Subas no vacún maior e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un incremento dos prezos do gando maior e dos tenreiros carniceiros. A recría mantense case sen cambios nos becerros frisóns. Novas subas no prezo do porco cebado, os leitóns e os ovos

Subas no vacún maior e nos becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes subas no vacún maior e nos becerros carniceiros, mentres que na recría de becerros frisóns case non houbo variacións. As mesas de porcino volveron acordar subas tanto para o porco cebado coma para os leitóns. O mercado do ovo tamén se mantén a alza esta semana e o coello continúa estable.

Na recría, os becerros pintos mantivéronse case asentados nos mesmos prezos. Foi o caso dos tenreiros de menos de 20 días, que continúan a cotizarse a 78 euros ou os de entre 20 e 50 días, que permanecen nos 95 euros. En ámbalas dúas categorías o prezo medio só variou uns céntimos. A excepción nos becerros frisóns veu nos animais de máis de 50 días, que pasan a cotizarse a 127 euros, tras unha suba de 12 euros.

Os becerros de cruzamentos industriais de menos de 20 días reduciron o seu prezo en 3 euros e cotízanse a 184 euros. Mentres, as femias desta sección experimentaron unha suba de 27 euros e acadan os 154 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días o prezo baixou en 22 euros, ata situarse no 243 euros. Nas becerras, o prezo incrementouse en 10 euros e pasan a venderse a 167 euros. A tendencia inverteuse nos animais de máis de 50 días, de modo que os machos incrementaron o seu valor en 41 euros, ata acadar os 380 euros, e as femias experimentaron unha rebaixa de 57 euros, de xeito que quedan en 227 euros.

Nos becerros carniceiros de cruces industriais, o prezo incrementouse en 7 euros para os machos e en 38 euros para as femias, polo que se cotizan a 802 y 727 euros respectivamente. Os becerros frisóns que se adxudicaron esta semana marcaron un prezo medio de 563 euros, o que supón un incremento de 199 euros con respecto da semana, aínda que cómpre recordar que o prezo medio na feira pasada fixouse trala adxudicación dun único animal. Nos becerros de raza Rubia Galega, o prezo foi de 866 euros para os machos, cunha baixada de 47 euros. As femias cotizáronse a 769 euros, tras unha suba de 72 euros. En canto ós animais co selo de Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 796 euros, 31 euros máis que a semana pasada.

No vacún maior predominaron as subas. A única excepción produciuse nas vacas de desvelle cunha baixada de 25 euros, polo que pasan a cotizarse a 447 euros. Pola súa banda, as vacas de segunda marcaron un incremento de 18 euros, pasando a cotizarse a 724 euros. Os animais de primeira están a 1.097 euros, logo dunha suba de 16 euros. No caso das vacas da categoría extra o seu valor incrementouse en 172 euros e acadan os 1.720 euros. Os dous animais co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega, que se adxudicaron marcaron un prezo medio de 1.893 euros.

Central-agropecuaria-Vacuno-23_02_2021-1

Subas no porcino e os ovos

O porco cebado e os leitóns experimentaron esta semana novas subas en boa parte das seccións. En concreto, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,04 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,225 e 1,20 euros o quilo, respectivamente. Nos exemplares de Canal II a suba foi de 0,052 euros, e acadan así un valor medio de 1,558 euros. Nos porcos de desfeito o incremento foi de 0,05 euros e pasan a cotizarse entre os 0,53 e os 0,59 euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 2 euros. Así, os animais procedentes dunha única gandería acadan os 63 euros, cun prezo de 3,15 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 2,9 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 58 euros.

No mercado do ovo tódalas seccións incrementaron o seu valor. No caso dos ovos da categoría XL o aumento foi de 0,03 euros, polo que a ducia sitúase a 1,54 euros. No resto, houbo unha suba de 0,02 euros, de maneira que os da L se cotizan a 1,11 euros a ducia, os da M están a 1 euro e os da S quedan en 0,80 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, mantéñense sen cambios, cun prezo de entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

O prezo do coello continúa esta semana a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-agropecuaria-Porcino-23-02-2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información