Subas nos becerros carniceiros e baixadas no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un incremento dos prezos dos tenreiros carniceiros e unha redución das cotizacións no vacún maior. Na recría a tendencia é á alza, con baixadas nas categorías con maior afluencia de gando. Sen cambios no porcino

Subas nos becerros carniceiros e baixadas no vacún maior en Silleda

Vacún maior na Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda. // Foto de arquivo.

Esta semana, houbo subas nos becerros carniceiros e unha baixada xeral do vacún maior na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que ten lugar cada martes en Silleda (Pontevedra). Na recría, a tendencia foi á alza, aínda que con baixadas nos prezos dos machos naquelas categorías con maior afluencia. As mesas de cotización do porcino acordaron manter sen cambios os prezos do porco cebado e dos leitóns. Tampouco houbo case variacións no mercado do ovo, a excepción dos animais de desvelle. O coello acusou esta semana unha nova baixada.

En canto ós prezos da recría, os becerros frisóns apuntaron unha leve baixada na categoría con maior afluencia, os animais de entre 20 e 50 días, que descontan 1 euro e quedan cun prezo medio de 104 euros. Mentres, os animais máis novos están a 88 euros, logo dunha suba de 5 euros. Pola súa banda, os becerros de máis de 50 días suman 4 euros e sitúanse nos 136 euros.

Na recría de cruzamentos industriais a tendencia é semellante. Os becerros máis novos, os de menos de 20 días experimentan unha suba de 6 euros e cotízanse a 262 euros. Nas femias desta sección a suba foi máis acusada, cun incremento de 49 euros acadan os 224 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría con maior número de cabezas, o prezo dos machos cae 20 euros e queda en 282 euros. As femias logran unha suba de 7 euros e están a 235 euros. A suba máis destacada produciuse nos machos de máis de 50 días, cun aumento de 59 euros, o que lles permite ter un prezo medio de 389 euros. As femias descontaron 7 euros e atópanse a 333 euros.

Nos becerros carniceiros a tendencia foi á alza nos machos e houbo importantes baixadas nas femias. Os animais de cruce industrial cotizáronse a 888 euros, tras unha suba de 50 euros. Nas femias produciuse unha redución de 111 euros, o que as deixa en 713 euros. Nos becerros de Rubia Galega o prezo medio estivo nos 989 euros, logo dunha suba de 106 euros. Nas femias produciuse unha baixada de 141 euros, e quedan nos 729 euros. Os animais co selo Ternera Gallega Suprema atópanse a 893 euros, o que supón 59 euros por debaixo do pagado a semana pasada. Este martes non se adxudicaron becerros carniceiros de raza frisoa.

No vacún maior predominaron as baixadas das cotizacións. As vacas da categoría extra descontaron 189 euros con respecto da feira anterior e quedan cun prezo medio de 1.841 euros. Nos animais de primeira tamén houbo unha rebaixa do prezo, neste caso de 49 euros, polo que se atopan cun valor medio de 1.105 euros. Os animais de desvelle descontaron 20 euros e cotízanse a 451 euros. Nos exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega, o prezo medio foi de 1.868 euros, o que supón unha baixada de 22 euros. A única excepción produciuse nas vacas de segunda, que pasaron a cotizarse a 734 euros ó lograr unha suba de 18 euros.

Central Agropecuaria Vacuno 7.12.21

O porcino repite cotizacións

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron manter as cotizacións tanto para o porco cebado como para os leitóns. Así, o porco selecto e o normal continúan a cotizarse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo e os animais de desvelle están entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Nos leitóns, os exemplares procedentes dunha única granxa atópanse nos 32 euros (cun prezo de 1,6 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 27 euros e teñen un prezo por quilo de 1,35 euros.

O mercado do ovo mantense case sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. A única variación produciuse nas galiñas de desvelle cunha suba de 0,04 euros, de xeito que pasan a cotizarse entre os 0,23 e os 0,30 euros por quilo.

O coello experimentou esta semana unha nova baixada de 0,05 euros. Así, cotízase a 2 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central agropecuaria porcino 7.12.21

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información