfeito tamén houbo un incremento de 11 euros, co que acadan os 480 euros.

Central-agropecuaria-de-Galicia-vacuno-06_04_2021-1

O porcino repite cotizacións

Logo de varias semanas á alza, as mesas de cotizacións do porcino acordaron manter os prezos sen cambios. Deste xeito, o porco selecto e o normal cotízanse a 1,515 e 1,490 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II están a 1,935 euros e os porcos de desfeito sitúanse entre os 0,82 e os 0,88 euros o quilo.

Nos leitóns, os animais de 20 quilos procedentes dunha única gandería atópanse a 85 euros, cun prezo de 4,25 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 4 euros o quilo e o exemplar ten un valor de 80 euros.

No mercado do ovo mantéñense os prezos sen cambios esta semana. Os ovos da XL están a 1,66 euros a ducia, os da L cotízanse a 1,28 euros, os da M páganse a 1,15 euros e os da S quedan en 0,91 euros a ducia. Tamén as galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, continúan cun prezo de entre os 0,12 e os 0,19 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo cotízase a 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-06_04_2021-2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información