Subas no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra subas en tódalas categorías de vacún maior. Na recría e nos becerros carniceiros houbo incrementos dos prezos en parte das seccións. O porcino segue á baixa e os ovos mantéñense sen cambios

Subas no vacún maior en Silleda

Vacún maior no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

Este martes a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada semana en Silleda (Pontevedra), rexistrou subas en tódalas categorías de vacún maior. Mentres, a recría experimentou só incrementos nos prezos nalgunhas das seccións. O mesmo aconteceu nos becerros carniceiros, onde só o gando de Rubia Galega conseguiu subas. A mesa de cotizacións do porcino acordou novas baixadas no porco cebado e nos leitóns. Mentres, o mercado do ovo mantense esta semana sen cambios.

No caso da recría, nos tenreiros de raza frisoa os animais máis novos, os de menos de 15 días, rexistraron unha suba de 6 euros e sitúanse nun prezo medio de 93 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa do mercado, o prezo medio foi de 126 euros, logo dunha suba de 3 euros. Os animais de máis de 50 días foron a excepción cunha baixada de 11 euros, o que os deixa nun valor de 143 euros.

Nos becerros de cruzamentos industriais a tendencia foi á baixa. Os animais de menos de 15 días, foron case a única excepción ó sumar 2 euros e acadar un prezo medio de 234 euros. As femias desta sección están en 163 euros. Nos tenreiros de entre 15 e 20 días houbo unha baixada de 11 euros que os deixa en 275 euros, mentres que as femias están a 224 euros ó descontar 2 euros. Os becerros de máis de 50 días tamén rexistraron unha baixada de 11 euros e quedan en 394 euros. As femias foron outra das excepcións, cun incremento de 38 euros que lles permite acadar os 337 euros de prezo medio.

Os becerros carniceiros de cruzamentos industriais tamén experimentaron unha baixada. Neste caso, os machos descontaron 31 euros e quedan en 856 euros. As femias lograron incrementar o seu valor en 39 euros e sitúanse en 803 euros. Nos frisóns só se adxudicaron femias, que tiveron un prezo medio de 305 euros, o que supón unha baixada de 60 euros con respecto da feira pasada. Mellor sorte tiveron os becerros de Rubia Galega. Nos machos houbo unha suba de 24 euros, co que acadan un prezo de 997 euros. Nas femias o incremento foi de 70 euros e sitúanse en 880 euros. Nos becerros co selo Ternera Gallega Suprema, o prezo medio quedou en 950 euros, o que supón descontar 5 euros con referencia á semana anterior.

O vacún maior experimentou unha suba xeral en tódalas categorías. As vacas da sección extra están en 2.015 euros, logo dun incremento de 16 euros. Os animais de primeira acadaron unha suba de 24 euros que as deixa en 1.156 euros. Nas vacas de segunda produciuse un aumento de 21 euros, o que as sitúa nun prezo medio de 755 euros. Os animais de descarte están a 479 euros, ó rexistrar unha suba de 11 euros. Tamén os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia incrementaron o seu valor esta semana. En concreto, tiveron unha suba de 148 euros, de maneira que teñen un prezo medio de 1.435 euros.

Central Agropecuaria Vacuno 29_06_2021

Baixa o porcino

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino acordaron baixadas das cotizacións tanto para o porco cebado como para os leitóns. No porco selecto e no normal o prezo reduciuse 0,04 euros, polo que se cotizan a 1,535 e 1,510 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,961 euros, logo dunha baixada de 0,052 euros. Os porcos de desfeito acusaron a baixada máis importante, ó descontar 0,07 euros, polo que agora cotízanse entre os 0,68 e os 0,74 euros o quilo.

Nos leitóns tamén houbo baixadas, que foron de 4 euros por animal. Así, os exemplares procedentes dunha única granxa quedaron nos 57 euros (cun prezo de 2,85 euros o quilo) e os animais de varias ganderías situáronse nos 52 euros e cun prezo por quilo de 2,6 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Porcino 29_06_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información