Subas nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas nos becerros carniceiros e lixeiros aumentos na recría. Acádase un novo récord histórico no prezo medio do vacún maior. Nova baixada nos leitóns e nos ovos

Subas nos becerros carniceiros en Silleda

Becerros nunha sesión do mercado en Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, rexistrou este martes unha leve recuperación nos prezos da recría e subas en boa parte das categorías dos becerros carniceiros. Na xornada tamén se acadou un novo récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior, ó acadar os 1.190,41 euros. Ata hoxe a marca máxima estaba nos 1.165,86 euros nos que se situara o prezo medio desta categoría fai tan só mes e medio, o 16 de marzo deste mesmo ano. “Este récord, ao igual que o anterior, estivo motivado pola gran calidade da maioría dos exemplares que concorreron esta mañá á Central”, apuntan dende a organización do mercado. Nas mesas do porcino e no mercado do ovo, esta semana volveron rexistrarse novas baixadas e o prezo do coello mantense estable.

En canto ós prezos da recría, houbo unha leve recuperación en boa parte das categorías, aínda que con algunha excepción. Os becerros frisóns de menos de 20 días foron uns dos que cotizaron á baixa, ó descontar 3 euros e quedar en 76 euros. Mentres, os animais desta raza de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa do mercado, mantívose nos 97 euros que xa se situaba a semana pasada. Nos tenreiros frisóns de máis de 50 días houbo unha suba de 15 euros polo que acadan os 131 euros. Nos cruzamentos industriais a tendencia foi moi semellante. Nos tenreiros de menos de 20 días houbo unha suba de 3 euros polo que acadan os 236 euros. Os animais de entre 20 e 50 días sumaron 1 euro e están a 282 euros. Os exemplares de máis de 50 días foron a excepción cunha baixada de 11 euros.

Nos becerros carniceiros, os frisóns experimentaron unha suba de 67 euros ata cotizarse a 632 euros. Nos cruzamentos industriais os machos incrementaron o seu valor en 53 euros e acadan os 817 euros. Pola contra, as femias descontaron 31 euros ata quedar en 719 euros. A baixada máis significativa produciuse nos machos de Rubia Galega que tiveron unha rebaixa de 127 euros e sitúanse en 879 euros. Porén, as femias desta raza sumaron 62 euros e acadan os 805 euros. Os exemplares co selo Ternera Gallega cotizáronse esta semana a 850 euros, 6 euros máis que na sesión anterior.

Á marxe do novo récord no prezo medio acadado este martes, no vacún maior as categorías de maior calidade acusaron unha baixada dos prezos. Así, as vacas extra tiveron unha baixada de 20 euros ata os 1.870 euros. Os animais de primeira descontaron 29 euros e agora sitúanse nun prezo medio de 1.121 euros. As vacas de segunda experimentaron unha suba de 17 euros ata os 731 euros e as de desfeito conseguiron un incremento de 39 euros ata os 487 euros. Os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia acadaron un prezo medio de 1.637 euros.

Central Agropecuaria Vacuno 27_04_2021

Nova baixada nos leitóns

As mesas de cotizacións do porcino acordaron unha baixada dos prezos dos leitóns, mentres que o porco cebado continúa sen cambios esta semana. Así, o porco selecto e o normal cotízanse a 1,515 e 1,490 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II están a 1,935 euros. O único cambio produciuse nos porcos de desfeito que descontan 0,05 euros e sitúanse entre os 0,77 e os 0,83 euros o quilo.

Nos leitóns a baixada foi esta semana de 6 euros para tódalas categorías. Os animais de 20 quilos procedentes dunha única gandería quedan en 75 euros, cun prezo de 3,75 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 3,5 euros o quilo e o exemplar ten un valor de 70 euros.

No mercado do ovo tamén houbo unha baixada dos prezos. Os ovos da XL son os únicos que se manteñen sen variacións, e cotízanse a 1,64 euros a ducia. Mentres, o resto de categorías acusaron unha baixada de 0,02 euros de xeito que os da L cotízanse a 1,23 euros, os da M páganse a 1,10 euros e os da S quedan en 0,86 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, continúan cun prezo de entre os 0,12 e os 0,19 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo cotízase a 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Porcino 27_04_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información