A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada semana en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas nos prezos medios logrados no vacún maior. Tamén foron máis altas que na última feira as cotizacións de referencia dos becerros carniceiros. Na recría, nos tenreiros frisóns a tendencia foi á baixa, mentres que nos cruzamentos industriais houbo subas nalgunhas categorías. Nas mesas de cotización do porcino, tanto o porco cebado como os leitóns experimentaron subas, mentres o mercado do ovo e o prezo do coello en Madrid continúan sen cambios esta semana.
A comparativa dos prezos entres as sesións da Lonxa busca ser unha referencia para o sector, mais na variación dos prezos tamén cómpre ter en conta outros factores como a distinta calidade media que poden ter os animais (canais, quilos, etc.).
Na recría, o gando frisón cotizou á baixa en boa parte das categorías. A excepción veu dada nos animais de entre 20 e 50 días, que é ademais a sección máis numerosas e de referencia do mercado. Neste caso, mantívose o mesmo prezo medio da semana pasada, e os animais seguen nos 99 euros. Mentres, nos becerros máis novos, os de menos de 20 días, o prezo medio quedou en 77 euros, cunha baixada de 5 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días a redución foi de 6 euros, e cotizáronse de media a 115 euros.
Nos becerros de cruzamentos industriais a tendencia foi á alza. Así, nos animais de menos de 20 días houbo unha suba do prezo medio de 33 euros e cotizáronse a 228 euros de media. Nos tenreiros de máis de 50 días, a suba foi de 34 euros e acadan os 385 euros. Mentres, nos becerros da sección intermedia, os de entre 20 e 50 días, houbo unha redución do prezo medio de 11 euros e sitúanse nun prezo medio de 262 euros.
Tamén houbo unha suba xeral dos prezos medios de referencia nos becerros carniceiros. Nos exemplares de cruzamentos industriais, apréciase unha suba de 33 euros ó acadar un valor medio de 881 euros nos machos. Mentres, nas femias produciuse unha baixada de 44 euros no prezo medio de referencia desta semana e sitúase nos 711 euros. Nos machos de Rubia Galega, o prezo medio ascendeu ata os 1.013 euros, o que supón un incremento de 127 euros. Nas femias tamén se apreciou un aumento (de 25 euros) no prezo medio de referencia, que pasou a ser de 780 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema, o prezo medio foi de 912 euros, fronte ós 853 euros da semana anterior.
No vacún maior a tendencia foi á alza e rexistráronse subas nos prezos medios de tódalas seccións. Nas vacas da categoría extra foi de 15 euros, xa que cotízanse de media a 1.864 euros. Nos animais de primeira o valor medio foi de 1.147 euros, o que supón 9 euros máis que a referencia da semana anterior. Nas vacas de segunda o incremento foi de 22 euros, xa que están a un valor medio de 736 euros. A diferenza máis destacada rexístrase nas vacas de descarte, cun prezo medio de 491 euros, o que supón 42 euros máis que a última feira. Nos exemplares co selo da IXP Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 1.982 euros, o que deixa un incremento de 832 euros.
Subas no porcino
Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,01 euros e pasan a cotizarse a 1,035 e 1,010 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,13 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,312 euros o quilo. Nos animais de descarte tamén houbo unha suba de 0,01 euros e cotízanse entre os 0,32 e os 0,38 euros o quilo.
Nos leitóns, produciuse unha suba de 1 euro. Deste xeito, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 44 euros (cun prezo de 2,2 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 39 euros e teñen un prezo por quilo de 1,95 euros.
O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL están a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. As galiñas de descarte están a cotizarse entre os 0,23 e os 0,30 euros por quilo.
O coello mantense a 1,9 euros o quilo na Lonxa de Madrid.