Subas nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia experimenta incrementos dos prezos en boa parte das sección de gando carniceiro. Tendencia á baixa na recría e subas no vacún maior de segunda e desfeito. Baixadas no porco cebado e nos leitóns e novo incremento do coello

Subas nos becerros carniceiros en Silleda

Gando no Mercado de Amio. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes novas subas en boa parte das categorías dos becerros carniceiros. Na recría a tendencia foi á baixa, sobre todo naquelas seccións con maior afluencia de gando. No vacún maior as vacas de desfeito e as de segunda lograron incrementos das cotizacións, mentres que no resto de categorías rexistráronse baixadas. As mesas de prezos do porcino tamén acordaron reducións para o porco cebado e os leitóns. O mercado do ovo mantense sen cambios e o coello continúa con novas subas.

No caso da recría, os becerros de raza frisoa lograron subas destacadas nos animais máis novos e nos de maior idade. Así, os tenreiros de menos de 20 días incrementaron o seu valor en 11 euros e acadan os 82 euros. No caso dos exemplares de máis de 50 días a suba foi de 20 euros e sitúanse nos 120 euros. Pola contra, os becerros de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia de gando, rexistraron unha baixada de 2 euros, polo que quedan nos 99 euros.

Os tenreiros de cruzamentos industriais experimentaron unha baixada máis significativa dos prezos. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa, houbo unha baixada de 16 euros e quedan nos 266 euros. As femias aínda lograron unha mínima suba de 2 euros e sitúanse nos 202 euros. Outra das excepcións produciuse nos animais máis novos, onde os machos lograron unha suba de 11 euros e as femias de 20 euros, de modo que cotízanse a 247 e 188 euros respectivamente. Nos becerros de máis de 50 días, os machos rexistraron unha baixada de 41 euros e atópanse cun prezo medio de 328 euros. Nas femias a baixada foi máis acusada (57 euros) e agora cotízanse a 257 euros.

Nos becerros carniceiros apréciase unha recuperación dos prezos con destacadas subas. Nos exemplares de cruces industriais os machos lograron un incremento de 90 euros e sitúanse nos 906 euros. As femias conseguiron un aumento de 99 euros que lle permite acadar un prezo medio de 770 euros. Nos exemplares de Rubia Galega a suba foi de 98 euros e conseguen cotizarse a 978 euros. Con todo tamén houbo excepcións, como a baixada de 149 euros que experimentaron as becerras de Rubia Galega que caen ata os 789 euros. Os becerros frisóns cotizaron esta semana a 523 euros. Nos animais co selo Ternera Gallega Suprema o prezo medio quedou nos 840 euros, logo dunha suba de 65 euros.

No vacún maior as subas concentráronse nas vacas de segunda, que se cotizan a 708 logo dun aumento de 4 euros, así como nos animais de desfeito, que conseguiron un incremento de 27 euros e acadan os 475 de euros. Mentres, as vacas de primeira descontaron 10 euros e teñen un prezo medio de 1.134 euros. Os exemplares da categoría extra están nos 1.906 euros logo dunha rebaixa de 70 euros. Tamén houbo descontos, con respecto da semana pasada, para os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia. O prezo medio sitúase nos 1.153 euros tras unha baixa de 769 euros.

Central Agropecuaria de Galicia _Vacuno 05_10_2021

Novas baixadas no porcino

Esta semana as mesas de cotizacións do porcino acordaron novas baixadas tanto no porco cebado como nos leitóns. O porco selecto e o normal cotízanse a 1,105 e 1,080 euros o quilo, respectivamente logo de experimentar unha baixada de 0,03 euros. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,403 euros, tras unha redución de 0,039 euros. Os animais de desvelle tamén acusaron unha rebaixa de 0,03 euros e atópanse entre os 0,31 e os 0,37 euros.

Os leitóns acusaron unha baixada de 2 euros. Deste xeito, os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 28 euros (cun prezo de 1,4 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías sitúanse nos 23 euros e cun prezo por quilo de 1,15 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Os ovos da XL cotízanse a 1,65 euros a ducia, os da L están a 1,30 euros, os da M atópanse a 1,12 euros e os da S páganse a 0,91 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello rexistra unha nova suba. Esta semana o seu valor increméntase 0,15 euros e acada os 2,25 euros o quilo.

Central Agropecuaria de Galicia_Porcino 05_10_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información