Subas nos becerros carniceiros e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra incrementos dos prezos dos becerros carniceiros e do vacún maior. A recría frisoa continúa á baixa e os tenreiros de cruces industriais experimentan lixeiras subas. Estabilízanse os prezos do porco cebado e soben os leitóns

Subas nos becerros carniceiros e no vacún maior en Silleda

Animais no mercado de gando de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca, en Silleda (Pontevedra), experimentou este martes subas nos becerros carniceiros e no vacún maior. Mentres, a recría frisoa continúa á baixa. Pola súa banda, os becerros de cruzamentos industriais destinados á recría rexistraron lixeiras subas. Na mesa de cotizacións do porcino acordouse manter esta semana sen variacións os prezos do porco cebado. Mentres, os leitóns lograron unha nova suba. O mercado do ovo mantívose esta semana sen cambios e na Lonxa de Madrid, o prezo do coello volveu baixar.

Nesta xornada, tamén se anunciaron os cambios previstos para as próximas sesións debido á celebración das festas de Nadal. Así, a feira da vindeira semana adiántase ó luns 21, no canto de celebrarse o martes, como vén sendo habitual. Esta será a derradeira feira do ano, xa que se suspende o mercado do martes 29. A actividade reanudarase o martes 5 de xaneiro.

Prezos da recría

En canto ás cotizacións, no caso dos becerros de recría, os animais frisóns experimentaron baixadas en case tódalas categorías. Os tenreiros de menos de 20 días quedaron en 55 euros, logo dunha redución de 12 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, a baixada foi de 7 euros, e cotízanse a 86 euros. Para os tenreiros de máis de 50 días, o valor medio mantívose nos 108 euros, sen cambios con respecto da feira pasada.

Na recría de cruces industriais, os becerros de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 246 euros, logo dunha suba de 7 euros. As femias desta sección caeron ata os 159 euros, ó descontar 47 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o incremento foi de 3 euros e conseguen os 305 euros de media, mentres que nas femias o prezo medio foi de 193 euros, tras unha baixada de 28 euros. Nos machos a excepción veu cos animais de máis de 50 días, que se cotizaron a 369 euros, despois dunha caída de 87 euros. Sorte similar correron as femias desta sección, que descontaron 83 euros e quedan nun prezo medio de 254 euros.

Esta semana, os becerros carniceiros machos experimentaron subas, mentres que nas femias houbo baixadas dos prezos. Os tenreiros frisóns incrementaron o seu valor nun euro, co que se sitúan en 380 euros. Nos animais de cruces industriais a suba resultou de 25 euros, de modo que acadan os 807 euros. As femias descontaron 52 euros e quedan nun prezo medio de 687 euros. Os becerros de Rubia Galega pasaron a cotizarse a 864 euros, tras un aumento de 28 euros. Mentres, as femias desta raza caeron ata os 717 euros, ó descontar 151 euros. Nesta sesión, o prezo medio dos animais co selo Ternera Gallega Suprema situouse en 834 euros, 53 euros menos que a pasada feira.

En canto ó vacún maior, houbo subas en boa parte das seccións. Nas vacas da categoría extra o incremento foi de 73 euros, o que as deixa cun valor medio de 1.805 euros. Nos animais de primeira, rexistouse unha suba de 19 euros e pasan a cotizarse a 1.121 euros. As vacas de segunda experimentaron un aumento de 23 euros e o seu prezo medio foi de 730 euros. As vacas de desvelle foron a excepción e descontaron 2 euros, de maneira que quedan cun prezo medio de 457 euros. O único exemplar co selo Vaca e Boi de Galicia adxudicado acadou un valor de 1.664 euros, fronte ó prezo medio 1.399 euros que se pagou a semana pasada.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacun-15_12_2020

Estabilízase o prezo do porco cebado

A mesa de negociacións do porco cebado acordou manter sen cambios os prezos do porco cebado esta semana. Mentres, nos leitóns seguen as subas.

Deste xeito, o porco cebado selecto e normal cotízase a 1,125 e 1,10 euros respectivamente. Os porcos de Canal II están a 1,429 euros e os animais de desvelle mantéñense entre os 0,44 e 0,5 euros.

Os leitóns incrementaron o seu prezo esta semana en 2 euros, polo que os animais procedentes dunha única gandería sitúanse a 45 euros e a 2,25 euros o quilo. Nos exemplares procedentes de varias granxas, o prezo por quilo é de 2 euros e por animal acada os 40 euros.

No mercado do ovo esta semana mantivéronse os prezos sen cambios. Os ovos da clase XL cotízanse a 1,50 euros a ducia, os da L están a 1,10 euros, os da M sitúanse en 0,96 euros e os da clase S quedan nos 0,78 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, atópanse entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello reduciu o seu valor en 0,15 euros, polo que se cotiza a 1,80 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino-15_12_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información