Subas nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas nos tenreiros de cebo. Na recría e no vacún maior a tendencia é á alza. Seguen as subas no porco cebado

Subas nos becerros carniceiros en Silleda

Becerros de cebo nas instalacións da Central Agropecuaria. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistra este martes subas nos becerros carniceiros, con mínimas excepcións. Mentres, na recría e no vacún maior, aínda que a tendencia é á alza nos prezos, producíronse tamén baixadas en varias seccións.

En canto ás mesas de prezos do porcino, continúan as subas dos prezos do porco cebado. Esta semana os leitóns mantéñense sen cambios. Tampouco o mercado do ovo rexistrou variacións.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa, os animais máis novos descontaron 23 euros con respecto da semana pasada e quedan cun prezo medio de 107 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio situouse nos 141 euros, só 1 euro menos. Os becerros de máis de 50 días rexistraron unha suba de 9 euros ata os 201 euros.

Nos tenreiros de recría de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días experimentaron unha suba de 44 euros e quedan cun prezo medio de 312 euros. As femias desta sección tiveron unha redución de 31 euros e cotízanse a 222 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 363, cunha baixada de 10 euros. Nas tenreiras produciuse un incremento de 12 euros e acadan os 297 euros. Os animais de máis de 50 días experimentaron unha suba destacada de 122 euros e o prezo medio sitúase nos 634 euros. Nas femias o valor medio é de 447 euros, logo un incremento de 46 euros.

Nesta xornada, os becerros carniceiros cotizaron á alza, con subas en case tódalas categorías. Unha das excepcións foron os machos de cruces industriais, que son tamén a sección máis numerosa. Tiveron un valor medio de 1.018 euros, o que supón unha baixada de 51 euros con respecto da feira anterior. As femias incrementaron o seu valor medio en 19 euros e o prezo de referencia queda nos 941 euros. Os becerros de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.060 euros, o que deixa unha suba de 30 euros. As tenreiras desta raza tiveron unha suba de 86 euros, de maneira que o prezo medio queda nos 1.098 euros. Os becerros frisóns cotizáronse de media a 854 euros, é dicir 31 euros máis. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.071 euros, o que os sitúa en 3 euros por debaixo do valor da semana pasada.

O vacún maior tamén experimentou subas. Os animais da categoría extra teñen un valor medio de 2.284 euros, tras unha suba de 25 euros. Mentres, as vacas de primeira sitúanse nos 1.125 euros, logo dunha baixada de 34 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio incrementouse 35 euros e queda nos 788 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 418 euros, tras descontar 74 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 1.845 euros, o que supón tamén unha redución do valor medio de referencia en 664 euros, con respecto da semana pasada.

Lonxa vacun 04_04_2023

Continúan as subas no porcino

Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas no porco cebado, mentres que esta semana os leitóns mantivéronse sen cambios. O porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,01 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,013 euros e están a 2,636 euros. Os animais de descarte experimentaron unha suba de 0,06 euros, de xeito que agora cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 107 euros (cun prezo de 5,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 102 euros e cun prezo por quilo de 5,1 euros.

O mercado do ovo continúa esta semana sen cambios. Deste xeito, os ovos da XL están a 2,98 euros a ducia, os da L a 2,77 euros, os ovos da M a 2,41 euros e os da S páganse a 2,16 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas tamén se manteñen sen variacións e cotízanse entre os 0,33 e os 0,41 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Lonxa Porcino 04_04_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información